martes, septiembre 04, 2012

Circe ou o pracer do azul, Begoña Caamaño

querida Penélope, voume reconciliando páxina a páxina coa literatura galega, si, pero cicais me reconforte moito máis  a delicadeza feminina deste teu relato, as grafías sen fío coas que teces un manto literario    dunha sabedoría  tan a altura de todas as penélopes que devecen por unha coidadora coma ti, ou coma Circe...chéganme páxinas coma esta   para  reconciliarme  co xénero...

Deixo  falar a Circe, de homes...

...non é certo que me sirva da miña maxia para os converter en animais. Simplemente os trato do mesmo xeito en que eles se comportan. Se un home chegado a Eea actúa coma un porco, como tal é tratado; se se comporta coma un lobo, recibe de min o mesmo trato que ese animal. É verdade que me sirvo dunha apócema ou beberaxe máxica, mais, contra o que digan, non muda a súa fasquía humana, só os priva da propia vontade facéndoos crer que son vítimas dun meigallo que os convirte realmente na sorte de animalia que levan dentro, e en tal convencemento permanecen até seren capaces de ver o errado das súas condutas, até renunciaren a eses comportamentos viles e abxectos que son os que en realidade os privan da humanidade. Co tempo case todos rematan por entendelo e volven asumir a conciencia humana, virados en seres máis amábeis e comprensivos. Outros, se cadra os máis envilecidos, permanecen para sempre en Eea, e figuran unha patética estadea case zoolóxica de seres atrapados na fera que latexa nas súas entrañas. Mais non lles causamos ningún mal, ao contrario, coidamos de que non lles falte comida nin arroupo, e mesmo evitamos que se enleen entre eles como sería normal en bechos de tan diferente condición. Mais gardádeme o segredo, nobre Penélope. Non vaia ser que, sabedores da verdade, busquen un antídoto contra a miña apócema e, tras perderen o medo, veñan na conquista de Eea, eles que tanto gustan de arrasar o diferente.       
Circe ou o pracer do azul, Begoña Caamaño.Galaxia, páx.68