domingo, enero 31, 2010

Renacemento, Kenzaburo Oé

¡que sublime pracer disfrutar outra vez de Kenzaburo! Aínda teño moi fresca aquela imaxe do aforcado, totalmente espido coa cabeza pintada de vermello e cun cogombro metido no ano. Saberán os xaponeses o significado deste ritual, Kenzaburo escribe para eles, fundamentalmente. Volvo ás delirantes descricións das fragas de Shikoku e baixo os efectos do doburoku que zumegan as páxinas de Renacemento mergúllome no Xapón que nunca fun quen de imaxinar. Na historia contemporánea dxs estudantes de COU da miña era só coñecíamos de Xapón, e malamente, a Era Meixi, que ademais nunca caía na selectividade. Na universidade tampouco se nos abriron moitas portas ao coñecemento de Oriente. Eso si, foros, frades e fidalgos tivemos abondo. Pero iso é outro tema. Un momento que prendo o tagame. Kogito, o alter ego de Kenzaburo decide escoitar as cintas que Goro, seu amigo, que ben que suicidarse, lle foi enviando dende hai tempo. O relato configúrase ao ritmo dunha conversa co “outro lado” que se constitúe como un magnífico recurso narrativo. Kogito prende o tagame por primeira vez coa mesma ansia de descubrir que Don Quixote, a mesma teima, a de saber, recompoñer e reparar. Mais a procura de Kogito parte do desalento de saberse derrotado. De non ter intepretado ben os signos no seu momento. A través das gravacións de Goro coñecemos as tribulacións de Kogito/Kenzaburo e as vicisitudes da orixinal historia deste país. A predilección do autor por esta literatura watashi, do eu, consegue transmitirnos unha auténtica sensación de realidade. A literatura como acto de valentia e xenerosidade, que corrobora o autor nas súas entrevistas. Mi padre no era militar, pero era un fascista. Él y sus amigos militares creían en la necesidad de que el ejército diera un golpe de Estado para evitar que se perdiera la guerra. O lector atópase escoitando tamén a Goro/Yuzo Itami, vivindo e interpretando as súas lembranzas, e procurando sinais no pasado en común con Kogito. Mais a sinceridade ten un prezo alto, Goro pagou coa súa vida e Kógito/Kenzaburo foi e está tamén recibindo o seu. Malia todo ao escritor sempre lle vencen as ansias de mudar o mundo, por iso Don Quixote/Sancho, Kogito/Goro, Kenzaburo/Juzo, seguen lendo, escribindo, contando e escoitando. Hai anos vin nun daqueles negro sobre blanco do inefable Sánchez Drago unha entrevista con Kenzaburo na que relataba a preciosa anécdota que lle ocorrera co seu fillo discapacitado. Escoitar ao reiseñor foi un acto de heroicidade e agora Hiraki seica é grande compositor no seu país.

miércoles, enero 27, 2010

A cinta branca, Haneke (I)

A foto: Erntedank (1), de Jürgen Wegener, 1933

A película de Haneke pilloume lendo Éloge de la désobeissance, un ensaio sobre o xuizo de Eichmann e Terras Baixas de Herta Müller. Non queda outra que recuncar co tema da maldade. Vaia por diante a miña admiración por este director, un dos poucos, xunto con Von Trier, (a mesma sensación de claustrofobia que en Dogville) cineastas-filósofos que gustan mergullarse no esotérico mundo do noso eu máis escuro. Hai unha tendencia, moda, corrección política que evita o tratamento obxectivo dos comportamentos máis perversos do ser humano. Claro que haberá que facer un enorme esforzo de...¿resemantización? e tratar de imaxinar outros significados para verbas como culpabilidade, perversión, mal, etc. envelenadas dende séculos polas continuas violacións das igrexas que, a xeito de cancerbeiros de moralidades alleas foron delimitando coidadosamente o territorio polo que podiamos transitar "libremente". Haneke non pensa, e eu tampouco, que sexamos seres fundamentalmente malos e perversos. Todo o contrario. Ao meu/noso redor só vexo xente completamente entregada á causa de amar por riba de todo. O director recoñece que a súa pulsión non é o tratamento morboso da cara escura do ser humano, mais esa parte está aí e cando aflora adoita causar tanto sufrimento que non deixa de ser unha obriga poñer todo o noso esforzo en lembrarnos a nós mesmos as atrocidades que somos quen de cometer. Nese sentido, a cinta blanca, é unha contribución valiosísima, non hai dúbida, pero cinematográficamente non a defendería como unha obra mestra, o que por outra parte non lle quita nada de mérito, pois nin eu son quen para poñer ou quitar medallas a ninguén e ademais considero que tal calificación non é sinón a tradución á arte do totalitarismo que precisamente tratamos de combater. Haneke mesmo, como demiurgo indiscutible da súa obra, agradecería críticas cunha deliberada dose de maldade, estou segura de que son as únicas que recortaría e gardaría se fixera tal cousa (to be continued)

(1) Creo que se podería traducir como "día de acción de grazas". É unha ilustración horrible, seino, pero está moi relacionada coa estética que persegue e ¿consegue? Haneke. O blanco/negro da fotografía non é unha cuestión baladí, nin a ausencia de música, nin esas facianas anxelicais. Pero eu, que adoito complicarme deliberadamente me pregunto se ese mal que castigaba o pastor era un enemigo coñecido...bueno, seguiremos falando disto.