martes, octubre 28, 2014

Acompáñote no sentimento.

          
      
          a                               
        c   n         o                     
     o        e                          
   m           s      s e n t e m e n t o M.R.
   p            o  
    á          n                      
      ñ      e
         o t


miércoles, octubre 22, 2014

Deus emprega todos os camiños

Non digo que teñan que ser todos escrutabeis, acabariamos co misterio, e por ende, co único sostén que explica a existencia das relixións no mundo. Se non tivesemos sufrimento abondo que intercambiar por hostias consagradas (ou non), non habería curas que  vixiar, monxas que protexer nen criaturas que agochar no berce ata a idade en que poidan levar pistola. O derradeiro caso de aberracións da débil carne o temos ao noso carón, nunha nada sospeitosa edificación na estrada de Baiona. Que era sabido da tanta vergoña dicilo coma noxo velo na prensa con tantos anos de retraso. Hai tempo que me contaron dunha amiga dunha amiga que desaparecera sen máis logo de xubilarse. Chegábanlle cartas ao choio e non había xeito de dar con ela. Ata que un día unha amiga doutra amiga cicais, dixo que marchara para unha especie de residencia. Que lle entregara a pensión ao propietario do choio a cambio, supoño eu, de coidados e compañía. O que máis me alarmara da cousa fora que tamén o fillo, enxeneiro dicían, tamén abandonara todo para meterse nesa casa. Non podía crelo e comenteino con moita xente. Teño esa estúpida necesidade cando me atopo imbécil de máis cando algo me sorpende. E así coñecín máis datos. Seica o tipiño que dirixía a orde tiña unhas cantas redes de herboristerías en Vigo onde se supón que captou aos futuros penitentes. Contáronme os típicos casos de xente que entrara por valeriana e saíra con cen euros meno
s no peto e algunha consolación que podía materializarse a futuros cun simple acto de xenuflexión perante a cruz. Coñecín tamén o asunto do coro co que este delicioso rabaño amenizaba os actos relixiosos da comarca. Busqueinos na rede. Cada vez me sentía máis imbécil por incrédula. ¿como podía ser que esta pandilla de enaxenados disfrazados con hábitos que semellaban feitos cos refugallos do traxe de supermán fosen tomados en serio? A igrexa católica está perdendo a vergoña dende o que picou o primeiro pardillo cos costos daquela tribo asiática, pero unha non deixa de esgazar os vestidos para asegurarse da existencia do demo, que nos arrede da necesidade de purificación. Aí o tiña ben coidado e mantido a igrexa católica a este elixido do noso señor, que seica violaba en arameo dicindo que era o arcanxo o que falaba e facía por el. De todo o cotarro o que me interesa máis non é a doada e morbosa escatoloxía que se desprende do asunto. Interésame saber por que non se entra a saco dunha vez por todas nos conventos, seminarios, internados e sedes de congregacións coma se fosen caixas de aforros ou entidades recentemente nacionalizadas sospeitosas de tráfico de tarxetas con hábito ou curas blackcard sen límite de vicio. Confío en que a amiga da amiga non perdese a pensión nin a cabeza, e confío tamén en que a valeriana só se poida vender no Eroski. 
Un bo antídoto contra a febleza mental. "Por qué creemos en cosas raras", Michael Shermer.

martes, octubre 21, 2014

¿Dónde está mi tribu?, Carolina del Olmo

Por fin atopo un libro que me reconcilia coas neonais. Atopo felizmente un texto que me axuda a entender mínimamente o que se me presenta como unha incomprensible vaga de neorromanticismo maternal adobiado de argumentacións pseudocientíficas que agocha unha clara estratexia do sistema para facernos voltar ao rego. Carolina del Olmo métenos, cicais moi xustificadamente, ás que fomos nais nos noventa, no saco das feministas que inxenuamente pensabamos que eramos máis iguais ca eles por renunciar aos roles que a deusa natura deseñara para nós. Non foi así. Discutiríallo se tivese ocasión e convenceríaa de que para chegar á súa posición foi preciso pasar por esa etapa de renuncia que foi tan complicada para a xeración non sei se da súa nai, pero sí das súas irmáns maiores. Pero ten que ser así. Forma parte do progreso a crítica do pasado e por suposto a afouteza para tentar modificalo. A deriva da maternidade preséntaseme moi complexa porque ao meu redor vexo unha onda monocorde de comportamentos que non podo interpretar senón como unha volta atrás no que á consideración da muller e o seu protagonismo social se refire. O tema da maternidade é o centro no que fagocitan camiños que aínda que cheo de follas secas e lamacentos, servían para afacernos a unha nova idea de nós(outras). Resístome á nostalxia porque sei que o pasado non foi mellor, pero non podo disimular que esta enxurrada de novas teorías sobre a maternidade (apego, aleitamento a demanda, coleito, fusión nai-fillo) son máis do mesmo: operacións de marketing para inhibir supostos sentimentos de culpa que traumatizan sempre ao mesmo. Á mesma. Na biblioteca na que traballo circulan máis manuais de autoaxuda e instruccións de uso de meniños que estudos serios sobre a incidencia, por exemplo, da educación e a alimentación no grao de desenvolvemento dos pobos. É de tolos. Non de tolas. Pero ler este texto de Carolina del Olmo é gratamente esclarecedor. Dende a súa posición de neonai albisca con claridade as eivas de case todas as posicións que están no mercado. E iso e bo. É unha visión crítica de case todo o que hai escrito sobre o tema, e penso que ese é o camiño, porque o fai dende a absoluta capacidade para albiscar no fondo das cuestións. A aportación máis importante de Carolina del Olmo é a súa reflexión sobre a necesidade de cuestionar o contexto e non os comportamentos das que temos ¿o privilexio? de poder parir (de momento). 

viernes, octubre 17, 2014

Ruina montium

Consulto as estatísticas deste blog e sorpréndeme que aínda alguén pase por aquí; premo nas ligazóns que petaron nesta porta coa curiosidade coa que albisco polo axexadoiro da porta cando soa o timbre a horas intempestivas. Hai un tal "marcus", un "curioso impertinente", está a amiga cristinapavón (xa estou tardando en falar do seu novo libro, felizmente premiado) e algunha alma perdida máis. Premo en "marcus" e o circuito de alta velocidad da internés lévame a un enderezo no que lembro ter estado alá por un dousmiletantos. O "marcus", puxo un post sobre a morte do blogomillo. Eu xa sabía do ruina montium que rachara con esta noutrora vizosa leira. Non hai que moer moito os miolos para entender os efectos devastadores da enxurrada virtual que só deixou uns cantos cumios en pé na paisaxe blogueira galega. As novas tecnoloxías no eido das redes sociais están perfectamente ao día no que as necesidades básicas do usuario se refire. Xa estamos vestidos e temos abondo para comer, así que quedan a imperiosa necesidade de comunicármonos e procrear, o que dende algún punto de vista ven ser o mesmo. Así que os sistemas perfeccionan as estradas con chans máis escorregadizos e de máis largura, para que transiten máis exemplares e así acadar o índice de colisión mínimo que garanta a supervivencia dos novos trebellos. A velocidade non só favorece a preguiza -¿quen se para a deliberar sobre os odiosos muiños de vento que estragan os nosos montes cando imos a cento vinte por hora?- senón que fai imposible coñecer o que non sexa estrictamente o instante. As mensaxes, os textos, xa nacen caducos, por iso quedan á marxe fronte a emerxencia do visual. O instagram é a materialización exacta daquel  "unha imaxe vale máis que mil palabras". E agora é tempo de imaxe, non de imaxinar, por iso hai que deixar correr o tempo e agardar pacientemente o acougo que se precisa para escribir cousas que estén á altura dunha audiencia que aínda non sei ben por qué asoma por aquí periódicamente. De todos xeitos, comezo a aburrirme de min mesma e estou a matinar noutros proxectos con máis voces e máis cor.