viernes, diciembre 22, 2006

Civilización vs. Destrucción

(Foto: tabliña con escritura cuneiforme. O territorio do actual Iraq foi o berce da nosa civilización. A súa destrucción no pode significar outra cousa que o seu fin.Foto: proyectonautilus.com.)

Xa tiña ganas de volver a este recuncho de tranquilidade e reflexión. Estes días as miñas lecturas foron un tanto apocalípticas e seguramente non as comentaría aquí se non se produciran novas tan desacougantes. O aforcamento de Sadam é o agasallo que Papá Noel - o mister danger que diría Chávez- tiña preparado para este nadal. Moitas conciencias quedarán tranquilas, claro que si. Forma parte da derradeira moda de agasallo alternativo que serve para aliviar a nosa mala conciencia. ¿que máis ten que morran cada día cen ou duascentas persoas no país de Sadam como consecuencia da irreversible situación de violencia que o Tío Sam levou un día envolta nunha bandeira de barras e estreliñas de colores? Non son días para estar tristes, e ademais é máis fácil así, ahh! ¡que liberación para as atoadas mentes dos que queren ser cada día máis simples! ¡o culpable está aí, coa corda ao pescozo! A galiña segue a estar cega, para iso estan a traballar tantos mister danger no mundo. Lembro cando o do Prestige tamén a cegueira colectiva. Contáronme que un home nunha praia enchoupado de merda ata os xeonllos berraba indignado: - ¡no veo chapapote por ninguna parte! ¿dónde está esa contaminación de que tanto hablan para fastidiar a Rajoy?

Fernando Báez é seguramente o home que máis sabe sobre destrucción de libros e bibliotecas. A súa obra "Historia universal de la destrucción de libros" é unha auténtica historia universal da infamia. A súa propia vida estivo marcada por estarrecedoras experiencias como o asolagamento da biblioteca na que vivía de neno polo desbordamento do río Guaraní. Os seus libros son o resultado dunha laboriosa investigación sobre a destrucción e tamén unha reflexión profunda sobre as causas deste fenómeno que é tan antigo como o propio libro. Non pode haber unha lectura máis de actualidade. As épocas máis avanzadas foron tamén as que máis libros queimaron. Hoxe, na Sociedade da Información e do Coñecemento da que tan fachendosos nos amosamos prodúcense tamén os fenómenos de destrucción de información máis vergonzosos.

Máis información:
Sobre a destrución do Iraq: Iraq, Guerra y Ocupación, do profesor Manuel Cáceres Sánchez.

Boa música. Área reservada de Radio 3



Os que gustamos do delicioso programa Área Reservada, de Radio3, estamos de sorte. Na emisión de hoxe Antonio Fernández agradecía a creación deste blog sobre os contidos do programa. Neste panorama de deserto tártaro e remakes que atopamos no eido musical, este espazo radiofónico é un oasis de calidade tanto de músicos xa consagrados como de novos creadores. Aquí coñecín, por exemplo ao grupo alemán de jazz TokTokTok, e outros como Hiram Bullock, Jamie Cullum..etc. O prográma emítese diariamente de 14:00 a 15:00 horas.

martes, diciembre 19, 2006

Vía Brétemas vos achego o primeiro anuncio dun libro galego na televisión. Curioso. Non lembro xa este anuncio do ano 1986, sen dúbida ando mal de memoria. O caso é que tampouco me ven á cabeza ningún anuncio de libros galegos na nosa televisión autonómica. Os únicos casos dos que teño noticia son estes.

domingo, diciembre 17, 2006

Agasallos navideños

Segundo o derradeiro telexornal o que está agora de moda como agasallo navideño é a inxección de toxina botulínica. Malia a miña incredulidade en deuses e fadas non fun quen de reprimir o clásico berro !xesús¡ e rauda e veloz corrín ao google na procura de significados. Non daba crédito. (Foto: El mundo)
Tamén está causando sensación o derradeiro invento xapones para Nintendo, o famoso Brain Age o xogo que en España está a popularizar Amparo Baró. Onte preguntei nunha tenda de xoguetes e, non o ides crer. A vendedora non se cansou de desaconsellarme este invento que por mor dunda enganosa publicidade está provoncando as iras de moitos compradores. O caso é que, segundo a vendedora (tanto espíritu crítico na venda dun xogo electrónico nestas épocas sorprendeume aínda máis) moitos clientes, seguramente debido á contaminación acústica, visual e gastronómica destas datas, pensan ou imaxinan aos seus maiores como Amparos Barós, e claro, logo veñen os disgustos cando se dan de conta das dificultades que teñen estas persoas para manexar perifollos (que diría Forges) tan estraños a eles. En principio moitos non son capaces de agarrar o lapiceiro e xa non digamos o de ver neste tipo de pantallas. O resultado é que se enfadan os vellos pois non entenden con qué idea lle meten este becho nas mans, e se enfadan os fillos e os netos que ven neles a uns desagradecidos. Saín da tenda de xoguetes pensando no parecido cada vez maior que temos coa familia Simpon. Somos parvos a conciencia.

¡lembra! Antes de deixarte arrastrar polo novo flautista de Hamelín do mercadeo navideño R E F L E X I O N A. Primeiro, non é preciso mercar nada, para amosar o noso aprezo por alguén. Por outra banda, os condicionais da moda poden dar un paseo pola Europa civilizada para ver que este ritual demodé e hortera de luces, papás noeis rampantes e cervos que pola noite moven a cachola (o meu veciño ven de poñer un no seu balcón) xa non se leva. Só de pensar que os nosos cartos serven para poñer por exemplo máis de tres millóns de bombillas para o alumeado de nadal...Aquí vos deixo algunhas ideas para agasallar en calquera data do ano...Un libro: Los girasoles ciegos de Alberto Méndes, Unha película: La mirada de Ulises de Theo Angelopoulos, Un compromiso, por exemplo unha invitación para asistir a un espectáculo coma este.
Un chisco de humor do xenial Forges pode servir para non respostar á chamada da selva.


(Continuará: polo menos ata os primeiros días de xaneiro)

miércoles, diciembre 13, 2006

IN-RECS índice de impacto das Revistas Españolas de Ciencias Sociais

In-Recs é un índice bibliométrico que ofrece información estatística sobre citas bibliográficas coa finalidade de determina-la relevancia e impacto científico das revistas españolas de ciencias sociais, dos autores que publican nelas e das institucións ás que pertencen. Permite coñecer de xeito individual as citas bibliográficas que reciben os traballos publicados en revistas científicas españolas e desta forma coñecer o impacto real que tiveron na comunidade científica á que se refiren. Éste índice publica anualmente no último trimestre do ano listados de revistas, autores e institucións ordenados segundo o seu impacto. Dende o día 11 podemos consultar os datos actualizados no seu enderezo web.

Máis información:

RESH: Revistas Españolas de Ciencias Sociales y Humanas.Valoración e índice de citas.Cindoc/CSIC.

Guía do Journal Citation Report (Uned)

Magnífico blog sobre o tema: Bibliometria

lunes, diciembre 11, 2006

A Galipedia acada os 20.000 artigos

Este é o meu amigo Víctor traballando na Galipedia. É un dos colaboradores anónimos deste grande proxecto que medra día a día e que ven de superar os 20.000 artigos. Convídovos a visitar este traballo feito por persoas que dende o anonimato contribúen a espallar pola rede a cultura e a lingua galegas. Víctor e outros coma él non perden a paciencia malia os vándalos ideolóxicos e outros virus non só informáticos que pululan pola rede. Da gusto escoitalo falar tan apaixoadamente das contribucións de tanta xente que inviste o seu tempo enriquecendo o ciberspacio con este e outros proxectos irmáns como o Wikipedia Commons (repositorio fotográfico), o Galizionario, Wikisource, e tantos outros. A xa famosa Web 2.0 veu para quedar, así que botade unha ollada se aínda non sodes socios deste club. Por certo aínda non hai contidos para o tema da muller ¿a que esperamos?

sábado, diciembre 09, 2006

La mina del diablo de Richard Ladkani y Kief Davidson en Documenta 2

Grazas ao programa Documenta 2, unha excepcional aposta pola calidade e información que fan que aínda teña sentido prender a TV de cando en vez, coñecín a Basilio, o rapaz da fotografía da esquerda, un neno de 14 anos que traballa na Mina do Diaño, xunto co seu irmán Bernardino, creo que se chamaba. Miralo coa miña ruliña de 15 anos foi xa unha proeza porque non é nada doado ganarlle a partida ao messenger, e aínda menos cun rival en principio tan feble: un documental sobre os nenos mineiros de Bolivia, pero sei que pagou a pena. Basilio cóntanos cómo é a súa vida na mina dende unha sabiduría precipitadamente madura que o obrigou a exercer de pai de familia. A súa expresión e as súas verbas non pretenden conmovernos, ten unha mirada tan limpa como a que reflexa a fotografia da esquerda. Fala coa seguridade do que sabe o que quere, porque ten que vivir hora tras hora, día tras día no inferno, literalmente. Unha das esceas que más me emocionou foi a explicación que lle deu ao seu irmán cando o leva a presentarlle ao tío (o demo) que está representado en tódalas minas:
¿sabes quen é o tío?, non, cando viñeron os españois os indios pensaron que eran deuses pero logo que os meteron nas mitas os indios protestaban porque os facían traballar vintecatro horas seguidas e descansaban só tres e entón os españois que sabían que os indios tiñan moitos deuses asustáronos dicíndolles que se non traballaban un deus os mataría (o demo) e como en quechua non tiñanos a letra "d" para deus entón empregaron o "t" e por iso lle chamamos o "tío".
Cincocentos anos despois da conquista a situación non é moito mellor. A mita, o sistema de explotación na época colonial, é a forma embrionaria do actual sistema de explotación derivado do desenvolvemento incontrolado do capitalismo, que unha vez liberado do seu competidor deu nunha sorte de globalización económica baseada na procura das desigualdades, marxinacións e inxustizas que se precisan para manter ao primeirísimo mundo no cumio da degradante, hipertrofiada e espero que autodestructiva opulencia.
A foto da dereita representa a un rapaz mascando coca, forma parte do artigo de Mª Jesús Rodríguez de la Esperanza, "Bolivia: arqueología viva de la minería colonial". Non hai moita información na rede sobre o tema. Malia a importancia deste documental, premiado en moitos festivais, na web en español se produrades "El diablo en las minas" atoparedes máis páxinas de xogos e de esoterismo en xeral que información sobre a película. En fin.
(2005) 81'56'
'DIRECCIÓN: RICHARD LADKANI, KIEF DAVIDSON
GUIÓN: RICHARD LADKANI, KIEF DAVIDSON
FOTOGRAFÍA: RICHARD LADKANI
MÚSICA: LEONARDO HEIBLUM, ANDRÉS SOLIS
PAIS DE ORIGEN: ESPAÑA

jueves, diciembre 07, 2006

Non recomendado. La pasión por los libros. Un acercamiento a la bibliofilia. Francisco Mendoza (etc)

Unhas poucas frases graciosamente irónicas e o interese do tema provocaron que adicara a este libro moito máis tempo do que merece. Teño unha tendencia incorrexible a admirar toda obra publicada, e como consecuencia acumulo tamén moitas sensacións de fraude. O bo ánimo co que literalmente collín este libro foi minguando pouco a pouco ata que literalmente non tiven forzas para sostelo, e para evitar unha dolorosa caída, decidín deixalo cómodamente deitado no seu anaquel, de onde espero que no saia en moito tempo. Primeiro foron algunhas frases de gusto dubidoso, logo unha rinchante linguaxe sexista que se regodeaba no masculino e nos tópicos dos días de Quevedo e por fin o lamentable capítulo Nuntio vobis magnun gaudium: habemus bibliophilas (é non fala dos coñecidos bechos devoradores de papel). Aquí é onde Mendoza (négome a copiar o resto dos seus apelidos de que tanto se gaba, como todo erudito demodé que se precie) se descalifica a sí mesmo. A verdade, facía tiempo que no lía perlas coma estas:
Algunos niegan la misma existencia de las bibliófilas, cuando, para empezar, estamos bajo el celestial patrocinio de una mujer.
Esta frase, no sei, déixame como un certo sabor acedo, como logo de pegarlle un bocado a un caqui silvestre...
El coleccionismo en general y la bibliofilia en particular son actividades históricamente reservadas a los varones.
Esta outra lémbrame un antigo libro ilustrado con todo tipo de enfermidades venéreas, pero ollo, todo pode ir a peor:
Las mujeres no tenían costumbre de coleccionar nada; si acaso, objetos de poco precio y escaso volumen: dedales, hueveras, frasquitos de perfume, pilas de agua bendita, búhos de diversos materiales...Quizá esto se deba principalmente a que durante casi toda la historia de la humanidad-a consecuencia de la absurda e injusta misoginia imperante-tuvieron menos relevancia social, capacidad de decisión e independencia económica que los varones, pero es probable que su escasa afición al coleccionismo constituya también la mejor prueba del superior sentido común de las féminas. Y no es que las hijas de Eva sean inmunes a la neurosos y al taedium vitae, sino que difieren de los hombres en los métodos de combatirlo: por ejemplo, hacen footing, aerobic o shoppìng, juegan al bingo o al brigde, practican la maledicencia, dan en la devoción....
Algúns vos estaredes preguntando de onde saiu este dinosaurio; pois non o sei, pero da medo, sobre todo cando lemos tamén unhas cantas liñas despois:
...las mujeres son cronófagas, como bien dice Juaristi: necesitan que les hagamos caso, o, lo que es lo mismo, que les dediquemos tiempo...
¿será o Juaristi que fora director do Instituto Cervantes nomeado por Aznar?
¿que vos parece? ¡nas mans de quen anda a cultura!

lunes, diciembre 04, 2006

Witold Gombrowicz. "Cosmos"


Logo dunha fin de semana enteiramente dedicada a Gombrowicz tratarei de vos convencer e converter á súa obra. "Cosmos" é un relato para min inclasificable aínda que o autor ten claro que é unha novela policíaca, é dicir, un intento de organizar o caos. Segundo G. por eso mi Cosmos, que me gusta llamar una novela sobre la formación de la realidad, será una especie de novela policial. Seguimos tamén as súas referencias agora do diario de 1963 (traduzo ao galego): Acordo dous puntos de partida: a) un pardal pendurado; b) a asociación entre a boca de Katasia e a boca de Lena. Estes dous problemas esixen un sentido. Un métese do outro cara a totalidade. Deste xeito comeza un proceso de suposicións, asociacións, investigacións, algo que se vai crear, pero trátase dun xerme máis ben monstroso, un aborto... e este rebus oscuro, incomprensible, esixirá unha solución...procurar unha Idea que explique, que impoña unha orde...
Personaxes: Witold, Fuks, Lena, Sra. Wojtys (Dña. Bolita), Katasia, Ludwik, Leon, Krysinsky, Tulos, Jadeczka, Lulo, Lula, sacerdote.
Máis información:

Witold Gombrowicz, en el centenario de su nacimiento, Documentos inéditos, por Eduardo Gimenez

Witold G. en la Wikipedia

W.G. en Argentina. Literatura.org


domingo, diciembre 03, 2006

Maestros da luz, Premios nacionais de fotografía, en Vigo

(Foto: C.García Rodero: Carnaval.Jachel. Serie Rituales en Haití)

Durante uns días podemos disfrutar na nosa cidade da mellor fotografía coa exposición Maestros de la luz, premios nacionales de fotografía. Un percorrido pola historia desta arte a través dos mestres Francesc Catalá Roca, Toni Catany, Ouka Lele, Agustí Centelles, Gabriel Cualladó, Joan Colom, Carlos Pérez Siquier, Ramón Masats, Javier Vallhonrat, Joan Fontcuberta, Chema Madoz, Cristina García Rodero, Humberto Rivas, Alberto García-Alix,

Para ilustrar este comentario elixín únha obra da xenial C.García Rodero pola forza que desprende esta composición.


Máis información:
Datos da exposición, stylusart