martes, octubre 07, 2008

Parecer ou non parecer

Xa os filósofos máis atentos falaron abondo do modelo do simulacro e a hiperrealidade ...máis coa burbulla económica a piques de rebentar seguimos fielmente o guión de eternos personaxes secundarios a gusto con este papel de espectadores irresponsables e irreflexivos que malia conscientes da propia intranscendencia seguimos na teima de aparentar, o que sexa pero aparentar. Aparentar ter saúde, aparentar estar en forma, aparentar estar á ultima moda, aparentar ser liberais, aparentar ser conspiradores, aparentar ser eternamente mozxs, ¡aparentar ter lido tódolos libros!, aparentar ser felices, aparentar ser solidarios, aparentar estar ao día, aparentar parecerse a apariencia de ....é propio dos períodos iniciais das crisis máis severas o facer coma que un non se entera de nada e seguir cos rituais ordinarios, coma aquelas familias xudeas nas cidades a piques de ser guettos que se negaban a fuxir e seguían cos seus ancestrais costumes, a súa comida kosher con toda a familia, e os seus paseos por unhas rúas cada vez máis ateigadas de olladas reviradas contra eles. Nós ao noso, a mercar a comida do gato, planificar as próximas vacacións, se non pode ser a Venecia, pois a Palencia, coller os baixos aos pantalóns, escribir un post sobre memoria histórica e pasar o ferro ás putas sabas que non dan marchado do salón.....mellor facer coma que non vemos nada, coma se os nosos non aforros non minguasen no banco, mercar, mercar e mercar, ¿non é todo psicoloxía? pois aparentemos, que a bolsa non se asuste....

2 comentarios:

Anónimo dijo...

E pódense aparentar todas esas cousas xuntas? Buf, que infinito cansanzo!

Ana Bande dijo...

Pois diso viven tantos curadores de ánimas e laboratorios farmacéuticos, de receitar química para un mamífero que non está feito nin "afeito" a xestionar o estrés prefabricado. O Sapolski non fala doutra cousa..."Por que as cebras non teñen úlcera", "o mono namorado", etc.