Non me pasara nunca, o que, iso, o de non existir, non te entendo, pois iso, cando pasas unha tarde cunha xente para a que es totalmente invisible ¿decátaste?, non, non me ten pasado, normal, ti sempre dis cousas interesantes, todo o mundo che presta a atención, e logo que foi, pois iso, que fun invisible durante unhas horas, ao comezo non entendía, pensei que era un problema de volume, que non se me escoitaba ben, pero decateime de que en canto tomaba a palabra eles/elas, interrompían brevísimamente o seu discurso para ollarme por uns segundos, eran olladas ao ar, coma se de socato alguén os pasase rozando e xs amolase, eu seguía falando, pero nada, nin caso, non existía, ninguén me atendía, bueno, non sería para tanto, mira que ti tes días moi raros, si, certo, teño días raros e días rarísimos, pero ese era un día normal, unha tarde de verán e eu estaba dun humor excelente, pero non existín, polo menos para ela, pero non creas, non me sentín nada mal, ao revés, acomodeime a gusto, podía estar sen estar, perder o fío da conversa cada dous por tres ¿ti sabes o gusto que é non ter que escoitar ás veces? é comodísimo, en serio, ao comezo unha labazada para a túa autoestima pero cando lle pillas o truco é como unha sesión de psicoterapia inversa, ¿entendes?, non, non moito a verdade...