miércoles, febrero 11, 2009

Milena deconstruida

Picasso: Muller deconstruida
Para V. ou C.
Fíxoseme raro que o seu nome non coincidise co que figuraba na súa tarxeta de lectora, é que nunca me atopei cómoda nunha Isabel, claro, Milena é moito máis bonito, imaxino que non o elixiches ao chou, non, claro, foi unha elección difícil que me levou anos, ata que por fin atopei o rastro desa muller nun libro de... ¿Muñoz Molina?, poder ser, en Sefarad fala dalgunhas mulleres que sufriron a violencia dos campos de concentración, Margaret Bauer-Newman e Milena Jesenska, si, pode ser, da gusto falar contigo, semella que tes lido todos os libros da biblioteca, que máis quixera, non, nin moito menos, da sección de cogomelos e peixes de Galicia non teño nin idea. Os seus ollos pequechos deitáronse suavemente nun sorriso tan doce que axiña a imaxinei cando aínda era feliz, se cadra, había vintecinco ou trinta anos. ¿cantas cousas máis terías cambiado ademáis do nome? Eu tamén quixen cambiar o meu nome cando nena, mais os cambios que me permitía non ían máis aló de lixeiras variantes, gustábame sobre todo anuska, e mira que porfiei durante anos en presentarme así, non houbo xeito, tiven que seguir aturando aquel anamaría que sempre me lembrara unha situación de dependencia, unha minoría de edade permanente da que non sería doado saír se non se tiña afouteza abondo para rachar unha porta de aceiro. Afouteza, precisamente, era o que eu non tiña, unha choromicas que adoitaba durmir coas orellas tapadas por... Mudar o teu propio nome ¡que marabilloso acto de rebeldía contra todo! Unha verdadeira toma de conciencia, coller con decisión as rendas da túa propia vida desfacéndose de engadidos alleos. Se unha nena sente na súa infancia esa urxencia de ser ela mesma hai moitas posibilidades de que chegue a ser unha muller segura de si mesma e polo tanto razoadamente feliz. Os ollos de Milena non falaban de ledicia. Agochaban unha tristura engulida nunha soidade demasiado longa. As bágoas compartidas adoitan convivir con sorrisos reparadores mais fora moito tempo amoreando humidade e cumpriría que en adiante os anos só tivesen unha estación para que a caloriña dun aloumiño lentísimo desifixese as bágoas xeadas que lle fincaran cravadas na pel.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Anuskabande en estado de gracia infinita.

Anónimo dijo...

anamaria...anamaria...con tu sensibilidad, con tu actitud comprometida, libre, haces que tu nombre sea bellisimo...

Anónimo dijo...

No tengo corazón ni palabras para esto. Detrás de unos ojos pequeñitos y rasgados está el país de las hadas. Y detrás de la mano de Anuskabande el genio y la sabiduría. Y por supuesto el amor

Anónimo dijo...

Ai, Anuska. Que ben lle puxeches palabras ao que pensei eu cando vin a Milena...