martes, enero 01, 2008

Exipto I: Giza


Aínda non estou para moitas lerias, pero quero facer esa crónica que me pedides. Non é a típica foto das pirámides, pero é que para típico xa abondou coa maldición de ImageTours. Quedades avisados, engadide este turopereitor na vosa "black list" se non vos queredes arriscar a perder os cartos e a saúde nas vosas próximas viaxes. Logo dunha intoxicación, ou infección (Occam dixit), masiva -enfermamos o 100%- os guías e os corresponsais das axencias fixeron mutis polo morro deixándonos literalmente co cu ao jamasin, iso os máis afortunados, que a maioría non fomos quen de de afastarnos do w.c. por moito tempo. Malia todo, e grazas a Ahmed, un providencial compañeiro de viaxe, conseguimos poñer denuncias, mercar medicamentos, amotinarnos na porta do ruinoso hotel no que nos querían aloxar no Cairo e aforrar unha media de 300 euros por cápita nesas excursións-timo que argallan para nós todos esas serpes da cousa turística que tan ben describía o meu admirado Houellebecq.
Pois ben, para empezar, Giza e as Pirámides. Da espectacularidade destas construccións non vou dicir máis do que xa sabedes, pero, como dixo Kapuscinski falando da Grande Muralla chinesa, ¡canto tempo, vidas e recursos soterrados! Cando mellor tería sido adicar todo este esforzo no desenvolvemento e alimentación deses pobos. Tiven a sorte de quedar máis tempo na meseta de Giza porque tiña mercada a entrada á pirámide de Kefrén e Hamada, o meu guía, aínda que un pouco a disgusto (ás veces amosaban unha certa preocupación por nós) deixounos quedar alí pola nosa conta. Grazas a esta "escapada" puidemos ver o outro lado das pirámides, afogadas por batallóns de autobuses turísticos que chegan case ata a mesma entrada. Tamén me deixou abraiada ver tantas persoas escalando estes monumentos, práctica que eu daba por desaparecida dende o século XIX, na que seguro teñen moito que ver todos eses policías turísticos totalmente analfabetos encargados de roubar, oficialmente, eso si, aos distraídos turistas que se lles poñen a tiro (hai milleiros de anécdotas curiosas sobre estes tipos e o seu modus operandi). Pois así de lamentable atopamos o entorno de las pirámides. Outra cousa ben curiosa, e esta teima por erguer muros coma este de Giza. Barreiras para agochar unha pobreza que non se pode ocultar, malia o capriño dun goberno que só quere amosar unha parte do seu espléndido país. Porque a beleza non está só no patrimonio material, tamén está no sorriso e e xentileza desta xente esaxeradamente pobre, sumisa e incomprensiblemente feliz. Pero disto falarei outro día.
Recoméndovos ler estes post co fondo musical da mágnífica voz de Umm Kolthoum, a María Callas de Oriente:




6 comentarios:

bouzafria dijo...

Graciñas polo consello, aínda que non estamos moito para viaxar, se ben viaxes como o seu pagan a pena facelos unha vez na vida. E que se vaia mellorando.

apicultor dijo...

Se fose de viaxe a Exipto como foron o Sarko e a Bruni, a un hotel de mil cen euros por noite, non habían ter eses problemas estomacais.

É o que ten ser pobre e ir de viaxe a un país pobre. Aos países pobres só se pode ir de rico... se non queren correr riscos.

Que se mellore!

occam dijo...

Haberá que falar de vagar disto da industria turística. Lémbro de haber lido un ensaio demoledor de Hans Magnus Enzensberger ao respecto. Teño que atopalo e vos conto.

Eu estiven no museo exipcio de Turin e fiquei boquiaberto. Imaxino que o do Cairo ten que ser para éxtasis

apicultor dijo...

Amiga Ana:

Agardamos que estea plenamente recuperada de saúde e ánimo, e que, a pesar de estar contra o consumismo, os Reis lle trouxeran moitos agasallos interesantes.

Unha aperta.

Ana Bande dijo...

Occam,
Si, teríamos que falar abondo deste tema dos timos turísticos a escala global. Logo do que nos pasou a nos estou vendo algúns foros deste touroperator "imagetours" e o que conta algunha persoa é de película de ciencia ficción. A un turista español os guías ata lle quitaron os billetes de volta a España por negarse a aceptar excursións (as excursións a Abu Simbel custan 95 euros e as podes facer por menos de 10 pola túa conta) pagos por trámites de visado (cobraban 35 euros cando o podes facer por 10...), pago de propinas por adiantado, etc. etc. A min o que máis medo me mete nestes casos é esa enaxenada actitude de moitos turistas que pensan que co seu billete mercaron o dereito á felicidade e nin se plantexan reveindicar absolutamente nada. No noso caso había un grupo que paseaba polo barco adobiado para unha ridícula "festa da chilaba" mentras o 90% do pasaxe non podía co cu (neste caso é literal). Os emporios do turismo coñecen ben este novo perfil de turista idiotizado e están a explotar o choio coa cobiza duns buscadores de ouro totalmente exanados.
Agardo que atope vostede ese ensaio de H.M.Enzensberg.
O Museo do Cairo, ...sí, é de éxtase, xa falarei un pouco desto, a cousa meréceo. De momento lle direi que dan ganas de ir un mes a vivir ao Cairo só por ir tódalas mañás a admirar moitos restos desta extraordinaria e criminal civilización. Tamén dan ganas de pasar un trapo polas esculturas colosais da primeira planta,semellan acabadas de chegar dos xacementos.

Apicultor,
Sempre é unha ledicia sentilo ahí ao outro lado, máis agora, que o podemos imaxinar na súa biblioteca particular. Pois aí andamos facendo análises e denuncias, a recuperación vai lenta, por iso teño un pouco o bló ao ao "ralentí", e non é por falta de ganas de escribir e cousas que contar. Os reis...bueno, trouxéron unha esperanza nun asunto persoal que sa non tiña pinta de se arranxar, e as esperanzas, xa sabe, hai que ter conta delas, porque teñen ás...coma os cronopios e os famas ¿non sí? Lembre que temos unha citan pendiente, eu agora estou liada cun traballo que tiña que estar rematado hai 15 anos, pero en dúas semanas quedarei libre. Apertas!

apicultor dijo...

Ánimo e palante, amiga Ana.

Contra finais deste mes ou comezos do que vén, verémonos arrodeados de libros. Non me esquezo. Xa a avisarei con tempo.

Saúdos.