miércoles, abril 14, 2010

Carta a C.T.

Prezada Cuca. Pasaron décadas, pero é que marchaches así, tan a modiño que nin me decatei da túa ausencia. Tería que escribir tantos folios como os sumarios dos casos de corrupción para poñerte ao día da situación do mundo e da túa terra. Bueno, de Auria, en verdade, chegarían poucas liñas. No fundamental segue sendo aquela vella vila pacífica e autocompracente, xenerosa, hospitalaria e alegre pola que os acontecementos pasan coma o AVE. Sen deixar moita pegada e con pouco bruido. Porque aquí non hai parada, nena. Subía sempre tan pouca xente (ah...que non sabes o que é o Ave...pois mira, éche un tren de alta velocidade que hai un par de anos, creo que foi no 2666, cando se inaugurou...) que dedicidon montar un IKEA para aproveitar as infrautilizadas e modernísimas instalacións da estación intermodal. Ah...que tampouco sabes o que é o IKEA...pois, como explicarche, é como unha mestura de Leroy Merlín co Corte inglés pero en sueco como din os de gomaespuma....Si, xa sei, xa sei, que tampouco sabes a que ven tanto colorín e texto subliñado. É o hipertexto Cuquiña. Esto non cho podo explicar en dúas patadas. Tes que solicitar un cursiño de alfabetización dixital para poñerte ao día no choio este das redes sociais. Tranquila, tranquila, falo de política. Aí non hai innovacións. Veña, vai un chiste que estivo moi de moda na pasada lexislatura. Bueno, terías que mudar algúns nomes e onde pon Aznar ti pensa en Baltar, que tamén puxo un ovo na nosa leira. Iso si, a cidade está preciosa, enchérona de viais de autoestradas que fan as ledicias dos veciños que disfrutaban de preciosas vistas ao Miño. O barrio de Vistahermosa atopou por fin a auténtica xustificación do seu topónimo. Quedar quedan fatal pero como agora a isto lle chaman impacto ambiental ninguén di nada por se nos acusan de involucionistas. Inventaron o termalismo (velaquí pode estar a orixe dese noso laisser-faire) e dá gloria ver agora os días de sol ás xentes de allende la autovía mergullarse felizmente naquelas outrora fedorentas augas do famoso Tinteiro. Mira para aquí o luxo que temos agora onde estaba aquela charca. Está visto, a política resísteseme. E que non hai case nada que contar miña rula. Alegraríaste de saber que algúns dos compañeiros de troula acadaron algún postiño no coliseo (sic) mais as présas, eu que sei, cicais a total inexperiencia, as malas compañías ou as débedas e peaxes da tradición non os deixaron case nen arremangar as perneiras para probar o escano.
P.D. Achégote unha foto do que queda do Carabanchel. Arrasaron con todo. Dicían que querían quitarlle ao barrio esa mala fama e agora puxeron alí un horroroso centro de internamento de inmigranTes, que en realidade é outro cárcere.

No hay comentarios: