domingo, febrero 01, 2009

Por que cremos en cousas raras

Moito do que leo non é por pracer, senón pura necesidade de supervivencia. Preciso saber por qué me vexo tan rara nun mundo no que malia saber máis cada día vaime sendo tamén máis estraño. Con cada nova descuberta semella que me precipito nun burato negro cada vez máis profundo. Algo falla. E temén observo dende que teño esta necesidade de entender que a maior desenvolvemento e medios de todo tipo a xente non só é cada vez máis estúpida, senón que, e esto é o que me parece máis grave, amósase cómodamente instalada nesa posición de total desleixo intelectual. Debe ser por esa moda (non é tal, sempre foi o mesmo) do políticamente correcto. É mellor facer o parvo e facer que non entendemos por que podo mercar unha camisa a cinco euros...querer ver a outra cara da moeda implicaría enfrontarme conmigo mesmo e poñer en dúbida o noventa por cento das cousas que fago cada día. Podo entender que a miña filla crea máis nunha oferta de vodafone que nese discurso apático e sombrío que lle impoño como guarnición obrigatoria nunha comida familiar. A actual crise económica é unha labazada para moitos dos que esqueceron que estaban só crendo por comodidade. Esqueceron que era un xogo porque de tanto xogar ao mesmo, creron que terían sempre cartos na súa conta, que a hipoteca a cincuenta anos apenas ía requerir quitarse dun café á semana e que as viaxes exóticas e a cita co osteópata, e o club de tenis, e o coche novo cada dous anos, e .....eran distintivos perfectos dun mileurista moderno. Ata fai ben pouco, os máis desgrazados inventaban contos de fadas por pura necesidade, para verse disfrutando da vida, aínda sabendo que era pura ficción. A famosa película de Medvedkin "A felicidade" (recoméndovola intensamente) non tiña outra ambición. Pero esta teima de hoxendía por crer en absolutamente todo é algo verdadeiramente enfermizo. E perigoso. O máis abraiante para min é comprobar que co desenvolvemento científico aumentan en proporción xeométrica os seareiros de todo tipo de aliens. As televisións están cheas de botadores de cartas, de programas de fenónenos paranormais e de tertuliáns de pacotilla. As librerías ateigadas de libros de autoaxuda que prometen a felicidade low cost. Aínda non asimilada convenientemete a teoría da evolución semellamos dispostos a rendirnos fronte a creacionistas que nos falan outra vez de diluvios universais e multiplicación de pan e peixe baseandose en probas científicas. Cando aínda non coñecemos as estarrecedoras consecuencias dos xenocidios e das represións, hai moreas de pseudohistoriadores que negan o holocausto. Por cada historiador que perdeu a vida agochado entre moreas de documentos para reconstruir un pasado que debía ensinar camiños equivocados aparecen charlatáns sen títulos e sen ningún rigor científico que escriben libros que ofrecen verdades a prezo de saldo. ¿non vos preguntastes nunca polas causas desta distopía? Os escépticos non estarán nunca de moda porque sempre poñen en dúbida dogmas e sentenzas. Malia todo cómpre, por pura necesidade de supervivencia atender aos que dende a desconfianza analizan a realidade. Este libro é unha pílula contra o andazo de apatía que ameaza tantos séculos de esforzo científico.
Máis información: Eduard Punset. ¿aínda crendo en cousas raras?

3 comentarios:

Gabriel Pérez dijo...

Mira ti, porque tardaba tanto libro... Estaba retenido ; )))

Anónimo dijo...

Iso pásache por ler tanto. Se se trata de puro instinto de supervivencia, como dís, rende moito máis darse un ós cocidos. Que para iso estamos no tempo!.

Ana Bande dijo...

Gabriel, xa tes o libro ao teu dispor....mira que es impaciente!

Canciño...ha..ha...non me creas nada, son unha mentireira compulsiva...e de cocido nada que teño que quitar un par de centímetros de diámetro...