sábado, noviembre 26, 2011

a oposición segue na rúa...

O edificio do antigo asilo do emblemático barrio vigués do Cura foi ocupado por fin. Esta mañá ao ver a un grupo de moz@s quitanto as toneladas de lixo consecuencia do abandono e a especulación a que foi sometido un dos lugares máis fermosos da nosa cidade invadiume unha contradictoria sensación de alivio e desesperación. Alivio de que por fin alguén se interese pola racionalidade en medio da loucura. Desesperación porque pareume contemplar a traxedia de ver aos máis novos inmersos na purulenta infección que herdaron. Tócalles a eles limpar a porcallada que seus maiores amorearon e seguen amoreando nos tempos gloriosos do fanatismo capitalista máis descarnado. Así foi en numerosísimas ocasións ao longo da historia, pero no dubido de que non contaban con esta broma macabra. É francamente desesperante, descorazonador, ver a ruina que provocou a barbarie dunha economía que se resiste á máis mínima revisión. A poucos metros aínda se sostén a duras penas outro edificio pantasma que noutro tempo foi símbolo da vitalidade empresarial da nosa cidade, a panificadora, que hoxe nos olla cunha irremisible mirada de derrota. A decir verdade, toda a contorna desta fermosísima ría está adobiada de sinistros edificios abandonados que reflicten a neglixencia da incultura con que se teñen xestionado reconversións en acelerados e apremiantes cambios de rumbo políticos e económicos que non amosaron sensibilidade ningunha nin co medio ambiente nin cos ciudadáns. Deixaranos estar alí uns días para no armar demasiado barullo pero acabarán sendo desaloxados como en Santiago e nas prazas de aquí e da outra beira da mar océana. Diráselles que ese non é o xeito, se lles insultará cos tópicos de moda e se lles querrá devolver ao regazo das súas complacientes e adormiladas familias. E iránse, seguramente, convencidos de que non poden con tanto lixo, pero ao mellor non. Pode que das leccións de conformismo e apatía teñan sobrevivido resistencias ás que nos podamos engadir antes de chegar abaixo de todo.

2 comentarios:

Voz en off dijo...

Supoño que polo menos o noso Abel non os desaloxará de alí do xeito que o fixo Conde Roa e que non lles dirá que van senti-lo seu alento na caluga.

Fumador Impostado dijo...

Nunca se sabe, creo que andan sobrados de lacrimóxenos lacrimosos...