jueves, abril 26, 2007

Plataforma de Calixto Bieito

Tachamos a Houellebecq de provocador porque nos esperta violentamente da ficción xerada por un sistema autodestructivo que disfraza de felicidade as prácticas máis perversas. Non somos quen de soportar que nos vomiten na cara unhas cantas verdades que voluntariamente rexeitamos en aras da pacotilla e do abelorio. Nunha escea o alter ego do novelista espétalle unha labazada á boneca inchable na que nos convertemos, primeiro deixándonos engaiolar polos fogos de artificio do sistema para de contado inmolarnos ao aciago demiurgo do economicismo. O drama acentúase cando nos decatamos da imposibilidade de desfacer o camiño, non hai unha segunda oportunidade. O paraíso prometido no libro sagrado -a Tailandia da guía Trotamundos- agora é un mortífero campo de batalla na que as víctimas dunha depredación milenaria sacrifícanse para botar ao monstro invasor que lle chuchou o sangue e a indentidade (a novela foi escrita antes do 11/9 e posteriores barbaridades). A Plataforma de Calixto Bieito complementa á novela cunha montaxe espectacular. O Michel do texto é un personaxe moito máis frío deste que fala pola boca do xenial Echanove, pero igual de atormentado. Recoñecemos tamén a Valérie moi ben traducida por Marta Domingo. Belén Fabra é Marylise a muller que permanece espida durante toda a función e que representa o mundo no que se desenvolve a historia principal, é ao tempo poesía e prostituta, amor e violación, vida e morte. É un manequín de Schulz.
Eu non diría que a representación pode ferir sensibilidades por mor de esceas con sexo explícito senón pola violencia que emprega para espertarnos dun infernal estado autoinduido de gregarismo e sumisión.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Hola Ana! Estou dacordo no que dis sobre a sensibilidade "a ferir". Parece que aínda é escandaloso amosar un corpo, algo natural, e non tanto (polo menos no senso de avisar ó público cun cartel ou papel)amosar a violencia e a crueldade, que quizais sexa habitual, pero négome a pensar que natural.
Non coñezo a novela, pero a proposta teatral invita a unha lectura máis polo miúdo de mensaxes que alí se "soltaron" e que aínda costa asimilar (a reflexión sobre o racismo por exemplo).
Como espectadora de teatro dicir que "sufrín" un pouco por cuestións do ritmo da historia, e que Echanove (grandioso en enerxía e intención) merece un remate máis acorde coa súa interpretación: defender o monólogo final estirado ata o límite agota ó espectador e penso que a el mesmo tamén. Turbadora, cunha inmensa presencia(que vai moito máis alá do seu corpo espido) e creadora dunha atmósfera moi especial: Marylise. Desas actuacións que non esqueces aínda que esquezas a obra.

Plataforma tamén valeu para coñecervos, Ana e Aser. Un pracer. O teatro é así,...pura vida. Unha aperta dende Ourense e ata pronto. Sonia

Ana Bande dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Ana Bande dijo...

Moi atinado e completamente de acordo. O pornográfico e insultante é a violencia e rexeitamento do natural -magníficamente representado por Marilyse- en favor dunha condenada sumisión a un sistema no que se mercantiliza e monetariza absolutamente todo, as ideas, as crenzas, o sexo, o amor...Certo, a pega maior e o forzado estiramento do monólogo final que ameaza con deixarnos sen Echanove nunda destas. Apertas.

Ana Bande dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Anónimo dijo...

Camilo Franco na Voz non puña moi ben a obra. Que che pareceu a crítica de CF?

Ana Bande dijo...

Non me parece nin sequera unha crítica, Camilo Franco limítase a uns cantos "piropos" xa moi manidos sobre Houellebecq, pequeno burgués, enfant terrible...(máis do mesmo)unha crítica é moito máis que eso. Xa dixen que non estamos moi preparados para a provocación, velaí un exemplo. Plataforma, a novela e a obra teatral da para reflexionar sobre moitas enfermidades do noso tempo, a quen quere, claro. O único no que estou de acordo é no exceso de monólogo, sobre todo no final.