Hai uns meses estiven con Antonio Meño na súa casa da Praza Jacinto Benavente, en Madrid. Foi P., quen nos falou desta familia que se instalara na rúa para pedir xustiza logo de que nunha clínica lle deixaran totalmente inútil ao fillo por unha neglixencia médica. P. contoume que a policía facía "a vista gorda" e que non eran quen de botalos de alí. Fiquei cunha desacougante sensacion de incredulidade e estrañeza en canto chegamos á praza. A precariedade da casoupa e os carteis plastificados cos que a familia se defendía do frío do inverno (e do da xustiza) configuraban unha escenografía absurda e hiperreal. Tiven medo. De esa porta cara a oscuridade do acubillo dun home postrado para sempre e para sempre ausente. Un home que abriría os ollos para non ver nunca as bágoas da nai que o perdeu. Aínda tiven máis medo da posibilidade dunha nai xa sen bágoas. Medo de ter que contemplar como envellece un corpo coa forza dunha parálise só interrumpida pola teimosía dunha nai que quece e abranda articulacións e músculos nunha loita a vida por evitar o esquecemento. A miña covardía empurroume cara o escuro e entón foi cando saiu Antonio. Abraceino porque vin todo o que eu entendo por humanidade concentrada nos seus ollos. Fixen liscar os refugallos do medo e sobre todo da desconfianza con que ollara por segundos todo aquel tinglado. O sorriso de Antonio, a súa voz morna e a súa man termando de min mentres me amosaba sentenzas e requerimentos de pago non o esquecerei nunca. Non fun quen de facer unha foto, quixen gardar para min toda a forza que me transmitira ese home. Fíxenme tantas e tantas preguntas....que era máis incrible, o desprósito dos médicos, a indiferencia dos tribunais que condeaban á vítima, a escandalosa distancia da ollada dos cidadáns perante o máis desgarrador....ou a extraordinaria xenerosidade de Antonio e a súa familia compartindo o pouco que quedaba de esperanza...e velaí como hoxe, moi, moi tarde para condear a tantos como merecen, volvo a sorrir abrazada a aquel xersei de la de incerto color beige e tan agarimoso. Nuns poucos días volverei á Praza Jacinto Benavente, e parafraseando a uns bos amigos, moi mal se me ten que dar a noite ou o día para que eu non me tome unha cervexa nesa praza á saúde de Antonio Meño e a súa familia.
Fotografía AQUÍ