jueves, noviembre 06, 2014

Los enamoramientos, Javier Marías

Non sei por qué leo cousas que sei que non teñen que ver coas miñas preferencias literarias. A min gústanme as literaturas abisais, arriscadas, deliberadamente imperfectas, manieristas a tope. Gústanme os textos que se revelen contra o formato e empurren as páxinas con forza ata que as capas e as costuras rebenten e teñas que te erguer de súpeto para que o libro acougue. Gústanme os libros que no canto de liñas conteñan cabalos desbocados. Que as historias sexan tan incribelmente verdadeiras ou tan admisíbelmente falsas como para poñer en risco o equilibrio emocional dun lector medianamente empático. E se o risco non está na historia, xa digo, que os parágrafos se constrúan con materiais inéditos, ou con sintaxis e ortografías desaxustadas ata o límite que esixe a pretensión de conquistar unha vontade ou unha razón dunha lectora medianamente esixente. Podía ser este o caso, porque a historia non deixa de ser interesante, mais unha acaba por descubrir que só é unha disculpa para que o autor faga unha exhibición da súa capacidade discursiva. Non atopo moita emoción na autopsia psicanalítica dos personaxes. Parécenme rebuscados de máis. Rebuscadas. Para meterse na pel dunha muller fai falta ser algo muller, e Marías non o é moito. A narradora non logra convencernos. O autor, a xeito de demiurgo, quere construir unha muller moderna e intelixente, pero María Dolz é unha muller entregada que se rende ao amor e á xustiza, unha muller que renuncia. Eles tecen a trama e elas asisten e agardan. Supón o autor que a sabedoría e iso, ser quen de albiscar os peixes baixo a superficie pero non montar a caña, agardar que sexan eles, os outros os que se mollen e coman. Esa, para min, é a gran eiva da obra, ese non estar no mundo cando o que se pretende é, precisamente, mediante moreas de páxinas de reflexións interminables, achegarse ao cerne das grandes cuestións. 

2 comentarios:

crispavon dijo...

Linlle 'Corazón tan blanco' e encantoume, hai moito. Logo 'Cuando fui mortal', que gustoume malia xa sen tanto entusiasmo. Hai menos lin 'Tu rostro mañana' e non me convenceu a evolución que tivo. Aínda si reflexións que tiña sobre as relacións persoais, mais perdera, non sei, a tersura da prosa, a tensión da narración tan lograda desa primeira. Así que esta que comentas... vai ser que non a lerei.

Kerícolo dijo...

Taz vez sexa un pecado dicir o que voy dicir, pero eu non lín aínda nada deste home. Xa lín outras reseñas negativas deste home e a súa forma de escribir, así que penso que non me vou molestar en léelo. Un saúdo