miércoles, abril 27, 2011

Compendio experimental.





Foto: Formigueiro, 2011, da exposición "Edición Pirata. Poemas obxecto de Pepe Cáccamo", do 26 de abril ao 16 de maio de 2011. Biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.


Fixen os anos que tiña que ter cumprido ao nacer, quero dicir....que se o contador se puxera en marcha hai unhas horas, ao mellor podería pensar en facer un soneto tan inmoral como inmorredoiro. Ou escribir unhas memorias como ese océano bulideiro e lene de Zweig para aforrarlle un pouco de infelicidade a vindeiras xeracions perdidas. Ou mellor aínda, para atopar o xeito de eliminar dun golpe aos traficantes de culpas, desenganos e demais andrómenas. Se se dera ese caso, o de nacer xa cunha morea de anos, podería chegar a facer películas como as de David Lynch ou retratar a soidade como Francesca Woodman, ou construir obxectos poéticos como Pepe Cáccamo, ler coa perspicacia da Szymborska, reflexionar coa afiado gume da intelixencia do esloveno...e eu que sei cantas cousas máis. Relevantes. Pero quen sabe se é moito mellor así, nacer desaprendidos para só ter uns segundos nos que albiscar futuros en paradisos doutras dimensións das que só sabemos unha cousa: que non chegaremos nunca. Canto pracer adobía de socato un sorriso e canta paixón inventamos coa valentía de sabérmonos, por fin, náufragos do irrelevante.


sábado, abril 23, 2011

Stefan Zweig (I)

Teño o inmenso pracer de falarvos hoxe dun autor e dun libro absolutamente enriquecedor e apaixoante. ¿Foi unha lectura o foi un soño? Pechei a derradeira páxina coma se espertase dun soño deses que son quen de continuar na seguinte noite. Lin as case cincocentas páxinas coma se soñara que deitada nunha embarcación sinxela pero a proba de calquera treboada descanso nunha paréntese temporal abaneada polas deliciosas páxinas-ondas deste inmenso mar calmo de sabedoría. Teño mala memoria, non lembro que cousas teño lido de Zweig, pero non ten importancia ningunha, é ata unha sorte saber que unha ten que voltar por todas esas liñas-rúas e parágrafos-arrabaldes coa paixón do retorno a un país recén descuberto e apenas transitado no que só se albiscaron as grandezas agochadas baixo os acontecementos que se erguen coma as catedrais ou coliseos que impresionan con descomunal beleza. Malia só seren a parte visible de algo moito máis grande cuxo segredo se agocha baixo o nivel da auga, da terra ou do relato que constrúen as materiais verbas maxistralmente dispostas por un autor coma o que suscita este post emocionado do que dou conta nun día delicioso, non só por cumprir anos senón porque sexa unha xornada de lectura case por real decreto. Porque malia non gustame nada o oficial, dende logo asino calquera proposta -agás o fúrbol- para paliar o absoluto descontrol de mal gusto que campa estes días pola penichaira ibérica. Continuará.

lunes, abril 18, 2011

Burofax



X. levaba vinte anos traballando para a axencia de noticias máis importante do país. Si, a mesma. A da efe de que te...Estaba dispoñible full time para cubrir coa súa cámara todo tipo de eventos a calquera hora nun entorno de douscentos kilómetros. Ela soa podía cubrir as necesidades da axencia para toda Galicia. En vinte anos déralle tempo a coñecer a todo o cadro de persoal e a querer e facerse querer por tod@s. Un día recibiu un burofax no que se lle indicaban as novas condicións de traballo. Un algo así como mire vostede, traballadora anónima que seica traballa con nos dende hai uns anos, resulta que a partires de agora se quere facer fotos para nós ímosllas pagar a seis euros pero só pode facer unha cada quince días e correrán pola súa conta todos os gastos de desprazamento e por suposto de material de traballo e comidas. X. tentou reunir un grupo de traballador@s afectad@s para demandar á empresa. Unha empresa que ¡é publica!, e que de socato aplica un ERE nada encuberto baixo a falcatruada da invención dun leonino contrato chamado ¡AUTÓNOMO ECONÓMICAMENTE DEPENDENTE! Cando mo contaba co seu sorriso de toda a vida ben asegurado contra riscos altamente perigosos a min íaseme formando na imaxinación un deforme e monstroso estado co seu big stick berrando aquilo de speak softly and carry a big stick, you will go far. X. xa non fai fotos para a axencia M, de merda (sic). Tampouco para a web na que atopara un traballo para ir tirando, porque ¡como non!, atoparon un bolseiro que traballaba pola metade do número primo que representaba a súa paga. Non é a primeira vez que un@ amig@ me conta que recibiu tamén un burofax para notificar un destes despidos románticos onde os haxa. O mal gusto é fillo lexítimo destes proxenetas da economía que logo de papar coma porcos nos tempos de fartura ceiban a súa merda sobre os bos e as xenerosas que tiran para adiante con optimismo. E aínda lles pagamos a estas cascudas por dar conferencias!

miércoles, abril 13, 2011

nendeusnenpatrianenrei, lembrazanza republicana

Maruja Mallo, Dúas mulleres na praia, 1926


A Paco Espino, por supuesto.

A primeira exposición celebrada en Galicia dedicada exclusivamente a pintoras celebrouse na Coruña no ano 1934. Na mostra participaron entre outras Elvira Santiso, Elena Olmos, María Corredoira, Dolores Díaz Baliño e María del Pilar e María del Carmen Sotomayor. ¿cantos de estes nomes nos soan xa non digo á maioría senón @s que fixemos estudos relacionados coa arte? Nunha ocasión na que eu lle recriminaba a un escritor que non falara máis que de putas e bruxas cando se refería á mulleres do século dezasete díxome que lamentablemente non atopara exemplos de mulleres escritoras. Seica non había. Case me convence. Menos mal que sempre desconfiei das persoas que fan afirmacións rotundas. Á dificultade que para unha muller de antes de onte lle supoñía ter calquera preocupación que traspasase o límite da lareira engadiríase cunha eficacia de catecismo a ocultación e invisibilidade das afoutas que quixeron e souberon escribir, pintar e ata filosofar pola súa conta. No día da república era bo que fixésemos algunha acción reparadora. A mellor, dende logo, sería esquecer un pouco o bruido ensordecedor da guerra civil e deixar falar a aqueles avanzados anos trinta. Á moitísima xente lles sorpendería saber da existencia en España dun período no que case case se volve a enganchar a Europa. Uns anos nos que houbo moito máis sentido común e proxectos de progreso que en toda a historia posterior, tendo en conta, sobre todo a paupérrima capacidade política dos gobernos do século XIX. Apunta moi ben Julián Casanova o que pudo ser e non foi e por que pasou. Só temos que turrar de calquera libriño ben escrito, que hai moitos, das nosas bibliotecas para saber (non se pode lembrar o que nunca se soubo) que naqueles lonxanos anos trinta houbo dereitos coma o voto feminino e divorcio, ou que en España non había relixión oficial. Case da grima pensar que haxa que voltar un século atrás para atopar os alicerces do que aínda no se rematou de acadar. A historia certamente, é moi pesada. Empéñase en turrar para atrás. Atopámonos agora nun deses períodos de milagreiro e aparente progreso, semellamos aqueles flemáticos cidadás da Viena de antes da Grande Guerra incapaces de albiscar o perigo e a brutalidade que se lles viña enriba. Non era mala cousa querer saber o que pasou, se non para deter o irremediable sí para poñer unas cantas pedras baixo as rodas da implacable mediocridade que nos goberna.

martes, abril 12, 2011

mujer al fin y de mi pobre siglo....(A.S.)


últimamente a tristeza paréceme un estado de estar no mundo moi axeitado...creativo, misterioso, revulsivo, solidario, intelixente....reivindico a tristeza por un tempo, reivindico a liberdade para as bágoas que aínda sobreviven no lameiro da impostura...reivindico a saudade e o suicidio como actos sublimes de liberdade...e aproveitando tanta reivindicación reivindico a Alfonsina Storni, tu me quieres blanca, desgarradora, reivindico o verso sucio e desesperado da muller poeta que baixou ao inferno para atopar almas decentes, e reivindico a maxestuosa tristeza negra, good morning heartache, Lady Day....


A una gran amiga

miércoles, abril 06, 2011

¿quen opina por nós?

Foto: Ás veces a natureza fala [Blog de José Fariña]

A inflación actual de opinadores -e aquí o masculino non é un xenérico senón unha realidade- desgraciadamente non é sinónimo dunha cidadanía consciente da problemática real da súa comunidade. Pasa como coas novas tecnoloxías. Tendemos a pensar que na actualidade a maioría da poboación desenvólvese axeitadamente coas ferramentas dixitais mais a fenda dixital non é un mito. A pouco que nos relacionemos coa poboación de a pe, a que realmente fai país como tanto lle gusta dicir ao profesional da opinión, decatámonos do exótico que para a maioría son términos como feisbu, tuenti, douspuntocero ou adeeseele. Podemos ler unha morea de artigos diariamente na incontrolable masa de media á que temos acceso para decatármonos na hora do café, na perruquería ou mentras agardamos que nos atenda o médico de cabeceira, de que o común dos mortais vive completamente á marxe das cuestións que aburren nos titulares de xornais e informativos. Si, estou pensando en Z.P.,. A realidade real vai por unha vía diferente da que non inventan descaradamente non digo periodistas, pero si as axencias de fabricación de noticias que traballan cuns parámetros quitados do derradeiro manual de marketing de moda. Os dramáticos acontecementos que sacuden ao planeta hoxendía, enchen unha desorbitada catindade de tempo e espacio nos medios pero logo de rematar a penosa lectura da letra pequena ou de escoitar o farragoso discurso dun opinador televisivo rematamos coa impresion de que o de Fukushima é un problema de turbinas e que o de Libia é algo relacionado co petróleo. Atópome ás veces lendo que o índice de contaminación en tal lugar do Xapón é nonseicantos millóns por riba do normal coa mesma tranquilidade coa que trato de adivinar as oito diferencias do pasatempo. Entón sinto unha especie de culpabilidade e rebusco algunha información sobre ¿a catástrofe? que me forneza dalgunha explicación mínimamente razoable. Tardo días, semanas. Estou farta de Tepco por aquí e reactores por alá, de toneladas de auga contaminada pero que non deben de preocupar a ninguén e incluso farta de plutonio, ¿dixen plutonio?, para, para, le despacio. ¿que o plutonio que atopan os técnicos é o da Segunda Guerra Mundial que o tsunami nunha reviravolta malévola veu depositar na rexión de Fukushima?. Sigo lendo barbaridades, cantas máis leo mais me convenzo do perdidos ou mercados ou enaxenados que andan os opinadores, ata que me paro aqui, quedo uns minutos con Ulrich Beck e recupero folgos, alguén con sentido común pensa por min, por nos. Cicais non todo estea perdido.

Lorena Weekly

A amiga Lorena leva cinco semanas columneando no XdG. Sempre acertada e atrevida, deliberadamente snob e cun punto de humor e de acerto atrapoume hoxe especialmente coa súa Gabardina de Bartleby. A min a personaxe de Melville, aquel "preferiría non facelo" non me resulta nada cínico, ao revés, penso que é unha postura completamente revolucionaria que representa unha actitude moi pero que moi intelixente. Coa necesidade de indignarse concordo plenamente, e sí, xa sabemos, todo está dito, pero como ninguén escoita hai que repetilo unha e outra vez. Así que amiga L., non che sobra unha coma, todo o contrario.

martes, abril 05, 2011

boommmuniversidade (IV) ¡que baltaridad!

Veño de abrir a web de esta miña universidade e hoxe creo que terei que comer lixeiro se non quero que se me estrague o día e o estómago. Resulta que co gallo dunhas xornadas sobre a memoria do franquismo -semella non haber outra dende hai uns anos- ten que vir o noso cacique patrio, paradigma do savoir faire no que a venalidade e invención de carguiños e postos públicos "para toda la vida" dos nunca escarmentados ourensás a poñer o selo de autenticación ou bendición das mencionadas xornadas. Non abonda con que todo o país e todos os medios diariamente destaquen a desvergonza desta insólita (de)putación. Non mo explico ¿tanta xente lle debe favores a este singular cavalieri como para querer presumir de estar con el na foto? ¿que tipo de universidade é a que temos que non só non se avergonza dos elementos máis descaradamente antidemocráticos senón que os promociona e os emprega para darse lustre? Visto o visto tamén podían ter convidado ao arcebispo da diócese para darlle a bendición a este evento, ao mellor un pouco de auga bendita espertaba as mentes do respetable. En fin, haiche cousas....José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense, quixo destacar pola súa banda que é “unha valentía acometer unha análise rigorosa desta época, pola que, por diferentes motivos, pasamos con sixilo”. Baltar animou aos relatores a fuxir dos estereotipos e a abordar un estudo en profundidade desta época pois “coñecer o pasado axuda a construír o futuro” e agora, advertiu, “temos o suficiente nivel de madurez para abordar esta cuestión”. A estas palabras María Lameiras, vicerreitora do campus, quixo engadir que é importante que se coñeza a historia para entender que “a democracia é algo que temos que coidar e traballar para conseguir que siga medrando”.E digo eu ¿por que non facelo doctor honoris causa polo procedemento abreviado ese que tamén vai facer santo ao X.P.?


...podemolo ver en clave de traxedia, autoparodia ou cachondeo, pero é o mesmo Baltar o dos vídeos que o que sentan na cátedra a pontificar sobre democracia...claro que todo esto se da nunha universidade que convida a astrofísicos para conferencias sobre a sábana santa...

Santuario, Edith Warthon

O primeiro que me pregunto sempre que descubro un texto feminino desta exquisita factura é como foi posible que autoras da calidade de Edith Wharton sexan aínda hoxe tesouros por descubrir para o grande público. Seica Santuario é un texto menor desta autora. Sendo un relato dunha perfección e beleza sublimes celebro poder adiar momentos de lectura apaixoantes coa Casa da Alegría, Ethan Frome ou A Idade da Inocencia. O pracer acádase cando se dispón da vontade e posibilidade de retardalo. Coma cando nenos deixábamos o máis rico da comida para o final. Santuario é unha novela curta, 168 páxinas, nas que a autora somete á lingua a durísima proba de ser quen de describir as sensacións máis sutís e imperceptibles que pasan pola cabeza de Kate Orme/Kate Peyton. Non hai unha frase improvisada. Cada verba e cada lugar que ocupa está milimétricamente pensada para erguer un relato que podería construirse coas cores mesturadas na paleta dun paisaxista que coñecera todos os matices cos que a néboa debuxa a campiña inglesa. A excelencia do traballo seguro que ten moitísimo que ver coa tradución de Pilar Adón e dende logo coa riqueza dun prólogo tamén exquisito da tamén escritora Marta Sanz. Os libros de Impedimenta son de colección, cada exemplar que cae nas miñas mans corre o risco de non voltar aos anaqueis da biblioteca de ricos que son.

lunes, abril 04, 2011

Evento fotográfico no Hipólito

Hoxe, contra as 21:30 no Hipólito Oscar Martínez, grande fotógrafo, profesor e amigo, inaugura a exposición de fotos que fixemos @s pobriñ@s dos seus alumn@s. Foi toda unha experiencia compartir con todos el@s as frías mañás dos sábados á caloriña do seu savoir faire de Oscar e sobre todo do cafeciño e as deliciosas bicas da súa nai. Non sei eu se terei que repetir curso porque sigo tendo serias dificultades co botón AL, pero en fin.

domingo, abril 03, 2011

Santa Gastronomía



A foto non conta verdade, conste. Na carpa de Arcade non cabía un alfinete, non sei moi ben se por mor das de Ardebullo ou polo delicioso molusco ao que hoxe se lle rendía culto na vila de Arcade. Os santiños van ter que espabilar un pouco e facer algún milagre para a galería se non queren sucumbir perante o auxe da variadísima gastronomía galega que dende hai unhs anos ven pisando forte. Andrómenas aparte, o certo é que á xente tanto lle ten que San Froilán non probara o polbo na súa vida. Os lucenses van seguir bailando durante unha semana seguida todos os anos polo mes de outubro. Tampouco importa que ningunha das centovintemil unidades de ostrea edulis que seica se paparon hoxe en Arcade sexa autóctona (din as malas linguas). O caso é pasalo ben. Que mais da se é a conta da Virxe das Cabezas en Armenteira ou do Ourizo de Mougás. O pobo quere festa e punto. O retrogusto gastronómico tan de moda tenche cousas curiosas, case estou por pensar que vai camiño de ser toda unha ideoloxía. Atentos, que aínda veremos o día no que teñamos que elixir entre o millo corvo de Bueu ou a parrocha de Bembrive.


P.D. Pero mellor que as ostras, que o albariño, que o licorcafé e que as de ardebullo foi atoparme coa amiga Rosa Fotógrafa Veiga, á que seguirei dende hoxe en Galicia Gastronómica.

viernes, abril 01, 2011

booomniversidade! (III) o asundo das folgas e dos profesores

Estes días algún@s compañeir@os da universidade para a que traballo está a recibir a comunicación oficial do desconto que se lles aplicará na súa nómina por mor dun día de folga. Pero compañeiros non somos todos. Nin iguais. Algun@ cicais por ter un mostrador por diante, vamos, os operarios, eses non poden asinar e liscar para a casa o día de folga. Outros, de xeito vergoñento por seren precisamente os máis "docentes" acudiron, asinaron e fuxiron. Verdadeiramente é unha mágoa que sexa precisamente nun sector adicado á educación superior onde se rexistren os índices de abstinencia e irresponsabilidade laboral máis elevados. Eso si, sen rexistrar porque como non fichan en ningures pois non hai quen @s controle. Preguntaredes algúns o por que deste desmelene. Pois porque sendo administración pública, fai coma que non o é co consentemento da administración pública que a financia. E porque o sistema de insaculación co que se rexe o choio é tan reviradamente endogámico coma un embigo que se alimenta de si mesmo. Sería unha oportuna e saudable medida para o sector docente implicado co seu traballo que dunha vez por todas se adoptasen os sistemas de control de asistencia que obrigan ao resto dos empregados públicos ¿é ou non é?


...e para quitarlle un pouco de pincante á cousa aí vai unha acaidísima viñeta do mestre...¡boa fin de semana a tod@s!