domingo, septiembre 07, 2008

Che, O Arxentino.


Fómola ver nantronte, o día da estrea. Abondaba coa presenza de Benicio del Toro para manterme ameigada horas na butaca pero a combinación con Soderbergh garantía ademáis algo grande. Lembrade Traffic e a saborosísima língua do polícía que facía Benicio. No caso do Che a rodaxe en castelán é un aloumiño que nos achega a pel dos personaxes e nos mete nunha historia que podía resultar demasiado fría ao ser tratada case como un documental. Pero ese delicioso acento cubano xunto cuns estudadísimos planos, curtos as máis das ve ces, métennos de cheo nos uniformes dos guerrilleiros pero tamén nos achegan a suor desa selva húmida e amezante que lembra tanto á Voráxine de Eustasio Rivera (unha obra mestra da que teño pendiente falar aquí dende hai meses) . Recoñécese un grande traballo de documentación e ata unha intención didáctica no filme. Conscientes da imposibilidade de reter nas butacas a unha xeración que non agasalla a súa atención sen unha ración ben cumprida de estímulos de todo tipo, Soderbergh e compañía empéñanse en contar a historia revolucionaria máis salientable do século XX da que millóns de mozos só coñecen unha camiseta. Desta vez alegreime de non ser unha espectadora solitaria dos Cine Norte e compartir cunha multitude esta grande película, malia as molestias do griterío, o cheiro a palomitas e o mareo que sempre me ataca nestas salas comerciais que deberon esquecer hai tempo os requisitos mínimos de construcción dunha sala de proxección. Os post non poden ser moi extensos por eso non vos falo da emoción de ver o discurso da ONU, do extraordinario papel de Demian Bichir como Fidel Castro, de Santiago Cabrera como Camilo Cienfuegos e da nosa Elvira Mínguez como Celia Sánchez. E tampouco me podo extender sobre a impresión de estar vendo "unha de romanos" se comparamos este xeito de loita apegada á unha terra que perdeu todo o seu significado nos tempos de hoxe, este tempo líquido no que non se distinguen os bandos, nos que só contas as víctimas militares e nos que o territorio extinguiuse por completo sustituido por unha fronteira infinita, global, invisible e por suposto, líquida. Volve ser preciso mercar a camiseta, e aou mellor está mais xustificado que apareza a cara de Benicio no canto da de Ernesto Guevara.
Che el Argentino

4 comentarios:

Sigrid dijo...

Qué vicio, Benicio

Non hai máis comentarios

Hermaco dijo...

Tratarei de vela

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Poden explicarme, miñas donas, que é o que ten o Benicio que eu non capto pero nin de lonxe?

Ana Bande dijo...

Ai a amigo arume, hai cousas que non se poden explicar, afortunadamente. Teñen que ver cun complexo e individualísimo sistema de gustos, construcción de mitos, autosuxestión, aceleradores de partículas, buracos negros e profundísimos, inmadurez autoinflixida...etc, etc.