É un auténtico e delicioso roubado con zoom completamente ilegal este que comparto con vós. Delicioso espertar dunha longa sesta reparadora onde os haxa. Pouco me faltou para aplaudir a estes dous dende o meu balcón, a lavadora pode agardar, eternamente, mentres na rúa se detecten estas fermosísimas expresións de xenerosidade. Preguntémonos alomenos se non deberiamos avaliar ese exceso de corrección e autocensura que practicamos ata en soños, e agora vou vixiar que non pase ningún tribuno da plebe que os amole...
miércoles, abril 29, 2009
sábado, abril 25, 2009
Botóns...
Cando o vello tarro de nocilla se encheu totalmente de botóns Milena espallounos sobre a mesa lembrando cantas veces fixera o mesmo de nena con aquel tesouro co que se entretiña mentras a nai cosía eternamente naqueles uniformes, mais agora era o seu propio tarro e as pezas que se amorearon en todos estes anos eran parágrafos da súa vida que podían axudala a reconstruir episodios esquecidos, velaí está o máis atrevido, o botón do estrano vestido co que casara, agora ben mais falangueiro e lixeiro, ou esoutros forrados de interminables xornadas de Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades, si, destes hai moitos, descosíanse decote porque Milena daquela non se espía, arrancaba a roupa do seu corpo cada noite para desfacerse dunha pel allea que lle proía, e velaí están tamén os minúsculos botóns que nunca coseu e que lle falan de horas que non existiron, de baleiros que un anxo enchía e adobiaba cada día para ela, para que ao acordar fuxiran os pesadelos e só puidese ollar o sorriso mais xeneroso do mundo...
jueves, abril 23, 2009
Estranho animal...
martes, abril 21, 2009
A crise.
Pois si, velaí está, en todo seu esplendor, que dixo o mestre. Interiorizada completamente na cerna da nosa Galicia máis interior e auténtica. Mozxs e vellxs fregaron convenientemente na virxe das cabezas cos seus modernos clínes (¿durará o mesmo a bendición?) e estampiñas. Asistimos a unha lección maxistral sobre o funcionamento do mercado en xeral e dos exvotos en particular, seguíndolle a pegada ás cerúleas cabeciñas dende os postos de venta a carón do pulpo á feira, ata os pés da virxe milagreira de onde os recollían cantareiros rapaciños convenientemente catequizados para amorealas nas sacas para ser a materia prima da que cicais sairán bandullos, pernas, fígados e corazóns para outros santos especialistas en doenzas múltiples. Os callos tamén no seu punto, garabanzo con garabanzo saíndo por fóra do prato, como debe ser, e o viño malo de ocasión e a 9 euracos a botella. Vaia oh...! imos quedar sen romaría por culpa da crise. O pobo é sabio de máis ¿que mellor esconxuro para afastar este diaño que convertila en nome do bar. A virxe que se encargue das escrófulas que nós xa damos conta da desaceleración.
sábado, abril 18, 2009
Negación
Borrar a memoria. Limpar as pegadas dun crime. Queimar arquivos e bibliotecas. Eliminar aos testigos. Negar o holocausto é delito. Non é delito só o homicidio, senón tamén a negación da súa existencia cando hai probas evidentísimas do contrario. Os asasinatos de mulleres non só quedan impunes moitas veces, senón que se anima esta práctica pola vía da negación. Ás veces xa non sabe un se escribir dun feito cando non se foi testemuña directa porque en canto sacas os tema maldito, muller, igrexa, memoria histórica,, achégasete o sabio sentado de turno con toda a súa fachendosa sabedoria de profesor universitario e, esquecendo completamente os progresos da razón e os milleiros de páxinas sobre a construcción do discurso científico, reclama a túa atención nunha especie de maxisterio esotéricoerotohinopticolóxico para simplemente dicirche NON.
viernes, abril 17, 2009
xenuflexións literarias un...
Adoito ler unha morea de libros a un tempo, de xeito totalmente desordenado e mesmo compulsivo. Deixo Rayuela en calquera páxina, esgotoume o concerto de Berthe Trépat, metínme demasiado na pel de Oliveira e adícolle demasiado tempo á metafísica. Deito o volume no chan e boto man das ocorrencias de Nancy, que traduce para nin don Ramón. Reflexiono o pouco que teñen mudado algunhas cousas por estas latitudes e imaxino a H. explicarlle aos seus alumnos de Göttingen as súas dificultades para entender certas supersticións que aínda campan pola Gallaecia. Solución transitoria. Mudar de idioma e participar nunha viaxe. O cornaca faime un sitio na caravana que acompaña a Salomão e déixome levar polo río Saramago, serpe Saramago, Que é um acto poético, preguntou o rei, Não se sabe, meu senhor, só damos por ele quando aconceceu, Mas eu, por enquanto, só tinha anunciado a intenção de visitar o salomão, Sendo palavra de rei, suponho que terá sido o bastante, Creio ter ouvido dizer que, em retórica, chamam a isso ironia, Peço perdão a vossa alteza, Está perdoado, senhor secretário, se todos os seus pecados forem dessa gravidade, tem o céu garantido, Não sei, meu senhor, se este será o melhor tempo de ir para o céu, Que quer isso dizer, Vem aí a inquisição, meu senhor, acabaram-se os salvo-conductos de confissão e absolvição, A inquisição manterá a unidade entre os cristãos, esse é o seu objectivo, teño que parar sequera para respirar porque a Saramago hai que declamalo, como a Horacio Oliveira alias Julio Cortázar, hai que dramatizalos para achegarnos á partitura orixinal. E reflexiono sobre a ironía e os seus excesos, o filósofo adicoulle un tratado exclusivo, mais o sabio decepcióname por momentos, ...entramos así en el reino del ingenio. La ausencia de gravedad hace que el hombre sea una "vaina" y que la mujer caiga en la "liviandad", que es una excesiva ligereza de cascos, páxina vinte e ata aquí chegamos de momento, amolada por non ser quen de prender o lume que reclama Forcadela, Alguén dispoña incendios, solemnes lumieiras, / nos cruces dos camiños, nas pontes das estradas, / Que sirvan como aviso, sinal para o percurso / Daqueles que sen luces errantes ambulamos / Dun lado para outro, de aquí para acolá, / Seguindo algunha estrela....
martes, abril 07, 2009
semana de paixón...ou as intermitencias da igrexa
Os pasos da semana santa, coma a totalidade da iconografía que inspirou excelsas obras de arte, eran o xeito de ensinar a biblia a un pobo que non podía ler o libro sagrado. E seguimos co mesmo ritual. A igrexa segue pastoreando a gusto ao seu rabaño de fieis, mais hai unha sutil diferencia. O actual analfabetismo é un way of life deliberadamente cultivado que baixo unha apariencia de correción política agocha os xermes dunha volta de ciclo certamente arrepiante. Volto estes días sobre os meus propios pasos, chanzos placebo nos que reafirmo a miña fe nas verbas máis profanas e a miña inclinación definitiva cara o pecado, ou o que é o mesmo, ser feliz a conciencia.
Noli me tangere Necrosia cultural Eu tamén son atea Os cartos da igrexa (III) (II) (I) Nosa Señora da Ascención....a motor A única igrexa que ilumina é a igrexa que arde, ¡aVe mArÍA pURÍsima ! (sic) ¡00001101100111! ¡dremialamorhermoso!, Exposición Arte e Omosessualità...
Suscribirse a:
Entradas (Atom)