miércoles, junio 09, 2010

agradecemento, celebration and challenge

Agradecemento a María Jesús, a súa sensibilidade atrae á beleza, por iso constrúe fermosísimos versos e fai fotos coma esta. Celebration porque vin por uns intres que o meu marcador de visitas marcaba o fermoso número 100.000, gústame ter xente na casa ¡grazas! e á Cristina Pavón a nosa próxima diva literaria o reto que hai tempo lle propuxen, ela xa sabe....agora voume agasallar coa mellor compañía que podo desexar degustando un saboroso pulpiño no espectáculo da Ría de Vigo.

4 comentarios:

crispavon dijo...

oido cociña!
(a ver se esta finde)
e o de diva, non vexas, hahá, sempre tiven ganas de ir a Maldivas, será iso logo :p
bicos

crispavon dijo...

Ela aloumíñalle o queixo.
- E logo?
El acaríñalle a barriga cuasi esférica
- Por min xa o sabes.
Ela mírao desconfiada. Está a falar en serio. É que non se decata? E que vai ter que dicirllo?
- Non me gusta porlle un nome de flor.
- Por que? Múrchanse?
- Algunhas si, ben o sabes ti.
Un refacho tristeiro crúzalle o rostro ao pensar na amiga que xa non o é. A Margarida á que lle foi quitando os pétalos ata chegar a un número par. Non me quere.
El bícalle o ventre cúpula con agarimo, para afastar ese pensamento.
- En xeral, non me gustan nada eses nomes “tan de muller”.
El acena incomprensión.
- Si, desas series que só se empregan para mulleres: nomes de flor, nomes de virtude, nomes de dores e problemas... Cos de home non pasa eso ... non sei de ninguén que se chame Xeranio, Papoulo ...
- ... Xacinto.
- Vale, un. Pero non hai ningún Abeiro, Amparo, ou Remorso, anque o mundo está inzado de Esperanzas e Remedios, por non falar de Dores e Angustias.
- ... Tes razón. Pero cas flores é distinto.
Ela fítao xa preocupada.
- Será. Pero a cousa é outra.
Realmente vai ter que dicirllo. Aperta a man del sobre a barriga, que sinta ben quen está aí dentro.
- É que non ves que se van rir dela con ese nome? Cala! Cala, Cala! Cala, non fales tanto! Cala, non tes nada que dicir?
El queda pampo no intre. E axiña, avergoñado. Como non se decatou?
- Muller, xogos pódense facer con tódolos nomes, ti tamén...
Ela respira aliviada. A cara de susto del devólvelle a confianza. Foi un despiste, máis nada.
- Ti sabes porque escollín ese nome. Porque foi a tarde que a fixemos cando descubrimos aquel camiño cheo de calas, que tanto che gustaron...
- Xa, pero o primeiro que se lle ven a un á mente ao escoitar Cala, é pechar a boca, non unha flor.
Como puido estar tan torpe? Ten que amañalo. O sorriso burlón dela anímao.
- Pois logo, en vez de Cala, Fala.
- Fala!
Pénsao só un intre.
- Pois é bonito!
El, fachendoso.
- Mesmo necesario.
- Sabes que me gusta? Fala!
- A que si?
- E logo que sexa tímida... Ou muda.
El, sen saber se amolarse ou non.
- Estás dificil hoxe ti, eh.

crispavon dijo...

Para entendela precisei tanto do que amosa como do que esconde.
A textura case téxtil dese branco.
Cala
A lámina que aflora do verde e da sombra silandeira
Cala.
Ese envoltorio de simpleza nipona que agocha a outra parte esencial.
Falo.
O berro amarelo inconfundible.
Falo.
O espárrago erecto sen o cal, en vez dunha flor rotunda,
Cala,
Tomeina por unha toca de monxa desas que, por caridade, parece que van saír voando como fadas.

crispavon dijo...

e se tes tempo/ganas

http://www.eyebag.es/relatosNetArt/poemes/botones.htm

Algúns son chorras, outros doen, todos xa de hai tempo.

E xa basta, ou acabo eu poñendo un blog. (nin de coña :)