miércoles, noviembre 22, 2006

Bibliotecas municipais, bibliotecas en Vigo e outras utopías culturais

(www.vigoenfotos.com)

O III Simposio sobre o libro e a lectura lémbranos outra vez o raquitismo galego no eido da planificación de bibliotecas a nivel municipal e bibliotecas escolares, precisamente as máis importantes para o desenvolvemento educativo e cultural de calquera comunidade. Houbo intentos de sacar brillo a un ou dous exemplos que medianamente funcionan pero esquencemos de novo o insoportable subdesenvolvemento do resto do sistema. Xa atopei en varios medios moitas loubanzas sobre as excelencias da rede de bibliotecas municipais da Coruña, aínda que tamén me contaron moitas eivas que me fan pensar nunha mera operación publicitaria. Non deberíamos gabarnos tanto cando só estamos a saír dun atraso monumental no que a bibliotecas municipais e escolares se refire. O tema é grave e deberiamos admitir as críticas que contra todo este abandono secular se fai dende moitos puntos, aínda que por mor desta abafante moda do políticamente correcto cada vez son menos os que petan na mesa para espertar aos osos cavernarios dos nosos representantes-xestores-técnicos-políticos culturais.. No mencionado Simposio, Gabriel Beceiro tirou unha pedra contra as fiestras dos adormecidos funcionarios que sistemáticamente fan deixación das súas funcións no que a bibliotecas se refire e en todo o relativo a políticas activas que realmente se interesen polo cidadán en temas culturais. Porque unha biblioteca municipal ben dotada e xestionada non pode ser considerada un equipamento de luxo, non se lle pode negar á xente a posibilide de informarse, de ler, de estar mínimamente ao día, de que se poida formar unha opinión máis ou menos crítica para logo participar nas desicións políticas. O tema ven de vello e son pesimista, creo que vai para largo. Este país galego segue regodeándose por veces no seu atraso. As administracións locais seguen a ser illas de dificil acceso para as formas democráticas e transparentes e seguen a ser recunchos nos que os máis listos do pobo acaban por facerse co cumio dunha morea de servidores só interesados por arrapañar un pouco de aquí e quitar outro pouco de alá, ¿para que se queren bibliotecas? Xa temos asociacións que fan cursiños de pintar cestos e campionatos de chave. E logo temos o que temos. Unhas estatísticas que nos sitúan no final da cola. Brétemas publica no seu blog as conclúsións do III Simposio sobre o Libro e a Lectura. A situación de Vigo no tema de bibliotecas ven sendo denunciada dende hai xa moitísimo tempo e a cidade segue a sufrir unha carencia de postos lectura por cidadán totalmente superana no noso entorno nacional e europeo hai decenios.
A foto correspóndese coa Biblioteca Central de Vigo, unha cidade de 300.000 habitantes no ano 2006. Non digo nada máis.

No hay comentarios: