jueves, noviembre 26, 2009

Cuñadxs somos todos.

O noso J.L.Balbín, sempre ten a clave para propoñer tema, por algo será que se autonomea con ese saboroso arrecendo. Debeu albiscar ese brillo especial nos ollos que delata a o irreflenable desexo de catarse colectiva e repartiu coitelos con chourizo propoñendo xs coitadxs cuñadxs como diana das nosas ensanguentadas verbas. A caixa de Pandora tiña lume e enchoupámonos a gusto no caldo primixenio dos tópicos máis divertidos. Non podería reproducirvos nin media ducia dos microrrelatos que literalmente nos demediaron a case todxs. Primeiro porque por aquí tamén andan xs cuñadxs, eses seres omnipresentes que aparecen nos máis inesperados recunchos das nosas vidas. As redes sociais son o paradiso dxs cuñadxs, ¿ou non sentides a seu alento na nuca cada vez que pecades no feisbol? Pero tampouco podería porque estabamos tan desatados que as conversas eran a cinco e seis voces e alí, malia que alguén dixo que estaba tomando apuntes, non quedou nada escrito. Eu teño algún tesouro entre o mundo do cuñadazgo que algún día aproveitarei para un monólogo adhoc nun contubernio que se precie, pero só entre moi amigos. Houbo microanécdotas e relatos de longa duración onde algunha falcatruada da cuñadería trouxo consecuencias emocionais e profesionais. Contadas por quen ten o elixir para construir historias foi un agasallo para todxs. E no medio alí caladiño o noso profesor Ekman, coma se non fose con el a cousa, coma se non fose o culpable de todo, facéndose o inocente. Menos mal que chegou Paranokia, o vice en itinere que sempre rega con fartura os escasísimos silencios que impón a cuchipanda. Que ben o pasamos!

viernes, noviembre 20, 2009

Con Alfredo no Volter, ano 82.

Para Rafa, agradecida do seu convite para colaborar co seu
Ourense No Tempo


O texto deste post publicarase en Ourense No Tempo, un click descontrolado fixo que saíra aquí antes de tempo, desculpen os comentaristas.

domingo, noviembre 15, 2009

Pasatempo artístico de temporada.


Celebro a actualización de pasatempos vangardistas coa miña particular proposta.O caso é que o autor desta composición retoume hai un tempo a descubrir algunhas das referencias que me sinala. Para contentar ao artista teño que adiviñar polo menos cinco artistas pero eu só vexo por aí agochado a Munch e O Bosco. A ver oh....un pouco de axuda, amigos!

miércoles, noviembre 11, 2009

Terapia.


O psicólgo veña a facer preguntas estúpidas ¿que quere descubrir? pero se o levo escrito na cara, preguntoulle polas súas primeiras lembranzas, A. cóntame o teu primeiro recordo, unha lagartixa corría entre os meus pes pequechos e perdidos, e bágoas, desolación, frío...e logo un vello que sae dunha casoupa, máncame ao collerme e próeme ao bicarme coa súa barba, logo méteme na súa cova, si A. pero teus pais ¿onde andaban?, alí no río, e máis aló, C. e A. xogaban, non querían saber de min, eu ía dun lado a outro na procura de, tamén lembro, tómate o teu tempo A. reláxate, ollo o teu caderno, imaxino gráficos pretenciosos e sabiamente inútiles, o psicólogo veña a facer preguntas estúpidas, cóntollo M.? ¿cóntolle que non teño traumas? mellor erguerse e que se deite el aquí, si tamén lembro iso, si, si, houbo moitos episodios de violencia, e medo, sobre todo ao achegarse o nadal, ao achegarse unha data de celebración obrigada, pero logo coñecín a M., e bueno, creo que o pasado, unha película mal enfiada, pero eu estou aquí para que me explique por que son tan feliz, ¿que non hai test para iso?, vale, pois lembro, lembro...

Pista da imaxe: O Paseo, Marc Chagall

O misterioso incidente do tanga a media mañá.

Cargada coas bolsas de plástico do Mercadona e vai e soa teléfono. Pouso unha bolsa para poder coller a chamada e reanudo o camiño á casa nunha imposible, ridícula e perigosa postura. A chaqueta de punto subíndoseme por detrás e o pantalón perigosamente descendendo dende a xa insegura posición inicial de cadera baixa cara vai ti saber onde. Mais o portal da casa estaba a escasos tres metros, tería tempo de abrir e e mentres viña o ascensor recolocarme un pouco decentemente suadeira e pantalón. Quen me mandaría a min coller aquela chamada, tan comprometida ademais. Torcendo o pescozo ía eu falando e tratando de cumprir co respeto que lle teño a amiga T. cando de súpeto ¡¡¡aquilo!!!. Sinto que alguén me turra pola cinta da miña tanga. Deus. Eu completamente inmobilizada grazas ao teléfono e ás bolsas da compra. E aquela vella a saloucar como unha vella, atribuíndome todas as indecencias da biblia. Con vergonza e de esguello, ollo ao meu redor para comprobar se non traspasaría o espello. Tiven un acceso de violencia que fun quen de desobedecer. En canto pousei as bolsas e subín ben o pantalón a vella xa fuxira coas présas que lle infundira a xenreira contra min. Seguín acudindo puntualmente ao mercadona pero, iso si, ben axeitadiña e tapada ata as orellas.
A foto é só un reclamo, todo parecido coa realidade é pura coincidencia. Pista aquí.

viernes, noviembre 06, 2009

Jockey full of Bourbon.

A ansiedade turra da miña vontade contra a noitiña, teño que liscar mercar a miña dose como calquera ionqui, por iso non me mete medo a sinistra ruela que me leva cara a máquina expendedora, e non me sinto estraña a carón dos afiliados á última hora. Facianas talladas polo hábito de enviar vascas sen mastigar cando cada minuto deixa a súa coitelada nun corpo cicais demasiado limitado para tanta violencia laboral. Facianas que adoitan conxelarse nun sorriso tan sinceiro como as incongruencias que provoca unha chea por noite. Os corpos non aguantan. Os deles, os que están no bar, á vista está que non. As moedas caen na máquina coa indiscreción das olladas dos subalternos da noite. Sempre o mesmo ritual. Logo cúspeme os cartos á cara, gústalle que lle entren a modiño, quere verme humillada cada día recoñecéndolle meu vicio ben clariño. Agora toca o máis atrevido. Devolver un sorriso a cada un destes atlantes que non terman de si. Ese momento no que a camareira mais eu facémonos chiscadelas de solidariedade nas que nos contamos unhas cantas historias. Onte, as dúas deixamos que Mohamed nos amosase a súa mercadoría e nos falase dos seus pequenos aos que con sorte verá nun ou dous anos. Cantas pulseiras non terá que vender para liscar da súa aldea e volver coas mans baleiras. Desubicados estamos todos. Esta rapaza preciosa, delicadísimamente maquillada, non tiña que estar aquí, agasallando sorrisos de veludo a cambio de indecentes verbas que estouran fóra de tempo e lugar. ¿ou si?. Dan ganas de recolocar as cousas, de baleiralo todo e limpar ben a cidade para logo estender un pano como aqueles que se poñían a clareo. Boa noite e boa fin de semana a todxs.

jueves, noviembre 05, 2009

Tempo.

-¿e mancarasme?
-Non, irei a modo, paseniño, non che doerá nadiña.
- Pero...¿estarei preparada?
- Si, és unha muller consecuente.
- Pero é que as veces dubido...
- Normal, a dúbida e a túa razón de ser. Non a miña.
- Non sei...eu non te chamei...¿ou si?
- Non, non me chamaches, pero sabías que devecía por ti, e aínda así teimabas pola miña insistencia. Foi doado deducir...
- Claro, deducir...ese monstro.
- Muller, non dramatices. Veña, acouga e disfruta co que queda.
- E que queda? ¿canto queda?
- ¿Canto? Esa teima vosa co tempo. Queda todo e queda nada. Se cadra aínda nada empezou e xa estás cismando.
- ¿decatareime de algo? ¿haberá cambios importantes?
- Claro. Pero sentiráste ben, ata liberada.
- Vale, pero non me manques.
Foto: A.A.F.R.