martes, noviembre 24, 2015

O Estado Islámico. Estado da Cuestión ou Cuestión de Estado.

Zizek, Slavoj. Islam y modernidad. Reflexiones y blasfemias
Os atentados de París foron cousa dun grupo terrorista chamado Estado Islámico. François Hollande, dende o primeiro instante evitou usar ese nome, referíndose e eles como Daesh, din que para acentuar o seu desprezo coa axuda da fonética (daesh soa en francés como déche, tache: miseria, mancha, respectivamente). Creo, mais ben, que o que o presidente francés quere realmente é evitar calquera relación da palabra "estado" coas repulsivas accións terroristas do ISIS. Nos baleiros e omisións, deliberadas, ou non, agóchanse decote as claves para entender situacións complexas. Do que non se fala, porque non se poida ou non se queira, pódense tirar conclusións relevantes, tanto a nivel individual (eivas emocionais relacionadas con traumas, tabúes ou complexos) como colectivo (déficits de liberdade de expresión, existencia de censura ou autocensura que delatan rexímenes autoritarios, etc.). 

   Do que non hai dúbida é de que Hollande non se permite (e indirectamente está mandando unha mensaxe de prohibición ao pobo tamén) o uso da verba "estado" para referirse aos terroristas responsables dos atentados de París. O "estado" é seu, é cousa dos franceses, mellor dito, dos xefes do Estado francés ("el estado soy yo", lembran?). Como moito o concepto Estado é dos europeos, pero nunca, en ningún caso cousa de terroristas. 

   É certo que o concepto de Estado (moderno) foi o resultado dunha morea de procesos moi complexos en Europa. De feito, a súa perfección significa no noso contexto cultural o fin da Idade Media, a grandes rasgos, e a conformación dun xeito de organización política que ten no Estado a súa razón de ser. 

   A revolución francesa sería só, e nin máis nin menos, o punto culminante e exitoso dun proceso de perfeccionamento que se desenvolveu ao longo da toda idade moderna e que só precisaba desfacerse dos refugallos do Antigo Réxime. Francia foi o país que coroou ese proceso, así que todos temos que entender, segundo semella dar por feito Hollande, que lle temos que estar case eternamente agradecidos aos franceses, posto que vivimos dos réditos que heredamos dos que loitaron por nós. Grazas e eles disfrutamos deses valores que son a nosa forma de estar no mundo: libertade, igualdade, fraternidade (sic?). Ata aquí a teoría. Pero imos ao "deserto do real", como diría o noso filósofo de hoxe. 

En primeiro lugar o concepto de Estado ten forzosamente que ser algo moito máis complexo que o que ten o presidente francés na cabeza. Cando Platón, Weber ou Marx falan de estado, non están falando do mesmo. Iso por non saír das fronteiras coas que se pretende pechar o noso contexto cultural, occidental, democrático e liberal. O que para uns é unha comunidade de dereito que se somete voluntariamente -ou non- a unhas leis, para outros é unha institución que representa a instituicionalización da violencia sobre o pobo (Weber). En todo caso, se pensamos no Estado do xeito máis neutral e obxectivo para a maioría, falamos dun modelo de organización política. Falamos de política ¿non?

Voltemos a Hollande. ¿por qué nega Hollande a existencia ou posibilidade de organización política no ámbito do islam? ¿E logo? preguntámonos, ¿non hai política no islam? ¿é só relixión?

No fragor dos acontecementos, que é diario dende o día dos atentados porque todos os días hai novas sobre accións terroristas, escoitamos das mesmas voces autorizadas de onte contradiccións tan flagrantes que nos avergonzan e nos violentan.

Os políticos máis relevantes -por ser a diana dos terroristas- negan ao inimigo a súa existencia como Estado, pero intelectuais tamén provistos de altofalantes dende hai tempo na prensa máis exitosa falan da existencia do Estado Islámico nunha simplificación teórica que só pode ser consecuencia dunha teima por meterlle ao cidadán dúas ideas simples na cabeza porque cicais non o consideran capacitado para máis. Antoino Elorza no diario El País, acredita no Estado Islamico como tal, así o di, porque existen os ingredientes básicos, a saber, poboación, leis e organización. O ISIS ten todo iso, así que é lexítimo chamarlle Estado. O que está a dicir, é que é lexítimo consideralo como real, como perigo real, así que hai que bombardealo.

...

   Certamente, si que é difícil pensar e moverse máis alá non só do pathos de solidariedade universal (é broma, claro), senón na lodazal de confusión e arbitrariedade no que nos movemos. O de ser ou non ser estado non é unha cuestión secundaria, porque ademáis de servir ou non para xustificar un ataque, persoalmente lévame a pensar no que sei, no que sabemos realmente da organización política no ámbito do islam.  Todos estes días tamén asistimos a unha exhibición de de clixés que tamén nos da pistas para investigar se os tomamos como o que son: veos textuais que agochan medos e belaleiros enormísimos, segundo o repita un imán dunha capital occidental ou un tertulián aborrecido de sí mesmo. "Non se trata dun problema rexilioso", din todos eles. Non, claro, cando falamos de Islam, estamos pensando en organismos unicelulares e as súas dificultades reproductivas. Claro que falamos de relixión. O que pasa é que se pensamos en termos relixiosos o territorio a combatir e os obxectivos a bombardear son inabordables. 

   Tiña a man a Zizek, sempre me saca de algún apuro intelectual cando a realidade interrompe de socato a rutina diaria. E como o asunto é o mesmo, tirei do andel o ensaio urxente que artellou nos momentos inmediatamente posteriores ao asunto de Charlie Hebdo. Lembrei que alí daba algunhas pistas importantes.

   Efectivamente, hai un concepto de estado no ISIS, radical e fanáticamente diferente ao occidental, e o cerne que o explica case todo. O que realmente importa ao grupo terrorista non é un estado regulador do benestar social, o que lle importa é a vida relixiosa, que toda a vida se atinxa as leis da relixiosas. Nesa enorme fenda que separa ambos os dous conceptos é onde temos que pescudar. Revolución francesa e EI aparecen no texto dun dos ideólogos máis relevantes do islam, precisamente o que inventou o conflictivo nome que Hollande on quere pronunciar, o Estado Islámico:  Abul Alá Maududi. 

to be continued.....




lunes, noviembre 23, 2015

Atentados de París. Xornalistas bébedos?

Os atentados de París están deixando ao descuberto demasiados baleiros. Os discursos simplifícanse ata o embrutecemento nunha indisimulada competición por gañar audiencia. Levo xa varios días lendo e escoitando titulares estarrecedores neste senso. O último foi nantronte. O titular no diaro El País dicía literalmente "Hasna, la yijadista que bebía y a la que le gustaba la juerga". É completamente insoportable. A cada hora que pasa o nivel de esixencia no relativo á rigurosidade da información cae ata niveis descoñecidos. Non preciso ler nada sobre Hasna para decatarme do desprezo que nesta noticia se fai da muller en particular, do público en xeral e dende logo de calquera código deontolóxico de mínimos no que á prensa se refire. Agora mesmo, no intre es escribir este post, consulto a páxina e o titular xa non é o mesmo, alguén na redacción debeu decatarse do exceso de perversión e mandou parar...porque agora o que pon é "Hasna, la juerguesta que murió como una yihadista". Non daríamos feito estes días se nos adicásemos a análise aínda que fose superficialmente do que se está a dicir. Estas son as cousas que nos amedrentan a unx poucxs, que eu quixera que fosemos moitxs. O nivel do discurso constrúese á medida do que se imaxina que é capaz de dixerir o cidadán, Lamentablemente a cidadanía, o pobo, é moi manipulable. Tanto, que se lle dis que para conservar a liberdade ten que deixar de opinar, de saír á rúa e de desconfiar do seu líder, pois así o fará. De feito, xa o estamos facendo. Uns quedando na casa, outros crendo o que din os xornais, eu calando, ti.... Igualiño que os cidadáns europeos dos anos 20. O que querían era orden, así que déronlle licencia para matar aos seus xefes e comezou a trifulca. Todo xa demasiado visto como para que non dé noxo. Stefan Zweig o relatou maravillosamente nas súas memorias....

...seguiremos falando disto...é unha obriga, agora máis que nunca...pensar, falar, escribir...

Próximamente: O EI é un Estado. Estado da cuestión. Cuestión de Estado.