martes, septiembre 30, 2008

Lembranza de Cuca Tovar.

Co gallo de lembrar á benquerida Cuca Tovar, ando estes días metida entre prensa vella e sentencias que falan duns oscurísimos anos oitenta nos que xs que tiñamos vintetantos viviamos no mundo feliz e superdemocrático que nos vendían os de sempre, os que, como agora, non queren remexer, non sexa que saia toda a merda que foron amoreando na corte da súa conciencia. En fin, que vos agasallo hoxe cun extracto da sentencia relativa á demanda que a compañeira de estudos Carmela lle puxo ao concello ourensán por negarlle a consulta do libro rexistro do Cemiterio de San Francisco co que pretendía facer un traballo de 5º curso de Xeografía e Historia. Velaquí as gloriosas verbas dun funcionario que debía de de ter praza ao carón de deuspadretodopoderoso:
"que desde luego con lo que no estoy de acuerdo es que se vaya a buscar exclusivamente datos de un período doloroso para España, como fue la época del 36...yo creo que es una etapa que tenemos que superar todos y olvidarnos de este tema y no seguir escarbando en algo que ya han pasado 50 años y un par de generaciones por medio...y en cuanto a la investigadora yo tengo mis dudas, todos sabemos quien es esa investigadora y prefiero no añadir más...a mi no me llegó su acreditación como investigadora, todos ustedes saben la militancia que tiene esa persona y lo lamento mucho pero po ahí, insisto, no entro".
Prezada Cuca, pasaron vinte anos e seguimos igual. Estou vendo a cara deses funcionarios poeirentos e fachendosos do seu montaraz analfabetismo fronte á beleza daquel teu sorriso de muller segura de sí mesma coma poucas. Eu, coma todxs xs mozxs daquela, perdía o cu por estar a carón desa xeración vósa que nos levaba só uns aniños pero que agochaba tanta sabedoría. Hoxe, de seguires entre nós, outro galo cantaría, seguro. Teríamos unha intelectual coma merecemos. Imaxino as noites que deixou de durmir a gusto aquel alcalde que afortunadamente quedou inhabilitado grazas a ti. Só pasaron vinte anos e xa ninguén lembra nada, Cuca, só unxs poucxs que che votaron unha man, outrxs que te votan en falta cando se fala de memoria histórica e algún funcionario que anda co estómago encollido pola teima esta de querer volver remexer no pasado, que así é como lle chaman a calquere intento de reconstrucción de feitos históricos que precisan ser coñecidos para logo ser analizados e estudados tamén para que non se repitan, se pode ser. Mais acouga, Cuca, hoxe terías case os mesmos atrancos para facer a túa tese. E non por muller e ademáis roxa como debeu pensar aquel alcalde, senón porque lamentablemente, os documentos que procurabas aínda non están no arquivo. E non porque non haxa arquiveiro, como che dicían daquela, que o hai e dos mellores que terá este noso falso reino de galicia, como ben sabes. Simplemente porque non os mandaron. E así, se non se coñecen ¿quen vai querer investigar sobre eles?

[Foto: Estado de parte da documentación do Concello de Ourense afortunadamente recuperada polo seu arquiveiro D.Francisco Espino. Fotografía da súa colección particular] Este post adícollo a P.E. aquel cuxa conta de correo é algo así coma sendeussenpatriaesenrei@nonseiqué (non premer na ligazón, pode estourar)

miércoles, septiembre 24, 2008

La cultura de la libertad, Jesús Mosterín.

Agradécese a claridade na escrita dos filósofos, Seguramente de terse esforzado un pouco máis no eido da comunicación non se lles chegaría a ningunear deste xeito . España non é unha potencia a nivel científico (inclúo por suposto as denostadas humanidades) e cumpriría unha decidida aposta por poñerse ao día nesta esquecida tarefa de "filosofar", aínda que só sexa por ser un pouco proactivos á hora de afrontar os sempre desacougantes cambios de paradigmas e de civilizacións. O título do libro só responde á súa función comercial. O abuso do palabro rematou por trocalo nunha verba de compañía da que botar man cando precisamos lustrar, poñer de moda ou mesmo rehabilitar ideas, filosofías, supersticións e ata productos da terra. Cultura do fútbol, cultura do viño, cultura da saúde, cultura dos software libre, cultura dos Millares, cultura do consumo, cultura do tango, cultura da morte, cultura do aceite de oliva, cultura del corpo. Neste texto analízanse e, sobre todo, cuestiónanse as institucións que nos dirixen pero que tamén son o cerne dunha chea de conflictos que malia a cantidade de sufrimento que poden causar non provocan nas súas víctimas rexeitamento algún, máis ben todo o contrario, pois tenden a sentirse enormemente orgullosas de vivir no máis desenvolvido e moderno dos mundos. Gustoume tamén o individualismo e a volta a unha lóxica aplastante cicais esquecida precisamente pola súa sinxeleza. Fálase aquí de "humáns" (pouco a pouco esquecemos a rareza do termo e agradecemos a anulación da diferencia de xéneros) como depositarios duns atributos que se queren hoxe facer pasar como patrimonio de esas entidades pantasma que se agochan baixo os términos como sociedade", ou "nación", que me lembraron a aqueles entes colectivos e con vida propia que recreaba Belén Gopegui no seu último traballo. Hai afirmacións certamente "viscerais" como cando di que o fígado, igual que a lingua e a cultura non son cousa de territorios nin de sociedades, son cousa do ser humano, e para a súa felicidade é imprescindible que sexa o humán o que poida elixir a lingua que fala. A delegación destas liberdades de elección en mans dos Estados son problemáticas abondo, o que podemos comprobar especialmente nestes días nos que a lingua semella ser unha nova e estratéxica materia prima da que se queren apropiar corporacións, estados, asociacións ou calquera desas entidades "zombis" das que falabamos. Pareceume moi interesante o capítulo adicado ao estado, ao que gusta definir segundo a fórmula de Weber, como o que detenta o monopolio da violencia. Conceptos tan novos (ou non tan novos segundo o eidode estudo dende o que ollemos) como o de "nación" teñen levado ás maiores barbaries e guerras. As fronteiras non deixan de ser as feridas aínda sen cicatrizar destes novos conflictos que ameazan con estourar en calquera momento e en calquera parte. A relevancia, ou mellor, a irrelevancia do Estado nun mundo globalizado leva ao autor a plantexarse como solución axeitada a desaparición das fronteiras, de momento unha utopía sobre a que conviña reflexionar de vagar.

martes, septiembre 23, 2008

Os cartos da igrexa (III)

[Repito foto propia porque vén moi ao caso. Aquí estou eu "negociando" a entrada á catedral de Almería hai un par de veráns]

Como seica hai moito interese por esta miniserie colgo os derradeiros datos que me quedan das anotacións que tomei na conferencia do profesor Bouso. Sobre a diócese de Santiago de Compostela ofreceunos un resumo dunha contabilidade publicada recientemente creo que no Faro da que non conservo notas pero que podedes atopar aqui. Aconsello unha lectura detida deste artigo, o escatolóxico sentido do humor do señor ecónomo non ten desperdicio. Pois ben, a orzamento desta diócese, ronda uns 31 millóns de euros. Segundo o profesor Bouso só con que os pelegríns pagasen 8 euros anuais acadaríase o autofinanciamento. Por outra parte e aínda incurrindo en horribles pecados habería que poñer en dúbida a seriedad dunha contabilidade que mete na columna de gastos as retribucións do clero cando en realidade é o Estado, ou sexa, todos nós, o que se fai cargo destes salarios. No apartado de ingresos destacou o caixón de "ingresos diversos ou extraordinarios" no que aparecen 11 millóns de euros procedentes ¿de donde? O profesor lembrounos tamén a Bernardino Nogara, aquel espelido xestor que "rematou definitivamente coas goteiras da igrexa" poñendo a producir como "deus manda" un patrimonio que ata entón semellaba estar en franco declive. Unha figura merecente dunha monografía polo menos tan espectacular como a de calquera dos Borgia. Ata 1953 grazas a el, os cartos foron investidos a partes iguais en industria, oro e divisas e capital inmobiliario. Por último, o profesor agasallounos cunhs datos en bruto que fixeron as delicias dun debate rico en ironías, gargalladas e acenos de incredulidade perante a caradura secular dunha institución que segue a moquearse dos seus súbditos. 280 museos subexplotados, 103 catedrais, 73 seminarios maiores, 33.400 profesores de relixión que paga o estado, propietaria de portais de internet, emisoras privadas (7 episcopais, 4 locais), publicidade non declarada, 50 revistas de tirada nacional....posuidora de 111.000 Ha. de terras agrícolas, 100.000 propiedades inmobiliarias (a segunda propietaria despois do Estado), propietaria do 70% do chan dos cascos vellos das cidades (casos extremos en Burgos, Santiago, Toledo). ´Propietaria só en Madrid de 1082 propiedades en conventos, casas de frades e pisos, etc. etc. E con esto damos por finalizado este percorrido para voltar ao profano e moito máis divertido mundo do deserto real de cada día. Grazas a Pedro pola charla e agardamos pacientemente unha publicación sobre este tema.

viernes, septiembre 19, 2008

Os cartos da Igrexa (II)

Foto: Igrexa de San Francisco de Betanzos. Outro trebello recadatorio semella que en período de rebaixas.

Na súa charla, o profesor Pedro Bouso ofreceunos unha chea de cifras e datos sobre a procedencia dos cartos da igrexa. Ademáis desas graciosas asignacións que lle facemos tódolos fieis e infieis hai outras moitas fontes de financiamento, unhas máis coñecidas e outras moito menos. Edicións de catecismos, videos, discos, xestión de sepulturas (600.000 euros anuais), anulacións matrimoniais (no ano 2007 producíronse 1305 procesos sendo o coste do mesmo entre 120.000 e 200.000 euros non saen só uns céntimos). Tamén nos deixou datos moi curiosos. Por exemplo, a visita do Papa a Valencia que custou 60 millóns de Euros. Ou a visita do papa en 1982 a Escocia que o agasallou cun auto que foi subastado en 430.000 euros adquirido polo coñecido Abramovich máis atraído pola curiosa matrícula do chimpín que polas súas prestacións en estrada. E polo que parece, o segundo coche máis caro do mundo é o golf de Ratzinger, valorado en ¿9.900 millóns de euros? Pasemos a temas un pouco máis serios e fagamos un pouco de memoria histórica da man do profesor P. Bouso. ¿lembrades o famoso tema GESCARTERA? Eu recoñezo que só moi vagamente pero Pedro levoume a aqueles marabillosos anos de desfalcos e corrupcións varias nos que apareceron estas curiosas inversións da igrexa nesta "desaprensiva entidade financeira". As Agustinas Salesianas tiñan alí postos 3 millóns de euros, os "Salesianos" 300 millóns, as monxas "filipenses misioneiras da ensinanza" 6 ou 7 millóns, e así ata trinta asociacións da igrexa. No noso terruño só a diócese de Tui-Vigo figuraba como investidora pero cunha ridícula cifra de 27.000 euros que segundo o profesor debeu ser a calderilla coa que o ecónomo se librou do comercial de Gescartera. José Gea Escolano, obispo de Mondoñedo, cando se descubriu o pastel sentenciou que "é un deber da igrexa investir ben para quitarlle rendemento ao patrimonio". Outro día máis.

jueves, septiembre 18, 2008

Os cartos da igrexa (I)

Foto: Peto na Igrexa de San Francisco de Betanzos

No marco do curso de verán organizado porla USC "Liberdade relixiosa e sociedade contemporánea" asistín onte á conferencia de Pedro Bouso sobre a sempre misteriosa cuestión dos cartos de igrexa. Ofreceu datos moi interesantes dos que vos irei informando en sucesivas entregas. De 1997 ata 2006 a igrexa recibe do Estado 2.200 millóns de euros como adianto dunha conta da que ata agora non se devolveu nin un céntimo. Cada español, independentemente de si é católico, xudeo, agnóstico, ateo ou chií paga á igrexa católica do seu peto 3,5 euros ao ano. O compromiso de autofinanciamento da igrexa establécese nos Acordos do ano 1979 coa santa sede onde se establecía un plazo de 3 anos de adaptación que foron prorrogados logo a oito e...ata hoxe. A Igrexa NO PAGA IMPOSTOS. Agás o I.V.E. a partir de 2008 (a requerimento da Unión Europea) e as taxas de alcantarillado e auga. No tocante ao tema da cruciña no I.R.P.F. a as súas consecuencias reais, na declaración que facemos cada ano temos dúas posibilidades, poñer a cruz no recadro que di "para a igrexa católica" ou no que sinala "para outros fins sociais". Pois ben, nos dous casos, segundo parece, os nosos cartos van dar ao mesmo caldeiro, como no moderno peto que afea o interior da belísima igrexa de San Francisco de Betanzos. e que ilustra este post. Si eliximos a opción "para a igrexa católica" estamos a dar o 0,7% da nosa cota para a igrexa, e dicir, se temos que pagar a facenda 1000 euros, ingresaremos 997 no Tesouro Público e 7 nas arcas da igrexa. Pero é que se marcarmos a aparentemente laica casilla que di "para outros fins sociais" tamén estamos a darlle cartos aos curas. Do que se ingresa por este concepto un 80% é xestionado polo Ministerio de Traballo e Seguridade Social e o 20% restante polos Ministerio de Asuntos Exteriores. Todos eses cartos asígnanse non a institucións senon a proxectos concretos. Nestoutro manancial de cartos a igrexa ten unhas 30 institucións "sen animo de lucro" que chuchan do mesmo teto, os nosos salarios. Algúns exemplos: Cáritas Diocesana, que ingresa 6,5 millóns de euros, Mans Unidas, 12 millóns de euros, etc. A igrexa é a que leva o cacho máis grande da tarta da que comen esas institucións de interese social. Curioso, e por esto ninguén protesta, aquí a lei semella ser tan "positivamente" discriminatoria que pagamos todxs, xs burrxs, xs listxs, xs ricxs, xs pobres, xs piadosxs, xs asasinxs, xs...CONTINUARÁ.

lunes, septiembre 15, 2008

Festina lente, Marcos Calveiro.

Eu non só teño prevencións contra a novela histórica, teño verdadeiro arrepío. É a burbulla inmobiliaria da literatura. ¿que son moi radical? Consultade os anaqueis das librarías, os catálogos, as recomendacións de libros...¿hai algún autor ou aspirante a tal oficio que non sucumbira aínda a esa gorentosa sensación de escribir un libro que xa ten lector asegurado? Tería que puntualizar para non quedar de borroka total e explicarvos polo miúdo por que desboto calquera texto literario que cheire a arcanos códices, monxes conspiranoicos, pseudohermenéuticas bíblicas e misteriosas línguaxes crípticas que só entenden os autores máis onmiscientes (sic) que xa esqueceron altísimos e escarpadísimos cumios literarios que supoño que desbotarían por elitistas, antidemocráticos ou simplemente pasados de moda. E agora toca tragar por unhas décadas máis con masóns, cabaleiros templarios, sabas santas, inquisicións, feiras, gremios, etc. etc. Con Festina Lente fixen unha paréntese nos meus xuizos sobre o non-xénero por excelencia (novela histórica, ten tanto sentido como novela científica ¿por que non historia ficción ou novela ficción?, sería un pouco máis xusto, polo menos) dado que viña recomendada por voces autorizadas nesto da crítica literaria. A min, Festina lente, paréceme un exercicio literario encomiable se nos situamos no contexto do que podería ser unha novela didáctica que emprega o feito histórico como escusa para amosar un mundo pasado dun xeito certamente ameno e atractivo. Foi alá pola páxina vinte cando decidín mudar o meu subxectivo punto de vista e trocarme nun alumno calquera de instituto que cumpre cunha lectura recomendada do seu profesor de literatura, ou de historia. Dende aquí, conseguín chegar ao final e apreciar a riqueza léxica, a poética do texto, e o misterio da trama. Ata acadei doadamente poñerlle cara a Ambrosio, mareeime coa fedorenta atmósfera da compostela e percorrín calellas, arquivos, códices e personaxes con certo interese. Que non se vexa a miña crítica como negativa, só digo que cada cousa no seu sitio e que non nos deixemos levar polos doados camiños da doada e líquida hibridación donde todo custa o mesmo e cada vez menos, por certo, falando máis de esforzo que de maravedís ou reais de vellón. EN CASTELLANO

ANCHOAS Y TIGRETONES


Leidis an llentelmans, chegada directamente de Orión, dende moito máis abaixo do inframundo e dende moito máis arriba do cumio máis alto que ningún aleph poida imaxinar, cicais dende a cidade onde viven os cronopios dos que nos falan tantos famas, damos a benvida ao marabilloso espazo virtual da princesa Sigrid, ANCHOAS Y TIGRETONES, tachán....!!!!!!!!!

jueves, septiembre 11, 2008

La mujer silenciosa, Monica Zgustova

A paixón pola escrita de Bohumil Hrabal fíxome chegar a Mónica Zgustova, a súa traductora, e a responsable en boa medida, do espallamento da cultura checa pola cara máis soleada do noso continente. Coa frescura das derradeiras verbas da novela aínda no padal corro a este recuncho para contarvos as deliciosas sensacións que xa esvaecen no pozo sin fondo da cruel desmemoria. Non daría feito se vos falase dos temas, personaxes, matices, paisaxes, exilios, localizacións, referencias literarias, musicais, artísticas, e moito menos se descendo a unha análise detallada dunha descripción de case un século de historia europea e a súa incidencia nuns personaxes riquísimos e cunha infinidade de perfiles psicolóxicos que nos levarían a escribir polo menos unha ducia de folios que ninguén lería. Pero coma este é un espazo de liberdade, pensándoo ben, vou facer unha vez máis o que me peta e vou falar abondo desta novela porque ben o merece.
Por comezar polos personaxes que seica son unha as cousas máis importantes nunha novela, comezarei falando de Sylva e Praga, dúas mulleres -¿ou dúas cidades?- que enchen as catrocentas e pico páxinas desta historia poética. Sylva é a muller silenciosa que nos conta a historia da súa vida primeiro como condesa Sylva von Wittenberg e logo cando se convertiu en Madame l´Ambassadrice, para pasar a ser sinxelamente a solitaria e exiliada Sylva dentro do súa Praga, primeiro ocupada polos nazis e logo tristemente engulida polo réxime soviético. Ao seu redor mundos que mudan de socato enviando ao exilio, a campos de concentración e a gulags aos teimudos que insisten en respetarse a si mesmos. Un mundo ao que ela vai tratando de adaptarse asinando documentos que lle prometen novas identidades nas que sobrevivir e que, pola contra, a enchen dun sentimento de culpa do que non se liberará ata a morte. Sylva, sempre obediente, trata de cumprir coas expectativas e normas das institucións socializadoras por excelencia, sobre todo a familia, para atoparse de contino co monstro dos totalitarismos que impoñen novos catecismos onde non caben referencias, onde hai que desfacerse absolutamente de todo o que teña que ver coa felicidade, a cultura, a beleza e de todo o que cheire a liberdade. Sylva asiste á desaparición dos seres queridos e vai quedando sola nun mundo de solitarios onde a vertixe dos cambios remataron por enaxenar completamente aos cidadáns. Con Sylva coñecemos as estreitas rúas de Malá Strana, acougamos na illla de Kampa, e asistimos a sucesivos cambios de réxime dende a fermosísima ponte de Carlos, ollando o estarrecedor espectáculo cos ollos das estatuas. Sylva lévanos ao fermoso Café Louvre e a eses outrora maxestosos recantos de Praga que a decadencia non tardaría en converter en parques temáticos para turistas que xa non saben nada de anexións, torturas e imposicións totalitarias. A narración ten unha fermosísima música de fondo, como non podía ser doutro xeito nestas latitudes nas que se crece entre as melodías de Schubert, as arabescas de Schumann, as polonesas de Chopin, as zarabandas de Bach e os fermosos cantos litúrgicos ortodoxos. Pero tamén teñen cabida outros mundos aparentemente lonxanos. Da man de Jan, o fillo exiliado nos Estados Unidos, asistimos a outras soidades que tentaron sobrevivir aferrándose ao desenvolvemento do mundo do progreso no que a ciencia e o capitalismo se mesturan para crear un modo de vida aparentemente feliz e frívolo no que todos son ben acollidos. Tería que falarvos tamén de Andrej, o amor de Sylva, un monumental personaxe que representa todo o sufrimento que marca a vida do heterodoxo, do que por manterse fiel á bondade humana é a diana perfecta da ignonimia de tódolos bandos. Tería que falarvos tamén de Petr, o poeta que quedou, no exilio interior, o que de mozo, cando era Monsieur de Beauvisage, engaiolaba por igual á nai e á filla, e que representa a dor que sufriron os que se quedaron e foron marxinados por tódolos rexímenes dun pensamento único que rexeitaba a súa poesía. Unha novela total que resume un século moi escuro no que se cometeron atrocidades que pariron xeracións cunha tristura conxénita e que a pouco que ollemos con atención albiscaremos nas súas xentes.

martes, septiembre 09, 2008

Feminicidio, o deporte nacional de Ciudad Juárez.

Xa non me sorprenden as barbaridades que di a igrexa católica pero nunca entenderei os motivos polos que tanta xente que se ten por civilizada e ata os cabezaleiros desta democracia perfecta seguen a querer educar aos fillos no panóptico dun catecismo que pouco ten que envidiar aos manuais máis revirados de técnicas de tortura e centrifugados de cerebro
Hai un lugar no mundo no que a violación e asasinato de mulleres é un deporte multitudinario, chámase CIUDAD JUÁREZ

...e seguen a ser soterradas baixo o signo da cruz...

Vagamundo, Fran Sevilla. La Iglesia Católica mexicana, por pluma de su aplicado servidor, el sacerdote Sergio G. Román, ha recomendado a las mujeres que no lleven minifaldas para evitar ser asaltadas sexualmente. “Cuando exhibimos nuestro cuerpo sin recato, sin pudor, lo prostituimos porque provocamos en los demás sentimientos hacia nosotros a los que no tienen derecho” escribe el padre Román en una publicación digital dirigida a preparar a los católicos para el VI Encuentro Mundial de la Familia que se celebrará en México D.F. el próximo año (sigue lendo)

domingo, septiembre 07, 2008

Che, O Arxentino.


Fómola ver nantronte, o día da estrea. Abondaba coa presenza de Benicio del Toro para manterme ameigada horas na butaca pero a combinación con Soderbergh garantía ademáis algo grande. Lembrade Traffic e a saborosísima língua do polícía que facía Benicio. No caso do Che a rodaxe en castelán é un aloumiño que nos achega a pel dos personaxes e nos mete nunha historia que podía resultar demasiado fría ao ser tratada case como un documental. Pero ese delicioso acento cubano xunto cuns estudadísimos planos, curtos as máis das ve ces, métennos de cheo nos uniformes dos guerrilleiros pero tamén nos achegan a suor desa selva húmida e amezante que lembra tanto á Voráxine de Eustasio Rivera (unha obra mestra da que teño pendiente falar aquí dende hai meses) . Recoñécese un grande traballo de documentación e ata unha intención didáctica no filme. Conscientes da imposibilidade de reter nas butacas a unha xeración que non agasalla a súa atención sen unha ración ben cumprida de estímulos de todo tipo, Soderbergh e compañía empéñanse en contar a historia revolucionaria máis salientable do século XX da que millóns de mozos só coñecen unha camiseta. Desta vez alegreime de non ser unha espectadora solitaria dos Cine Norte e compartir cunha multitude esta grande película, malia as molestias do griterío, o cheiro a palomitas e o mareo que sempre me ataca nestas salas comerciais que deberon esquecer hai tempo os requisitos mínimos de construcción dunha sala de proxección. Os post non poden ser moi extensos por eso non vos falo da emoción de ver o discurso da ONU, do extraordinario papel de Demian Bichir como Fidel Castro, de Santiago Cabrera como Camilo Cienfuegos e da nosa Elvira Mínguez como Celia Sánchez. E tampouco me podo extender sobre a impresión de estar vendo "unha de romanos" se comparamos este xeito de loita apegada á unha terra que perdeu todo o seu significado nos tempos de hoxe, este tempo líquido no que non se distinguen os bandos, nos que só contas as víctimas militares e nos que o territorio extinguiuse por completo sustituido por unha fronteira infinita, global, invisible e por suposto, líquida. Volve ser preciso mercar a camiseta, e aou mellor está mais xustificado que apareza a cara de Benicio no canto da de Ernesto Guevara.
Che el Argentino

miércoles, septiembre 03, 2008

Camposancos, a versión galega da violencia fascista.

Teatro do antigo colexio empregado como sala de xuizos.



[Ei, Rubén, este post vai para ti, por encomenda do Aser]. Estivemos alí. Tiña escoitado algo sobre este Mauthausen de noso e había pouco que viramos o excelente documental sobre o Memorial de Camposancos. Esoutro día, logo dunha fermosa xornada na outra beira da raia, decicimos apurar a volta e cruzar no ferry. O monumental edificio en ruinas recibiunos cunhas chiscadelas de fiestras escuras e cristais esnaquizados polas pedradas do abandono. Axiña recoñecimos ángulos, torres, arcos, cresterías, linteis, portas e cancelas. Non ía ser doado desaproveitar calquera oportunidade por perigosa que se presentara, para saltar ao interior. Decidimos dar unha volta arredor deste monumental cascallo concentracionario e ao dobrar a primeira esquina da fachada, unha porta metálica fechada ¡co pau dunha basoira! convidounos a entrar. Menos mal que dende que mercamos a preciosa Nikon non a quito de enriba. Comprenderedes que para unha viciosa do alleamendo de propiedades abandonadas esta é unha ocasión que non se presenta a cotío. Fixemos moitas fotos, botade unha ollada á galería que colguei na columna da dereita. Un lugar sinistro que agarda a que esmoreza o repuntar dunha mísera memoria da que non queremos oir falar. Pero está aí, aínda viven algúns que poden falar do que aquí pasou. E houbo un pobo que todos estes anos loitou por conservar a memoria dos que morreron POR NADA pero foron lembrados con toda a dignidade do mundo cuns nomes escritos cun esprai no muro do que ten que ser por moito tempo unha lamentación. Esta teimuda xentiña que viu tanta morte e tanto sufrimento conseguiu que se lembrase aos seus parentes, amigos e coñecidos torturados e asasinados POR NADA cun monumento non me atrevo a dicir que máis digno, só un pouco máis duradeiro.Agora, polo que sei, queren facer un hotel de luxo. E nin siquiera temos onde asinar para opoñernos, non sei dunha plataforma para recuperar este non lugar que podería ser tan ben aproveitado como centro nacional de documentación sobre a represión. Pero como ningún dos que rexeitamos festas gastronómicas seremos escoitados xamais po estes políticos tan preocupados pola recuperación dos bolos celtas, pois non haberá nada que facer. ¿ou si? Se chega un día e facedes uso dunha suite deste futuro hotel que saibades onde estades a durmir.


Nunha das paredes aínda quedan grafittis dos condenados. Neste vese claramente o debuxo dun avión durante un bombardeo.


O DVD Memorial de Camposancos podes atopalo na biblioteca Central da Universidade de Vigo. Aquí. Video. Máis noticias en: La Voz de Asturias .
Fonte: Memorial de Camposancos [DVD]. José Ballesta y M. Anxo Fernández. [Oviedo] : Principado de Asturias : Blaster, 2007
"A la memoria de los hombres que moran en esta fosa común. Aquí no enterraron sólo cadaveres. Enterraron semillas que hoy florecen. Por favor respetad este lugar"

Durante moitos anos os veciños de A Guarda lembraron deste xeito tan digno a memoria dos asasinados. Moito aprenderían destas xentes os que porfían por botar aínda máis terra ao asunto. Todos os casos de represión traen as mismas tráxicas consecuencias, e entre as máis vergoñentas é esta incapacidade para escoitar ás víctimas. Desto falou abondo Primo Levi, cuxa lectura recomendo. Aquí estabamos a esperar a que morresen tódolos fillos ou tódolos netos para esquecelo todo pero o sufrimento adoita deixar fondas pegadas e agroma cando menos se espera. Por moito que se enterro aos fusilados, por moito expediente que se negue ao investigador, por moitos piosmoras que aparezan, a xente ten dereito a lembrar, a saber e a contar aos fillos como viviron e morreron os seus parentes.

martes, septiembre 02, 2008

O Touriño é o de menos...

Este post é para a familia que se deixa caer por aquí de cando en vez, porque seguro, seguro que lles mola ver aquí a esta beleza que ben merecía estar no primeiro plano. Pero xa se sabe, os contrabaixos son raros...raros, e as contrabaixistas....uf....mellor calar. [foto El País, 26 de agosto de 2008]

Crónicas venecianas, de Lula Fortune.

Roubado sen permiso AQUÍ. Judío ortodoxo tirado a la bartola y hablando por el móvil.

Os incondicionais de Venecia e blogueiros con estilo non podedes perder as crónicas tan fresquiñas con que Lula Fortune nos agasalla estes días.