miércoles, noviembre 28, 2007

Pasatempo artístico...

Esta miña derradeira teima polos pasatempos artísticos ten moito que ver cun dos blós que máis me entretiñan e que adoitaba visitar a cotío. Gustábame ese convite á participación creativa, esoutro xeito de aprender navegando. A imaxe que vos amoso é unha pintura de Tansey. Esta obra foi empregada por un coñecido estudoso da arte para explicar a teoría do ollo inocente. Veña, a pensar un pouco entón, ¿quen era ese filósofo e de que teoría estamos a falar?

sábado, noviembre 24, 2007

Para E.

Non gosto dos verbos definitivos, e hoxe tócame chorar abondo, porque alguén marchou, fuxiu, aínda que o fixo a modo, devagariño, sen molestar, sen facer ruido, para non espertar nin molestar a ninguén coa súa súbita saída. Gustaríame ter onde cuspir unhas bágoas de vinganza porque a porta non a fechou o vento, eso seino. Só coñezo un deplorable apelido que só ten de bo que non foi quen de perpetuarse nunha descendencia contaxiada por un odio atávico e desmesurado. E lémbrote tan inocente....mágoa con coñecerte cando aínda tiñas os ollos alegres a non che tremían as mans, cando andabas á procura do amor, una arela que rematou contigo, miña reina. Que soe eternamente para ti a canción....


Apertas a todos os que te quixeron especialmente a Tita, Ernesto, Tiora....en canto poida porei aquelas preciosas fotos do antroido cando paseamos pola nosa Auria un descomunal cocido onde o pasaches tan ben.

jueves, noviembre 22, 2007

¡Espiritrompa, ornitorrinco!

Na lingua das bolboretas fíxome chorar a escena na que o neno colle unha pedra para facer o que os demais...por se acaso, porque se te levaban preso sería por algo, poero había unha grande diferenza
nos insultos, o rapaz berrábache ¡espiritrompa! ¡ornitorrinco!...había pouco que aprendera contigo eses deliciosos nomes e agora esas verbas tiradas contra ti son unha grandiosa metáfora do que ocorría no país, do que lles pasaba aos pobriños mestres que ían sendo "retirados" daquela oscura escea. Agora marchas ti, o mestre de verdade, agora que tanto precisabamos da túa afouteza para mandar á merda aínda a tantos coitados que andan disumulando a súa mediocridade e dando a murga todo o día. ¡que enormidade de persoa levabas canda ti! ¡que ollada tan profunda e sinceira! ¡e esa voz que sempre nos escachaba algo por dentro! O tempo amarelo rematou, agora, como a túa avoa Carolina és terra, lume, auga, choiva, e foches tan grande coma ela, tan grande como as oito habitacións daquela túa casa, tan grande como a eternidade da súa lembranza....non podo seguir.

martes, noviembre 20, 2007

Libros maravillosos. Proxecto Turning the pages 2.0

Enredando polo magnífico bló de María José Aldaz, Archivística.net coñezo o Proxecto da British Library Turning the pages 2.0.Trátase dun vistoso sistema no que podemos visualizar en 3D reproduccións en alta calidade dos textos e debuxos dos libros máis valiosos que garda esta impresionante biblioteca . Paga a pena a visita.
Pódense consultar o Libro de Horas dos Sforza, a Historia de Inglaterra de Jane Austen, o primeiro mapa de Europa de Mercator de 1570, as notas de Blake as notas de Leonardo e outras moitas maravillas.

lunes, noviembre 19, 2007

Na Universidade de Vigo imos a máis.

A idea de festa rachada pensaba que era pasalo ben, coñecer moita xente, escoitar música, bailar, e mil cousas máis, e se cadra, beber, pero esta "festa" na que beber é obrigado, e tamén defecar no medio da rúa, arriscar a vida meténdose nun autobús ateigado de borrachos, ou o que é peor, coller o coche totalmente bébedo e sen medo a ningún control da policía, competir cada ano por incrementar o número de comas etílicos entre os nenos, destrozar mobiliario e edificios e sobre todo ter que presenciar o vengoñento concepto de ocio que vende esta nosa universidade, é algo que nou dou acreditado. Que a nosa universidade se coñeza no you tube porque uns borrachos interrompen as clases sen que ninguén o impida, por conflictos laborais que non se arranxan, por informes do Consello de Contas que acreditan a nefasta xestión desta nosa universidade e por tantas falcatruadas máis que non poño por non abusar, non e xusto. Agardemos que non haxa que esperar unha desgraza como un autobús que perde o control con ducias de mozos dentro para que se tomen medidas. As familias desdes vinte nenos seriamente danados agardan unha explicación.

sábado, noviembre 17, 2007

Alén do blogomillo hai moita vida...

Véñense de coñecer os premios BOBs aos mellores blós. Fun visitar algúns dos premiados e outros candidatos que tamén o merecerían e pareceume boa idea deixar aquí unha lembranza deste percorrido por se vos apetece saír un pouco do blogomillos....

No bló de Tas atopei esta deliciosa imaxe que nos fala do paso do tempo....


O bló de Cédric Kalonji, un periodista do Congo, é unha fiestra que vos recomendo moi intensamente para coñecer esoutras realidades que agochasn os medios, por favor non deixedes de visitalo, paga moito a pena. Vos deixo un post completo deste bló co seu texto.
Les opérateurs de téléphonie mobile donnent maintenant la possibilité de faire créditer son téléphone portable par un riche tonton vivant en Europe. Peut-on encore se poser la question de savoir pourquoi bon nombre de jeunes africains caressent le rêve de partir en occident au vu d’un panneau publicitaire comme celui-ci ? Pourquoi attendre que riche tonton crédite son mobile quand on peut soi-même voyager, devenir riche et créditer à son tour les téléphones des cousins et neveux restés au pays ? Les tontons vivant en Europe sont-ils tous riches ? Majorité de ceux qui ne sont jamais sortis de leur bled africain le croient et pas la peine d’essayer de leur faire avaler qu’il y en a qui ne sont pas du tout riche et qu’il leur arrive même de vivre de graves galères. Il faut quand même admettre que la vie de jeune africain n’est pas toujours simple. Entre les guerres et les dictateurs, difficile de sortir la tête de l’eau. Quand on habite un pauvre quartier populaire et qu’on voit que tous les « blancs » occupent les villas des quartiers huppés et traînent dans la ville à bord de leurs 4x4 climatisés, quand on travaille dans le même bureau qu’un jeune « blanc » du même âge avec les mêmes compétences et que son salaire est dix fois supérieur, il y a de quoi se poser des questions. Les tontons ne disent pas toujours la vérité sur leurs conditions de vie en occident. Ils travaillent comme des malades pendant des années et le jour où ils reviennent au pays, ils crânent et brûlent toutes leurs économies pour prouver qu’ils ont réussis, de quoi faire rêver...

Esta preciosa muller, galega para o noso orgullo, e que xa coñecedes abondo, é María Amelia, que co seu bló, a mis95, ven de gañar o premio ao mellor bló en español. Un delicioso espazo que nos lembra que deberiamos recuperar a admiración polos maiores.

viernes, noviembre 16, 2007

Pasatempos literarios...

Non eran tempos para posar de frente, estes tampouco, malia o que che diga algún amigo que aínda segue a escribirche cartas. Certo que hai leis de igualdade de xénero (segue sen gustarme esta expresión) e bodorrios homosexuais que saen nas portadas das revistas, pero dubido que haxa unha maioría capaz de ver e aceptar a beleza desta fotografía, a natureza coa que debuxas unha postura tan feminina, como na foto aquela da praia, coa minisaia e as sandalias. Cústanos desbotar ese estrano costume de presumir das nosas perversións e acochar as cousas que realmente nos fan felices, como a beleza. Poetas, homes-muller coma ti xa non deben quedar moitos nin sequera no paraíso, Gauguin choraba pola súa extinción e deixounos marabillosos debuxos das derradeiras xeracións.

¿sabes quen é o da fotografía?

jueves, noviembre 15, 2007

Mazen Kerbaj, agora traducido.

Veño de recibir este delicioso agasallo de Sabela, unha traductora, escritora, debuxante, blogueira e bloguera, vamos unha muller2.o como Reilly manda, e que como tantas rapazas estudiadas de máis, anda na procura dun traballo no que desenvolver tantas inquedanzas como ten. Xa vos teño falado abondo de Mazen e o seu diario gráfico, os debuxos que ía facenco ao tempo que chovían bombas sobre Beirut. Mazen tamén fixo un poema musical empregando como fondo o arrepiante son do bombardeo. A traducción de Sabela acheganos aínda máis a este artista que vive no medio e medio do furacán do Líbano, un lugar que semella predestinado a ser cada pouco unha especie de altar onde sacrificar milleiros de homes, mulleres e nenos para satisfacer a fame de tanto deus como anda solto por aí.

miércoles, noviembre 14, 2007

Estratexia do verme.

A publicidade é o buque insignia do noso sistema. O motor do sistema. O grande irmán que inocula no noso obradoiro neuronal o irrefrenable desexo de mercar e consumir as delicias cada vez máis inútiles coas que que a nosa portentosa imaxinación enche os centros comercials nos que vivimos (e morremos, lembrade a Samarago). A publicidade incorporou como ferramenta xa hai tempo a estratexia do verme que consiste nun truco tan sinxelo como efectivo: que sexa o propio receptor o que se encargue de propagar a campaña. Que lle chamen marketing, publicidade viral ou como queiran, pero sabemos que o sistema xa leva anos inventado. É unha perversión que baixo o lema de "fágao vostede mesmo" consegue que o cliente faga o traballo e aínda ademáis pague gustoso polo "servizo" recibido. Somos así de bos e xenerosos, e de acríticos, e de obedientes coas multinacionais, ás que non lle pedimos que muden máquinas por persoas, porque nós non somos parados, nin inmigrantes...e así deixamos gustosos que os vermes entren nas nosas casas, nos nosos blogs, nos nosos discursos...

Sexamos un pouco rebeldes e deixemos de recoller as mesas doa SelfServices, rexeitemos pagar o aparcadoiro nunha desas máquinas que non queren os nosos billetes usados e nos cuspen toda a calderilla que lles sobra, merquemos nas prazas de abastos (¡aínda existen!, -é unha das miñas rutinas máis queridas, será que xa me esquecín dos piropos hai tempo e gústame eso de "¡haber guapa, llévate una palometa!"). Non son accións puramente simbólicas nin ridículas, representan unha toma de conciencia sobre esas pequenas modificacións de conducta imprescindible para non mudar traumáticamente en avatares desta xa aburrida SecondLife.

Aquí vos deixo información sobre a estratexia do verme a algúns exemplos: blog esviral.com
Springfield woman vivamos como galegos Wikipedia

E que conste que a min a publidade gústame, e moito; hoxendía acolle a tódolos que noutros tempos morrían de fame pintando nos cotrosos faiados de París. O anuncio máis caro da historia, co que Guiness celebra o seu 80 aniversario amosa a saúde do sector.

martes, noviembre 13, 2007

Derradeiro pesadelo...

[Louise Bourgeois]













O demiurgo non ten presa, o tempo tamén desapareceu misteriosamente.

Vin aos constructores engulidos por entolecidas forzas longo tempo desprezadas.
Académicos envelenados cos sintagmas violados polos reis.
Centos de mozos que acadaron definitivamente a virtualidade.
Nais que se fundían coa viscosidade que se derramaba dos vasos de cristal.
Só quedamos un vello cego que vive nun labirinto máis eu, que quedei entre as follas dun libro sobre o xenocidio escoitando o terrible encargo dunha nai que marchaba cara o forno.
O mostro trata de amañar o seu trebello pero ten arruinada a memoria, ás veces pareceme que chora. Non ten sete días nin mundos que poboar, só lle quedan un par de sons que non é quen de identificar, un obxecto luminoso polo que devece o cego e uns centos de bits.

domingo, noviembre 11, 2007

Pura danza...Sunflower Moon, de Momix.

Estes días puidemos deleitarnos en Vigo con este espectáculo de Momix. Pura danza nunha maxestuosa posta en escea combinando movemento, luz, son, imaxes e ciencia. Mágoa que para ver estas maravillas teñamos que reservar as entradas con catro meses de antelación, e iso con sorte. Xa perdín toda esperanza de que esta cidade se tome en serio o tema do Auditorio e non podamos @s vigues@es ter a oferta cultural que merecemos.

Persépolis, de Marjane Satrapi.



Non deixedes de ver esta película, ou de ler o cómic de Marjane Satrapi. A historia recente do Irán é moito máis doada de entender, non deixa de ser a mesma arrepiante fórmula do exterminio dos que non pensan coma nós. Lembro outra vez a Mazen Kerbaj e a súa bitácora/libro sobre a invasión do Líbano hai ben pouco. Ogallá a poidesemos ver tamén nunha película.
Nesta páxina atoparedes moita información sobre a autora e a súa obra.
Aquí podedes atopar as obras de M. Satrapi.

Menos Boris e máis Ruibal...

Señores da Casa do Libro:
Paréceme ben que empapelen as súas librerías co premio Planeta, e co finalista do premio Planeta, pero por deus santo (e só mento aos deuses en casos moi serios)
¡¡¡¡ nin un libro do PREMIO NACIONAL DE LITERATURA DRAMÁTICA, do noso Rubén Ruibal!!!
Cero patatero para vostedes, ou premio limón, ou premio ignobel, en fin que moi mal.

viernes, noviembre 09, 2007

Madrid ben merece un meme

Este derradeiro meme das oito cousas que anda polo blogomillo xa non deixa moito espazo para a orixinalidade logo das vosas magníficas contribucións, pero non quero por nada do mundo rexeitar o convite do prezado Arume, así que aproveito aínda máis a miña visita madrileña para contarvos as ¿oito? cousas que me fixeron reflexionar...

1. A arte na rúa. Deliciosa manifestación artística, estes homes/mulleres estatua que desafían o noso caótico senso da percepción. Dalgún xeito fan que o acelerado cidadán sinta o irreflenable desexo de pararse de socato e enfocar axeitadamente a vista, o oído e ata o tacto.


2. Violencia na rúa. Esta é a outra cara da moeda. Non hai foto. non era momento. Na rúa máis concurrida de Madrid, un home comeza a bater nunha moza que demorou de máis os seus saloucos. As imaxes das arrepiantes esceas de Barcelona semellaron acordar simultáneamente a moitos pacíficos cidadáns que nun momento daban conta do agresor e o entregaban ás autoridades. Moitas testimuñas coincidían en que miraran a agresión, outros semellaban non ficar seguros da veracidade dos feitos. Velaquí unha consecuencia quizais da confusión na que nos somerxe este xogo continuo de ficción/realidade.

3. Paula Rego. Hai que vela, non hai na lingua verbas para describir a forza que transmite unha pincelada que debuxa un aceno de odio, de desexo, de solidariedade, de insubmisión, de orgullo, de humillación, de amor.



4. Imponente cola para entrar no Museo do Prado. Somos cidadáns ben mandados, non hai dúbida. Unha boa campaña publicitaria e aguantamos estoicamente as horas que fagan falta para lexitimar coa nosa presenza a importancia dunha actuación que ten moito máis de política que de artística. Eso sí, se temos en conta outros fenómenos masivos como o fútbol, unha ledicia ver tanta xente famenta de cultura.



5. Starbucks conquista España. ¡atención! as colas interminables na capital non están só no Prado. O derradeiro fenómeno de invasión ¿cultural? é o Starbucks. Debe ser o máis cool afacerse a cafeína e deitarse un tempiño nos agarimosos "chaise longues" deste McDonals do café. Barato non é, pero como te chaman polo teu nome para servirte unha exótica variedade de café nun vaso de deseño que conserva o líquido quentiño para que poidas ficar lixeiro, pois aí estamos, facendo cola nun café, iso si, en facenda xa non hai que agardar nadiña, aténdente rapidísimo.


6. Bruno Schulz. Exposición no Círculo de Belas Artes. Este é un deses "raros" que non acougaron nunca porque a súa ollada traspasaba a realidade, son eses seres que ven máis alá, miran a morte directamente aos ollos e como tamén son extraordinariamente bos e xenerosos, non queren arruinar a nosa felicidade e calan, ou escriben sempre como xogando ás agachadas, e case sempre morren cedo, por propia iniciativa ou coma valentes, poñéndose diante do xenocida para que lle fure esa maldita cabeza que non lle para de doer.

7. Reclamacións no Metro e en Iberia. Que en Madrid tes que ir coa billeteira entre os dentes todo o día o sabedes todos, pero o do timo da T4 xa puido comigo. Xa sabedes de que vai, ti pagas o teu euriño para entrar no metro pero cando chegas á famosa termiñal, non podes entrar sen pagar suplemento. Pois que o digan claramente, "tarifa para costear las obras de reparación de la T4 a causa del atentato de Eta". E logo os de Iberia, estes comen aparte. Logo de pagar ben caro o teu high cost e de sufrir, como non, outra longa cola para facturar , mándanche a unha máquina. Máquinas no metro, máquinas no aeroporto, máquinas expendedoras absolutamente de todo. Por favor merquen xa a máquina de autopréstamo para a biblioteca tamén, así non teño que soportar o desagradable contacto con eses estúpidos seres humanos....medo me da todo esto.

8. Música na rúa. O contrabaixo sempre é precioso, pero así, na rúa, deitado á sombra, a carón dun compañeiro de fatigas que xa ten remendos de máis ¿nos vos parece uhna imaxe moi romántica?

P.D.:¡APICULTOR!, gustaríame moito que fose vostede quen de recoller o testigo deste meme. Devezo saber máis de vostede, pero non moito para que non remate a maxia de súpeto e poida seguir imaxinándoo. Veña, anímese e cóntenos esas cousas que o emocionan e lle fan esquecer a razón. Poño a miña casa ao seu dispor, ata lle facilitaría o contrasinal con tal de ver unhas verbas súas noutro lugar que non foses os comentarios de tantos blogs que vostede visita e enriquece coa súa ollada crítica.
VAILIMA, ya lo sabes, eres mi ídolo en la web artística, te paso también el testigo, aunque no quiero darte trabajo para no quitarte ni un minuto de tiempo y nos sigas regalando con tus sorprendentes artículos.
Señor R.R. ¿pero é que vostede aínda non participou nesta rolda? Veña, esqueza por uns segundos que é vostede o noso admiradísimo PNLD e escriba esas oito cousas polas que estaría disposto a perder a cabeza.

jueves, noviembre 08, 2007

Dedicatorias....

O derradeiro post de Marcos Valcárcel, cuxo bló é xa unha referencia obrigada para os estudosos da cultura en xeral e da galega en particular, lembroume este libro adicado de Claudio Guillén a Francisco Ayala que vin nesta exposición en Granada. Era o ano 47, terían que pasar case trinta anos para que se cumprise o desexo de Guillén.

martes, noviembre 06, 2007

Núñez Feijóo en Bussines Class...

Xa, xa, vos estades a preguntar ¿que ten que ver Núñez Feijóo con esta ilustración? ¿será que Mariano xa non lle pon e e marcha con zetapeta? ¿será que voltaron os aduaneiros a facer das súas? Ogallá, pero non amigos, simplemente foi cousa do google images, metín "Nuñez Feijóo" para ilustrar o meu post e saiu esto, ¡cousas da tecnoloxía!. Non me gusta nada a política, bueno, minto, o que non me gusta son os políticos, por iso non lles dou espazo no meu recuncho virtual, pero e que esoutro día no avión que me trouxo de Madrid, xúrovos que pasei un pouco de vengonza allea vendo a este noso politico el soíño en clase bussines fuchicando no seu móbil coma os nosos teenagers, mentres o resto do pasaxe desfilaba ao seu carón, na procura dos seus asentos. N.F. estaba alí sentadiño no recuncho reservado ao máis requintado da sociedade, marcando diferencias. Malia todo, a súa ollada reflectía un pouco de vergonza, e ata diría que era unha combinación de unha mala interpretación da fachenda que debe amosar un político de pedigree cunha miga de pesar por ter que ser así de chulo. ¡que falta de ignorancia!, diría Manquiña. Señor Feijóo, de verdade, sente canda nós, non teña medo, non lle imos cuspir nin pegarlle ningunha doenza, ademáis queda mellor, de verdade, aínda que sexa por quedar ben, métase no medio da xente e fale con ela. Unha viaxe de avión conversando cun viaxeiro seguramente lle daría máis información sobre o mundo que tódalas consultas que facía ou que facía que facía no seu celular.

Grazas con Dylan, pedide o que queirades

lunes, noviembre 05, 2007

O bo de Madrid....Javier Ruibal en Clamores.

Preciosa e longa fin de semana que aproveitamos os da Triple A para refrescar as nosas provincianas neuronas respirando ese ar condenadamente multicultural e moderno da metrópoli madrileña. Desta vez non deixamos pasar a oportunidade de visitar a emblemática Sala Clamores, referencia obrigada para todo amante do Jazz e música en xeral. Como non somos moi amigos da planificación deixamos que funcionase o efecto sorpresa, e aparecimos por alí unha noite calquera na hora que nos petou. O castigo foi ter que pagar o prezo completo dun concerto ao que só iamos asistir escasa media hora. O agasallo, coñecer a música de Javier Ruibal -¿que terán os Ruibal para namorarme deste xeito?- un cantautor que cun recetario ben completo a base do bo flamento, a música árabe, o rock e outros ritmos nos conta historias preciosas cunha poesía que nos transporta á corte do rei Schahriar.


Web Javier Ruibal
Para descargar