domingo, agosto 24, 2008

Infinitas preguntas sen resposta.


Picasso. Cabeza de mujer llorando con Pañuelo III

Se Orwell se erguese da súa tumba quedaría abraiado coa imaxinación do poder. Un poder global, compartido, indefinido, agochado, ameazante, escuro, que está en todas partes e non está en ningures.

O tráxico accidente polo que choran algúns poucos estes días non é quen de espertar ao pobo durmido e autosatisfeito. Mercamos os xornais e lemos o catecismo que nos proporciona a dose diaria deste sucedáneo de tranquilidade que imposibilita calquera atentado contra a abulia colectiva da que se nutre un réxime que nos engule.

E chorando un pouco cada día fronte ao televisor redimímonos da nosa complicidade cun sistema que nos minte, manipula, traizoa, viola e mata coa tranquilidade deses curas pederastas que cunha man afogan á víctima e coa outra repasan as sagradas escrituras.

Unha vantaxe deste modus operandi é que podemos achegarnos á verdade mudando o significado de cada titular. As cousas comezan entón a ter certo sentido.

O "accidente" non se pode atribuir a un fallo humano
¿NON? ¡que alguén mo explique! ¿foi un alieníxena?

Tardaremos meses, segundo algún anos en descifrar o contido das caixas negras...
E todos caladiños, porque o di o goberno, porque o di unha compañía aérea, porque o di ....velaquí o terror. A morte de 154 persoas non abonda para poñer en marcha unha investigación seria que dea resultados nun prazo de días. Claro, é lóxico, nuns días non se esquece o sufrimento, non se soportarían as mentiras, non se podería falar dun acto de enaxenación dun piloto que nun momento de locura transitoria logo dun fracasado e longo período de negociación do seu contrato decide...en fin...é un supoñer. Haberá que esperar centos de días, cando xa dea todo igual, case como agora que a noticia vai sendo desterrada ás derradeiras páxinas. E menos mal que non remataron co antroido de Pekín que agora cuspe as súas medallas sen crespóns co sorriso do vencedor.
Eu estou con este home

Hai un video do accidente ¿por que non no lo deixan ver? ¿por que ameazan á poboación que pide explicacións?

1 comentario:

Anónimo dijo...

Encantame o texto, Ana. Ademáis abonda en algo que me preocupa especialmente: xa non hai información, hai doctrina.