jueves, octubre 07, 2010

Carlos Alonso, escenógrafo

Coñecimos a Carlos Alonso hai dous días, foron J.Luis e Loli os que nos presentaron, Hipólito mediante of course. Aquela tarde de folga chovía a cachón e non se nos ocorrería deixar manta e sofá por nada no mundo, agás unha chamada dos amigos para ir ver a Hipólito. Carlos, pódese dicir, ocupou case todo o espazo daquela tarde, o físico e o imaxinario. Denque que arribou á nosa mesa non houbo tregua. Unha certa prudencia e educación mantiñan as miñas gargalladas a raia pero as chiscadelas constantes de J.L. e L. franquearon o paso e as horas seguintes foron pura rexouba. Pedinlle a Carlos que me falase da súa profesión. Nunca coñecera eu un escenógrafo e rabiaba por coñecer un pouco do seu oficio. E entón foi coma o comezo dun terceiro acto dunha obra que fala da posta en marcha dunha obra de teatro. E alí estaba Carlos Alonso facendo de si mesmo para nos os catro. Tiña a paixón e a pulsión dramática dun actor que fai de actor, ou sexa, tiña o xenio duplicado. Prendeu en nós o botón de avance a toda máquina e imaxinámolo cosendo, pegando, inventando, mercando, suando, rompendo, pintando, recortando, e ata durmindo á velocidade do raio. Falounos entusiasmado dunha exposición que estaba preparando na Escola de Arte Dramático e convidounos a visitala. Onte fomos alí e aquela explosión de cores, agullas, teas, maquetas, cortinas, tixeiras, papeis, vestidos e escenarios que nos fixera imaxinar estaban alí convidándonos a meternos noutras peles e a falar por outras bocas. Eu lembrei a outro artesán. Un que coñecín hai ben anos paseando a súa cruz pola rúa Lepanto. Lembro túnicas, lustrosos traxes de almirantes de la mar océana, táboas da lei, enormes liras baixo o brazo de curiosos e inestabeis bardos gregos, e unha procesión de majorettes barbadas que movían milagrosamente a súa variña por aquelas estreitas calellas de Auria. Puro teatro. Menos mal que conservei o orixinal de todo aquilo. Pois iso, ide á ESAD (Polígono de San Paio de Navia) a ver as cousas que fai Carlos. É unha preciosidade.
Foto: Detalle da exposición "Carlos Alonso escenógrafo".

No hay comentarios: