miércoles, diciembre 31, 2008

Noli me tangere

Non hai truco nin brincadeira. Non son efectos especiais nin hai retoques de fotoxó. Son séculos de dominación os que nos brindan estas iconografías contemporáneas a tódolos séculos. Nin as gafas da Villarino nos traen ao XXI. Velaquí unha disposición espontáneamente perfecta dos atributos do poder. Abonda a esquerda para amosar quen manda. Un caxato anormalmente deformado en altura e aparentemente baleiro de todo contido práctico. ¿sería o terror perante ese gancho de carniceiro o que tranformou á presidenta do parlamento na doloriñas suplicante que guinda con toda a dignidade dun pobo que cre representar? Mais deteñámonos nas olladas. Malia teren a mesma altura (non vos deixedes enganar pola mitra, é tamén un trebello que se foi deformando en altura perante séculos para amosar a superioridade da igrexa) o xerarca olla cara abaixo, aínda que teña que ser á altura do botón da chaqueta deste pobriña tribuna da plebe á que lle tocou pedir papas este ano. É unha ollada dende arriba enmarcada nun sorriso tan amplio como a fachenda que otorga a seguridade do indicutible poder herdado de tempos remotísimos. Unha ollada moito menos impostada ca da delegada rexia cuxa man acariña un ídolo eléctrico do que descoñece a disposición dos seus polos, intuindo, sen dúbida a posibilidade dunha descarga fatal. Pero, non sei que me da comezar o ano con esta escatolóxica imaxe, así que aí vai un bicazo alegre e desintoxicador para todxs os que asomades por este desaugadoiro de pensamentos. ¡Moito sorriso e moita merda, que dirían os da farándula para o cero nove!
P.D. Adicado a P.B. o meu ateo de cabeceira.

lunes, diciembre 29, 2008

De libros e de libres

Cando me decatei de que tiñan pasado dez anos sen ler un só libro decidín abandonar aquel traballo. Desprezar un bo salario e un contrato indefinido por unha razón aparentemente tan romántica pode parecer unha tolería nestes tempos de pensamento único nos que a felicidade só se relaciona coa crecemento exponencial da conta corrente mais par os que amamos o libro a rutina diaria só é levadeira se se lle cumpre o gusto aos sentidos. Temos que saciar a fame de lectura cunha boa enchenta de páxinas. Se poden ser cinco comidas diarias mellor que tres, e por suposto a dieta ten que ser variada en xéneros, rexistros e temas. A fuxida tiña un destino moi claro e malia ter as destrezas e a ferramenta para o traballo noutros oficios decidín que tiña que ir a vivir e tolear nun depósito de libros. Imaxino que o ideal sería un antro como aquel no que Jindřich Haňta, o de Bohumil Hrabal na súa marabillosa Unha soidade demasiado ruidosa prensaba os libros que desbotaba un réxime dictatorial no que tanto amolaban as letras. Eu tamén debecía por chuchar no zume verquido polos desaugadoiros da cultura lixo na que vivía. Pero son outros tempos e hoxe as moreas de papel que sobran por falta de ganas e tempo para ler, hibernan acomodadas en anaqueis de deseño, clasificadas, catalogadas e protexidas por especialistas que gostan chamarse xestores da información. O de bibliotecario, cicais por cheirar demasiado a vello vai quedando para uso literario. Conquerín aterrar nese territorio amigo e o balbordo de voces de tódolos séculos e lugares comezaba a ocupar tódolos espacios baleiros que tiñan sido violados polos vermes daquel mundo corrupto que ameazaba cada día con deixarme derreada. Tíñalle gañado o pulso ao capital. As primeiras xornadas ateigueime con case todo o que pasaba polas miñas mans. Os libros devoltos non ían ser recolocados inmediatamente naqueles estreitos habitáculos. Os seus veciños respirarían un pouco máis desfogados durante un tempo extra e aquelas páxinas apertadas podían estomballarse a gusto nun espacio provisionlmente baleiro. A menos que se tratase de libros de marketing ou gramáticas de linguas remotas, todos quedaban canda min o tempo preciso para ollar polo seu fecho. Non hai nada de fetichismo nesta sensación. O libro só é un intermediario da voz e da palabra. Mais tampouco é cousa de devalualo en exceso relegándoo á mera acepción de soporte. O libro agocha e garda as voces de poetas, interminables horas de reflexión filósofica, escrupulosas análises científicas, minuciosas recopilacións de pescudas de historiadores, etc., nunha sucesión de signos/imaxes moito máis acaídas á asimilación e comprensión do que o fan outros medios aparentemente moito máis desenvolvidos. E por suposto, o libro leva á persoa. Por moitos camiños. Gosto construir a miña biblioteca ideal turrando deses autores que xenerosamente sementan os seus textos de referencias que van erguendo un paraíso no que quero perderme. Sergio Pitol foi por un tempo un destes meus cicerones. Dende a súa maxia cheguei ao Cosmos de Gombrowicz, que me ensinou a apreciar a linguaxe das manchas da humidade na parece. Seguindo as pegadas do seu Diario Arxentino entrei nas Tendas de cor canela de Bruno Schulz para quedar prendida durante moito tempo dunha obra literaria e artística tan escasa como profunda. Sen mudar moito o rumbo crucei unha ponte entre a néboa liscando dunha ollada agochada por tras das Ventás cegadas de Alexandre Bona. Non sei se foi aí cando me namorei das pontes, pero hoxe, grazas a Rinoceronte, a xoia da coroa da nosa edición, sento moitas noites na kepia da Ponte do Drina de Ivo Andric e deixo pasar tódalas pantasmas do horror que cuspen as súas pedras. Sempre sentín que tiña que corresponder á xenerosidade destes heterodoxos que viviron para a literatura e a biblioteca pareceume o territorio ideal para espallar a paixón pola escrita. Mais nestes tempos de modernidade líquida, que tan ben describe Zygmunt Bauman, onde impera a velocidade e o novedoso, a biblioteca xa non é a ágora onde a xente se divirte disfrutando coa maxia da palabra e, de socato, coma no conto, mergúllaste no deserto do real cando ven un estudante e che di: ¿dasme o Madison?. Supuxen que se trataba dun coñecido manual de Física mais quixen facer unha brincadeira respondéndolle ¿cal o Square Garden?. Resposta: non sei, non lembro os apelidos.
Publicado no suplemento cultural "Nós" do XORNAL DE GALICIA do 27 de decembro de 2008, p. 16
Ilustración de Aser A. Fernández Rey

domingo, diciembre 28, 2008

Bágoas blancas

O nadal sempre é arrepiante...pero este ano está sendo sin(xela)mente insoportable. Os mortos de Gaza que cada día nos cuspen os medios son coma unha especie de lembranza da insoportable condición humana. As case inexistentes reaccións que provocan nos medios sinto unha vergonza indescriptible. Preferiría un día enteiro escoitando panxoliñas a todo volume que a lectura das miserentas verbas coas que reaccionamos neste mundo tan endiañadamente desenvolvido. Hamas, Mártires de Al Aqsa, Al Qaeda, Exército Israelí, nenos soldados, androides asesinos, pedran contra tanques, tanques contra nenos...somos todos joder...todos somos quen de prendernos lume e de memorizar coráns...todos somos quen de facer un verso cunha man e violar e matar coa outra...todos somos os bos e o malos a un tempo...todos podemos ser un deses mortos que se amorean no deserto ou os asasinos....todo depende do patio do colexio no que nos tocou xogar e do listado de vinganzas pendientes co que viñemos ao mundo. Non hai máis solución que poñer o contador a cero. ¿que non é posible? e ¿e posible ver e calar? Agora mesmo penso na nosa Dama Blanca e a xustiza dese seu camiñar, ela soíña contra o clima máis feroz da terra, contra todo un continente...rachando co sentido da metade do diccionario global para chegar un día a ese punto cero onde non deixará máis pegada que un par de bágoas de ledicia. Ogallá fosen bágoas máxicas e derretisen o xeo que aniñou no eterno verán de todo o occidente. Ese é o meu desexo, nada menos.

viernes, diciembre 26, 2008

Cabo Silleiro...ruina montium. Unha reportaxe de Diego F.Carbonero.

Diego Fdez. Carbonero. Enviado Especial dende
Baiona para o Blog de Ana Bande

Pola preciosa estrada costeira que vai de Baiona ata A Garda, pasando a Virxe da Rocha, atópanse estas curiosas construccións militares. Hoxe están completamente abandonadas e logo da información que me deran A.B e A.F. quixen botar unha ollada a este lugar. Nesta web fíxenme unha idea bastante completa do tipo de armamento empregado noutro tempo nesta base. Facía unha preciosa tarde de sol e decidimos coller a pequena estrada que levaba ao cumio. Cando chegamos arriba atopámonos os restos do que fora un asentamento militar defensivo nun estado de abandono total, como podedes comprobar nestas imaxes. Dende a casamata hai unhas vistas impresionantes e por unhas escaleiras que farían as ledicias de calquera director de películas de terror, entramos ás galerías subterráneas. Alí non hai nada de luz e hai lixo por todas partes. As pareces e teitos totalmente garabateadas con mensaxes noxentas. No chan consérvanse aínda os raíles polos que no seu día debían ir as vagonetas coa munición. Hai que ter moitísimo coidado porque por veces no chan ábrense enormes buracos.

Non podo entender como lugares coma este permanecen neste estado de total abandono. Eu proporía unha recuperación deste lugar para uso didáctico e turístico. Aínda que moi recente, estamos ante un xacemento militar que non deberiamos deixar perder. E tendo en conta a boa calidade constructiva dos corredores subterráneos, coido que non sería difícil restaurar e acondicionar todo esto para uso turísitico. Dende a casamata máis elevada hai unhas impresionantes vistas da ría de Vigo. Dende aquí observábase a extensión da mancha de fuel cando o Prestige. Coido que foi o derradeiro uso que se lle deu ao lugar. Agora só e un depósito de lixo e pintadas do máis noxentas. Os catro "Vickers" están totalmente destrozados. Dentro de pouco, se non se actúa, non quedará resto algún deste lugar e ata pode que ocorra algunha desgracia porque estes túneles son verdadeiramente perigosos.

jueves, diciembre 18, 2008

Prestitución

De non ser por errekeerre (algúns teñen apelidos ben acaídos) non rompería o ambiente erótico cultural desta miña illa para falar de temas serios. A prensa escrita as máis das veces só da conta do lado cutre e superficial da realidade, velaí a sobreabundancia de páxinas adicadas a arroutos de políticos que queren facer carreira e dos que a fixeron de mais. Onte abraiábame a miña obsolescencia en materia erótico circense ollando as páxinas de fomento da prestitución do noso diario local ao tempo que imaxinaba a inxente cantidade de sconosciutas que están sendo escravizadas pola cobiza e animalidade desas ovellas con pel de ovella (a rica ironía é dun político moi coñecido pola súa capacidade de resumir nunha frase o que a enciclopedia británica ocupaba vinte ou trinta) que poboan este paradiso democrático no que vivimos. E hoxe velaí está un dos gurús do postmodernismo comunicativo afirmando alegremente a necesidade de rematar coas televisións publicas porque son unha fastidiosa competencia no reparto do suculento pastel dos ingresos por publicidade. Si señor, agora que o liberalismo radical amosou a súa eficacia e que todo o mundo está convencido de que é o sistema máis acaído para procurar a felicidade de todos, PiterJota quere máis do mesmo. Privatización, bendita verba onde as haxa. A nosa máis sacrificada consellería tamén coa misma teima anda por aí presumindo do novo eslógan "The Galician Way", porque hai que venderse, si señor. Eu estou xa agardado o meu turno para facerme o tattu de Rosalía no cu. Piterjota vai máis aló e defende públicamente a conveniencia de fomentar a prostitución nos diarios nese anuncios de ¿contactos? que sen dúbida son para el un xeito completamente inocuo de fomentar as relacións sociais. A ética e a lei son para el obstáculos a modernización que hai de soslaiar en aras dunha progresía cara a liberdade. Unha inxeniosa combinación de prostitución de verbas e persoas que se confunden no ceo do capital. O noso filósofo gráfico da conta deste derradeiro arrouto de intelixencia na súa viñeta. Si. R. cánto máis dignas son as que venden o seu sexo que os que venden o seu cerebro.

martes, diciembre 16, 2008

Voume a ver esto....


Non é por Jude, que non é meu tipo, vou porque aquela habitación e aquela historia abrironme o apetito e quedei con ganas de máis. E se a música e estahaberá pecado, seguro.
P.D. (logo de ver a peli) ...corrixo, si, Jude é meu tipo, definitivamente.

De poder elixir custaríame facelo entre os beizos de Lissy (N.Jones ¿que é o que non sabes facer Nora?), a ollada de Sue Lynne (Raquel Weisz, a inesquecible Tessa do Xardineiro fiel ou a deliciosa afouteza de Leslie (Natalie Portman). O filme é un percorrido de Lissy na procura dela mesma logo do doloroso final dunha relación amorosa. Nesa viaxe física e tamén interna, aparecen as complicadísimas respostas as preguntas que lle plantea a Jeremy (J.Law) sobre o significado daquelas chaves esquecidas, a metáfora coa que inicia e se pecha o filme: ¿que pasou? [Leslie]. Pasou a vida [Jeremy]. A obsesión ¿amorosa? de Andy, o xenial David Strathairn que protagoniza a escea cumio do filme no que a interpretación se refire, remata na autodestrucción por un amor que non se deixa atrapar e que coa forza da súa beleza inflinxe unha dor punzante que o espectador sufre en estómago propio cando a voluptuosidade de Suy Lynne pasea collida da cintura deses vaqueiros diante da ollada derrubada do seu home. W.K.W. gosta da ollada máis que das verbas o que propicia un ritmo lentísimo que nos franquea un apaixoante mundo interior e, polo que vin, a fuxida de espectadores con dificultades para afacerse a mudar o concepto de tempo. E como vos dicía, a música, de pecado.

lunes, diciembre 15, 2008

Pasatempo narrativo

Non lembro a ollada paralizante máis sempre tiven este tacto húmido que fai máis arrepiante a soidade eterna. O vento frío dalle pulo as feridas nas que acougou o xeo hai séculos. A metade do ano debezo polo sol mais só aturo o seu saúdo porque unha vez que desaparecen as chagas xa é o inferno. E entón soño outra vez coas brétemas e as xeadas. A ninguén lle importou o meu terror á vertixe e estou condenado a permanecer idades aínda sen nome nestas desacougantes alturas. Só te vexo a ti. Mais tes que ser una quimera pois non lembro que o sentido da vista me teña agasallado coas cores que reflicten os teus cristais cando o sol empurra por entre as nubes. A túa é tamén unha ollada eterna....
E que xa estou farta de tanto traballar en solitario. Eu fago o texto e ti trata de adiviñar a foto máis acaída á narración.

And...the winner is....¡Qwerty, alias Ganímedes, alias O meu primo! que nos achega esta bonita imaxe

jueves, diciembre 11, 2008

Querido Tío Pepín:

Rematei este marabilloso libro que me recomendou vostede nunha das moitas conversas que tivemos sobre Bohumil Hrabal neste recuncho. Ogallá tivese ocasión de contarlle polo miúdo as impresións que me procurou esta lectura nunha cervexería de Malá Strana ou sentados nos refugallos que quedarían daquel En el Muelle onde B. celebraba as bodas en casa. Cunha xerriña de Pilsen entre as mans fálase máis fluido e se escoita moito mellor. Que llo digan a él. A punto estiven de coller a miña Olivetti para poñerlle unhas letras e así, de paso, ao mellor sucedía tamén aquel milagro fermosísimo que cuspía a Underwood e a Perke do noso amigo. Ei facer a proba. A riqueza deste texto é o lóxico resultado da combinación de dous ingredientes de calidade superior. Unha vida chea, rebosante de sucesos, anécdotas, lecturas, sentimentos, reflexións, amistades. E unha biógrafa, a Zgustova, que cociña ao mesmo lume que o autor e sobre todo que o escoita e que o quere. A Mónica biógrafa está a altura da escritora daquela sublime Muller silenciosa e da traductora incansable que xa coñecíamos. Rabelais, Hieronymus Bosch, Pieter Brueguel O Vello, deixaron pegadas indelebles naquel Bohumil descalzo que sempre escapaba porque debecía por estar sempre noutro sitio. Daquelas lecturas quedou esa aparentemente simple teoría de vida do Fais ce que ti veux que debía ter un extraño significado para os que viviron interminables períodos de represións políticas. Os que nunca poden facer o que queren, ás veces, son os máis felices. Porque non hai sitio onde non poidas pensar. E Bohumil vaia se pensou. Disfrutou deixando voar a súa imaxinación naquel perigosísimo traballo nos altos fornos que case o matan. Pensou, tamén, naquel antro onde, tamén durante catro anos, se adicou a prensar papel, e particularmente síntome un pouco malvada porque disfruto imaxinando a este home soportando pesadísimos fardos de papel porque son a orixe do relato máis fermoso que teño lido nunca. "Unha soidade demasiado ruidosa". A beleza como resultado dun traballo a base de lixo. Velaquí está a maxia de Bohumil e o "truco" do seu estilo. Non hai farsa. Non hai material de importación. Non hai operación de blanqueado. Toda a merda que tiña ao seu redor, o resultado duns tempos miserentos que rexeitaban o fulgor da cultura foron a comida deste glaneur insaciable que non deixaba refugallo nin cabicha sen recoller para logo baixo as pesadas teclas transformalo todo nese delicatessen que constitúe cada un dos seus parágrafos. Así que, Tío Pepín, estouche tan agradecida como debía estalo Bohumil. Por fin púxenche cara, meu. Gustoume esa foto onde estades a facer o parvo os dous nun avión de cartón, ti cunha botella e un funil e cun dos teus discursos facendo as ledicias do sobriño. A foto lembroume moito a unha que tamén fixeron así Lorca e Salvador Dalí, o admiradísimo autor do método paranoico-crítico do que tanto gustaba o rapaz. Queda moito por falar deste libro pero ímolo deixar para ese encontro eternamente adiado.
[refugallo da foto: Mural adicado a B.H.]
Grazas outra vez a Rubén Ruibal porque foi el o primeiro que me recomendou a lectura da obra de B.H.

miércoles, diciembre 10, 2008

A erótica das mecanógrafas, Katherine Mullin

"A erótica das mecanógrafas"
Katherine Mullin, profesora da Universidade de Leeds e experta investigadora da relación entre cultura popular e imaxinarios colectivos disertará na Universidade de Vigo sobre a representación das mecanógrafas a comenzos do século XX en Gran Bretaña.
A profesora Mullin explorará a imaxinería erótica que caracterizou a representación das secretarias en novelas tan
emblemáticas como Ulises e Drácula así como en fotografías artísticas, textos publicitarios e películas mudas da época.
A conferencia, organizada polo Departamento de Filoloxía Inglesa, celabrase no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Traducción ás 11 da mañan do xoves 11 de decembro e contará con servicio de interpretación simultánea.
Grazas a T.C. pola información. O tema semella interesante, terei que superar a preguiza destes días fríos e escuros para subir ao campus, non prometo nada...
Foto: A mecanógrafa de...

lunes, diciembre 08, 2008

Nace a Banda Sinfónica de Vigo

Hoxe asistimos ao Concerto inaugural da Banda Sinfónica de Vigo. Un proxecto ilusionante que viría cubrir un baleiro musical inexplicable nunha cidade como a nosa. E digo viría porque logo de tanto ser en potencia, como diría o filósofo, xa unha está afeita á volatilidade do curto prazo que caracteriza ao modus operandi deste concello noso. Velaí está a maxia da música. Logo de catro días de ensaio, moi intenso, eso sí, unha maxistral interpretación. Brincamos co Príncipe Igor e ceibamos as paixóns que arrincan os acordes da Novena de Dvorák. O noso mestre de mestres, Reveriano Soutullo volveu emocionar axs viguesxs sobre todo co seu pasodobre e suite "Vigo", xa non digamos a Ponteareas, tan nosa. Os aplausos foron longos e tamén acompasados, mais case nunca semellan bastantes en ocasións coma esta. Non podo ser moi obxectiva porque a miña princesiña poñía cor e ata algún que outro sorriso na sección de contrabaixos. Tres mozas preciosas a cargo da parte máis grave da orquestra. Cánto nos fixo vibrar tamén a percusión nas mans tamén de dúas mociñas concentradísimas nunha morea de intrumentos imposible: timbales, xilófono, campás, crótalos, tambo, caixa, castañuela, címbalos. Francisco Navarro, a batuta, fixo un bo traballo. Parabéns. Gustoume o seu estilo pero tamén a afouteza ao falarlle moi clariño ao alcalde. A multitude que ateigaba o auditorio fala claro. Gústanos a música e temos dereito a ter onde escoitala a gusto. Xs mozxs que pasan unha vida no Conservatorio e nas escolas de música teñen dereito a tocar para alguén. Non piden tanto ¿non é? e nós que a gustiño quedamos.

sábado, diciembre 06, 2008

¡¡¡Quiero ser Christopher Walken!!!

Eses altofalantes! ¡a todo volume!
¡Boa fin de semana longa, longa, longa!



PD. Adicado ao primeiro fillo "in vitro" deste bló. Parécese un pouco a min, mirade.

jueves, diciembre 04, 2008

Pero Vigo...¿ti que entendes por cultura?

Grosz. Art and Politics
Non me afago á mediocridade dos políticos desta cidade que non se deixa querer. O desprezo pola cultura fai devecer pola miseria do tempo dos caciques. Desprezan os edificios máis sobranceiros e queridos polos cidadans. ¿canto falta para que derruben a empacadora?. Desprezan as infraestructuras mínimas que toda vila reclama para sí en materia de cultura. Velaí os vergoñentos datos no que a dotación bibliotecaria se refire. O proxecto de auditorio, do que case ninguén fiaba dende o comezo preséntase agora como un morto ao que aínda hai que matar e temos que ver tódolos días ese chan baleiro no que non se ergue máis que a cobiza e a mediocridade de alcaldes e concelleiros que fan alarde da súa ignorancia cada día en vivo e en directo. E agora, a creación dunha Banda Sinfónica, un proxecto que podía facer esquecer por un momento que estamos na cidade máis castigada políticamente do occidente, sae na prensa só co gallo dunha nova pelexa de galos por saír na foto. Menos mal que os mozos que van facer posible o proxecto teñen que ensaiar todo o santo día e non poden ler o xornal. Outro día, e non é por alporizar a ninguén, cóntovos o ben que o fan na Coruña nesto da música, por exemplo.

miércoles, diciembre 03, 2008

La verdad de el caso Savolta, Eduardo Mendoza.

As nosas lecturas tampouco se sustraen á normalización empobrecedora que obriga a ler o mesmo libro a toda unha xeneración durante ¿cantos anos? Non nos preguntemos pola orixe misteriosa desta práctica pedagóxica que seguramente é un máis dos retorcidos productos das ociosas intelligentsias educativas que se multiplicaron logo dun pedagogo-boom dos anos 80. Podíamos atopar motivos tan prosaicos como contratos de edición ad personan, o que ademais convertiría o caso Savolta nunha revirada metáfora que confirmaría de paso, o valor de uso da literatura.

En fin, que eu opino que, lecturas obrigatorias volve ser un oxímoron intragable que habería que desbotar se o que se pretende e que os rapaces se acheguen ao marabilloso mundo da escrita. E se hai que facer que se lea a toda costa pois que haxa maior variedade.

E esta é a historia de como cheguei a esta lectura obrigatoria, que, todo hai que dicilo, merece un lugar de honra nos andeis da biblioteca ideal. Logo do máis de trinta anos da súa publicación confirmase o valor literario do caso Savolta, sobre todo no que á súa estructura narrativa se refire. A dificultade que supón a fragmentación, na primeira parte, deliberadamente excesiva do relato, obriga ao lector a participar moi activamente na reconstrucción dos feitos. O que non deixa de ser un recurso moi orixinal, aínda que non sei se premeditado por Mendoza, no caso dunha novela policíaca na que a intriga é o fío, a trabazón da historia, de principio a fin. Ese narrador en terceira persoa que o sabe todo e o que fala en primeira persoa manteñen unha dura competición con voces que chegan sempre doutros lugares e tempos. Comeza polo final e logo de case catrocentas páxinas precisamos as conclusións do inspector Vázquez para confirmar as nosas sospeitas. Unha gloria para os enamorados do xénero policíaco, dos que non pensaba eu que formaba parte. A novela é un monumento literario a Barcelona, e por monumento non me refiro a sólidas construccións que perpetúan as glorias de algo. Non, teríamos que falar de antimonumento, porque Claudedeu, Lepprince, María del Coral, Serramadriles, la Doloretas, Javier Miranda, Nemesio Díaz Cabrera, Savolta, Max e Parajito de Soto, son antiheroes. Son a cara cutre dos recoñecibles empresarios avarentos, executivos fachendosos, oficinistas murchos -¡peralejos esperta!-idealistas miserentos...tiveron nome e apelido naquel 1917 no que medrou a mediocridade que agroma neses períodos nos que unha crisis do sistema permite xuntar o lixo e mudalo nunha burbulla de riqueza que estoupará en canto o antibiótico do capital volva circular lixeiro. Tiveron nome tamén naquela transición onde o libro estivo condenado porque só lle faltaba eso, poñer os nomes. E teñen nome hoxendía, pero xa non importa porque agora están de moda os malandrines e os que viven do conto. Non fan piruetas en cabarets de mala morte (¿ou si?) nin se acompañan dunha parella de forzudos cutres que non poden agochar a súa miseria (¿ou si?) ero casi. Multitudes de voces, rexistros, matices, personaxes, fan desta "colmena" un libro imprescindible para estas noitiñas tan frías e húmidas. Máis información:Eduardo Mendoza,El caso Savolta 30 años después,wikipedia, Blogs de lengua y literatura

martes, diciembre 02, 2008

Con el agua al colofón



O fenómeno da acqua alta veneciano está a debuxar imaxes e metáforas incribles.
A simpar Luliña apaña para nós uns anacos da cidade máis marabillosa do mundo.
Se alguén vai para alá e ten sitio libre....as katiuskas póñoas eu
E falando de libros, veríades que na columna da dereita puxen unha estantería preciosa sobre violencia de xénero. Se queredes participar podedes mandarme un correo e vos meto no grupo. Irei actualizando a mostra con novos materiais (libros, DVS, ensaio...). Temos que facer o que sexa para parar esta barbarie.

lunes, diciembre 01, 2008

Premio Glaneuse.

Non coñezo a verba galega para espigar, aínda que...¿como dicía o avó?, si, velaí está, apañar. Como imos apañar as patatas. Ben, ao caso. Espigar, apañar, son verbos en desuso. Reflicten accións que xa poucas veces se levan a cabo e se se fan, non é dende logo dun xeito semellante ao que lembramos. Espigar, apañar, facíase en grupo e facíase na eira. E o que se recollía, fosen patacas, ou millo, ou mesmo cabichas, eran obxectos de valor para quen o facía. Agora os obxectos son valiosos precisamente porque se fabrican para que se estraguen o mesmo día que finaliza o seu período de garantía. O sistema, deste xeito tan pernicioso, retroaliméntase e fai posible a circulación do líquido elemento que mantén vivo ao monstro. Esquecede pois as vellas consignas. Nada de gardar, coser, arranxar, aforrar, pegar, enfiar, amorear. Desbotade as cousas dende que as pagades. Ese é o camiño, a verdade e a vida. ¿ou non estades a ver cada día as transfusións que se lle teñen que practicar aos nosos fornecedores de alimentos, paixóns, vestidos, medicamentos e manufacturas de todo tipo? Ben, esquecede todo o anterior, son desbarres meus, dun luns moi frío, pero tamén moi triste porque seguimos sentindo os laios das que saben que van morrer irremediablemente a mans dun home que amaron e polo que renunciaron absolutamente a todo. Hoxe volve ser un deses días nos que a sensación de impotencia me afoga. Mais sigamos espigando, apañando. Porque neste mundo aparentemente irreal da rede, hai tesouros en forma de blogs que día a día, fan compoñendo un fermosísimo mosaico que da vida ao que se fixo para non tela. Lula, por exemplo, é unha auténtica glaneuse. Para ela, vai este premio. Porque o merece. Porque os colecciona. Porque apaña cabichas que pola maxia da súa verba se mudan en alfaias. E sobre todo...para que non marche. E co premio, achégote, achégovos este fermosísimo documental de Agnes Varda.
Les glaneurs et la glaneuse

sábado, noviembre 29, 2008

Homenaxe a Marcos Valcárcel

Prezado Marcos:
Adiei tanto a cousa que agora quedo sen poder darte unha aperta en persoa, mais non quería deixar pasar este fermosísimo día sen che adicar tamén a miña pequena homenaxe. Dende que agromaron esas uvas túas tomei demasiado gusto ao bo viño. Mais o verdadeiro fado destas túas riquísimas colleitas está na compañía. Xa che dixen hai tempo que a túa baiuca virtual é a mellor herdanza que non acadarían a imaxinar aqueles do Volter. Que teñamos un recuncho na rede para ir tomar uns chatos cando nos pete e saber que alí están Marcos, Medela (¡canto te quero!), Arumes, Apicultor, XdC, Lourixe, XMG, [et. al.] -disimulen os vicios do oficio- é algo impagable. Cando lle expliquei a miña nai o fenónemo das Uvas sabía que estaba dando un chimpo imposible. Aos maiores nunca lles entrou na cabeza esto del
interné mais todos debecen por entender. Lembro a sorpresa que levou aquel día que fixen sentar diante do ordenador e fomos pasando esas túas uvas e as fotos de Orensalia ¡que cara de felicidade!. Mira meu, ti es moito máis que un bló, ti es a demostración do trunfo da humanidade sobre tódolos ceros e uns do mundo. Seguirei a ler e sobre todo a degustar esas uvas que van caendo e que prometen caldos moito máis milagrosos que os de Panoramix.
¡Unha grande aperta!
[Velaquí está a miña nai fuchicando nas Uvas]
E un agasallo: A foto de arriba, Marcos, é unha Tarxeta do Liceo de Ourense de 1942. O asociado era Aser F. Novoa. Xa che mandarei por correo a outra cara.

viernes, noviembre 28, 2008

Seica me andan a amolar...

As autoridades universitarias debaten a fondo as medidas a tomar perante a folga do servizo de limpeza.

Logo de once días de folga, seica o sector da limpeza chegou a un acordo coa patronal. Esoutro día xa din conta da miña sorpresa perante a total indiferencia coa que as "autoridades" desta nosa universidade ollaban a situación. O lixo co que os piquetes tuneaban o noso campus ata lle daba un toque festivo que non invitaba a reflexionar sobre o grave conflicto social subxacente. Co paso dos días, xs folguistas recrudeceron as súas accións ampliando a gama de desperdicios ao ritmo da súa carraxe. A administración é un ente colectivo (deses con vida propia dos que fala a Gopegui) moi especial. E a administración universitaria, xa non digamos. Dende que se funciona con parámetros empresariais, aquí só se fala de calidade e procedementos e a realidade, aquelo do estudo, a investigación, a reflexión, o ser un modelo para a sociedade...antiguallas. Aquí só se move o que sente que lle andan na carteira. Así de prosaicos. Si señor. Ao alumno só lle preocupa o sucio que está todo -eso si, nos locais de copas onde se empapan literalmente de todo o líquido elemento duns WC de cortello, nin chío- os profesores que se pechen (ou non) as portas para evitar aos piquetes, os investigadores, berrando porque seica alguén lles estragou o resultado da investigación acumulada logo de anos de traballo. Claro, claro. Pero as preguntas debían de ser outras. Ben diferentes. Por exemplo ¿pagou a pena a externalización dos servizos universitarios? ¿que pasa con sector da limpeza? ¿non será unha especie de burbulla onde unha pandilla de cobizosos empresarios quere multiplicar o seu beneficio a costa dos traballadores? Pero como é venres imos botarlle unhas risas e mirar a decoración da sala de xuntas da foto, seica hai alguén por aí facéndome falcatruadas co fotoxop...¡boa fin de semana e próspero ani novo!

miércoles, noviembre 26, 2008

¡¡¡ necrosia cultural !!!


Non é que a teña tomada co tema, é que non paran. Agora resulta que os ateos somos síntoma de NECROSIA CULTURAL. Estamos verdadeiramene de atar -
"A ninguna persona en plena posesión de sus facultades se le escapa que el signo de la cruz no viola ningún derecho fundamental-porque segundo eles el Estado se ha convertido en un nuevo dios, con poder absoluto sobre las almas.O artigo remata cun parágrafo glorioso que da conta da inmutabilidade da retórica apocalíptica dunha institución que, disimulen a meu escatoloxico gusto, me lembra moitísimo á famosa escea do exorcista: Este impulso en España "asume una expresión violenta", asegura, "como el escorpión que se pincha con su propio aguijón y agoniza víctima de su propio veneno". En su opinión, "se confunde la sana laicidad del Estado con una beligerancia antirreligiosa" y el hecho de que este "impulso autodestructivo" llegue a las escuelas "muestra una realidad terrorífica". E tampouco falta, of course, a eterna ameaza, neste caso os homes do saio albiscan unha monumental orxía na que ao máis puro estilo catárquico heleno seica nos comeremos uns aos outros víctimas dunha confusión total. NOn si estes sen festa non pasan: La sentencia que ha emitido el tribunal español "consagra jurídicamente la renuncia de una Europa desorientada, irracionalmente que se encamina hacia un impulso de autodestrucción". A destacar este insigne J.M. de Prada, un personaxe disfrazado de autor que pulula polo mundo real despotricando a cotío contra toda para manter un share que perdeu hai décadas. Si, home, si, xa o dixo aquel Parménides, o que non é non pode chegar a ser. Non é e punto. [fonte de todos estes barbarismos]

martes, noviembre 25, 2008

Un día internacional que non debía existir.

Joel Peter Witkin: A muller que fora paxaro. Pegadas cara a foto....

Aquela noite foi coma tantas, primeiro o son estarrecedor e cada vez máis próximo dos derradeiros chanzos e a explosión da porta, unha obertura axeitada para un primeiro movemento no que os berros e os golpes competían nun esceario cada vez máis sinistro no que ían aparecendo coitelos, puños e ata algunha que outra arma moito máis perigosa. Contra a parede, eu miraba o fume que delataba outra cea estragada. Ela, atenta ás súas tarefas incluso no fragor da batalla foi apagar o lume e botou a comida no prato. O monstro, para quen todo era susceptible de ser empregado coma arma, colleuno e guindouno contra o chan. Aquela noite había sesos fritidos. Eses anacos viscosos e brillantes, rotos, esmagados e esparexidos pola cociña quedaríanme impresos nos meus propios miolos para sempre.
[anónimo do século XXI d.C.]

lunes, noviembre 24, 2008

Eu tamén son A T E A. Demasiada roupa tendida.

Premer na foto para para crer mellor

Vía crucis foto: Vailima. Nuestra Señora la Antigua de Butrera (Burgos)

Semella que os atexs están a sacar a cabeza. Os medos apocalípticos dos cristiáns vellos seica están xustificados. É o comezo do fin. O mundo está perdido. Malia todo existen. Está ahí e en pouco volverán a queimar iglesias. E como o medo non é libre, o andazo métese por todas as regañas que a apócema dos sumos sacerdotes non deu selado para sempre. O medo. O medo a un deus disfrazado de pantocrator para aterrorizar aos pobres ignorantes. O medo á desaparición de deus que precederá a un tempo que nos fará cobizar as sete pragas. Parvadas, non fagades caso e como din os desta singular campaña disfrutade da vida porque probablemente non hai deus. Hai milleiros de razóns para saír do armario e recoñecernos no espello cando pechemos as portas unha vez fóra. A min, esta impresionante foto de Vailima chégame abondo....¡demasiada roupa tendida!

porque colgarse da melena estilo Sor Maravillas é unha doenza psiquiátrica que ten nome e tratamento...

porque impedir a curación dunha persoa é simplemente un asasinato...

porque prohibir a prevención de enfermidades coma o sida e simplemente un xenocidio

porque prometer anacos de ceo a cambio dunha vida de sumisión e prostitución

porque facer mandamentos para reservarse eternamente o dereito a tódolos pecados e....

porque me arrepía a vosa contabilidade (¡grazas Pedro!)

porque o vía crucis só me lembra unha monumental esmorga (¡grazas Aser!)

e como diría o home da navalla barbeira, se credes en deus ¿por que facedes seguros?

viernes, noviembre 21, 2008


Para tódas as que poñen o corazón diante, os soños no medio e a alma atormentada polas malditas ideas... malia todo existen...morreron cento dez veces para nada...tamén...coma os anarquistas...

Despido outra efímera semana con este prodixio de voz (grazas Hipólito).

Deixade que este delicioso sol de inverno quente os corpiños e disfrutade dunha fin de semana tranquila e se pode ser cos pes quentes e un sorriso nos beizos.

jueves, noviembre 20, 2008

Universida(de)merda.

O lixo leva xa unha semana connosco, mais semella non molestar. Mesmo se agradece esta performance momentánea no medio da deprimente monotonía das arquitecturas contemporáneas de concurso. Mais no fondo estou a pensar...¿quen se estará forrando con esto? Rexeito as imaxen tan recentes da Gomorra de Saviano, non quero pensar que os nosos limpadores de 600 euros/mes sexan a carnaza de mafia ningunha. Ou si. Porque, segundo me contaron, resulta moi productivo montar unha empresa de limpeza. Seica se forran. Os limpadores gañan 600 euros. Din. Non sei. Cicais 800. Agardo informarme ben estes días. Profesores, alumnos, administrativos, bibliotecarios, etc. seguimos coas nosas rutinas, esta semana pisando merda. Ninguén di nada. Onte vin unha señora da limpeza con moi mala cara. Xa van 400 euros. ¿que deixaron de cobrar?. P. hoxe bótalle a culpa á universidade a a súa maldita moda de externalizar os servizos. Que se f. Só piden unha subida de 30 euros. ¿quien está quedando coa pasta? Hoxe no campus (para desintoxicar) fixo un día precioso. Mirade.

Eso si, os animais seguen indicándonos que algo non cadra...

¿quen se está forrando con todo esto?

miércoles, noviembre 19, 2008

Allegro vivace

As verbas avantaban a máis velocidade da permitida e circulaban en paralelo polas ateigadas autoestradas de ata cinco vían polas que o arume adoitaba infiltrar a súa música de fondo. A nocturnalia completouse cando orillou o escatolóxico científico que onte tivo que ir un pouco máis a modo por mor da latitude. A treboada sigrid co seu vento do norte arrincaba follas e gargalladas que facían perigoso calquera intento de adiantamento. Aínda menos mal que a fortune nos trouxo á estilosa penélope glamour. Co seu écharpe ao vento fixo moito máis levadeira a carreira na que unha luna ¿despistada luna? non facia máis que deixar obxectos perdidos en cada curva. Algúns faltaron pero agardamos novas incorporacións. O que si quedou moi, moi claro, despois de escoitar á nosa enviada especial neoiorquina e que iremos a N.Y.C. e pernoctaremos no piso de Alex.

sábado, noviembre 15, 2008

As obras da Ponte de Ourense


Onte Aser falou no Congreso sobre o Ourense medieval sobre as obras de reconstrucción da Ponte de Ourense en base á documentación recurerada por F. Espino no edificio do antigo cárcere da cidade.

Información: A Voz de Galicia

La Ponte Vella es un monumento que ayer tuvo su protagonismo. Aser Ángel Fernández recorrió su historia desde los tiempos romanos hasta la construcción de hoy. Puente y catedral eran las dos mayores obras de la ciudad siglos atrás. El ponente habló de los maestros que trabajaron antes y después del expediente de 1777, que valora cómo se hallaba el monumento hasta entonces. «A ponte estaba continuamente en obras e foi esencial para a cidade e o seu territorio. Por ela pasaba a vía romana e foi o único paso estable do río na cidade ata 1918, cando se fixo a Ponte Nova». Los ingresos por cruzarlo daban poder al obispo o al Concello. «No 1628 houbo un pleito. O Concello quería ter a ponte e chegou a unha concordia pola que parece ser que quedou coa xurisdición dela. E no XVIII aínda se facían pagos a cargos do concello», añadió.

viernes, noviembre 14, 2008

Linguas azuis....e viperinas.


Velequí o berce dese misterio da lingua azul. Fuchicando no meu arquivo fotográfico atopei a proba da derradeira mentira que nos queren colar. Efectivamente, a lingua pónse azul logo de ter chuchado dun caramelo desa cor. Todos tranquilos. Non hai máis perigo que o de espertar coa cara e o corpo tinguido desa cor no caso de andar facendo porcalladas.
¡unha lambetada de completamente venres! (1)
Unha por aquí, outro por alá e eu soíña un venres...bueeeeeeeeeeno, iremoa ao cine, leremos un chisco e a agardar ao domingo para ver como loce a miña rula no medio desa nova orquestra.
(1) brincadeira adicada a Luis García Montero. Non sei, pero dame o corpo que hai por aí unha conspiración contra a boa xente que inocentemente cae nesta arañeira tan malvada. Primeiro provócante ata que rebentas, logo lévante ao xulgado no que te condean pagas unha multa. Toda unha operación para acadar un refrendo social ao tempo que un xeito de financiamento para estes manipuladores dos foros públicos dos que todos coñecemos exemplos sobranceiros. Algún día lles falarei dun caso na Universidade de Vigo. Por certo, asinar manifestos ...¿vale para algo?

lunes, noviembre 10, 2008

Ohhhbama!

O de Obama, é importante, non cabe dúbida. É a cabeza do país que reinventa as regras de xogo cando lle peta. A súa victoria veu coroar un proceso electoral vivido como propio por moitos países. En España dubido moito que as eleccións nacionais concentrasen tanto interese a xulgar pola tinta derramada durante tanto tempo. Penso incluso que o final feliz da historia ten tamén que ver cun desexo colectivo de que "todo remate pronto e ben". Os primeiros días deixeime levar pola onda de preguiza crítica que debe adobiar os escasísimos momentos de orgamos colectivos e ata puxen a Obama de wallpaper no meu ecran. Porque ademáis de tódolos globos de ouro que recibe cada día, non me negaredes que o tío campa moi ben (v.g. á saída do ximnasio na portada do País). Cando desapareceron as olleiras preceptivas da noite electoral preguntei por ahí cánto nos tiñamos que alegrar coa noticia. Hoxe gostaría comentalo con vós:

Reacción 1: É todo tan perfecto que non pode ser verdade.
Si, este é unha reacción moi común. É verdade, nótase moito o guión pero...¿non foi perfecto tamén el 11S e, desgraciadamente tamén verdadeiro? Velaquí a confusión que resulta dese xogo tan "americano" que levou ata consecuencias ¿tan imprevistas? a manipulación da realidade. O derrubamento das torres foi interpretado, penso que atinadamente como unha gran labazada de hiperrealidade que atordou aínda máis aos cidadáns máis deliciosamente modernos e dixitais do mundo. Os que espertaron percatáronse, cicais de que precisaban dárlle a volta ao pastel pero cun producto de fabricación propia. Non deberiamos deixar que o medo a este sinistro sistema que rinde culto ao envoltorio nos peche as fiestas dun razoamento sempre á contra. En moitos xogos esta é a única estratexia para salvarse.

Foto: A imaxe "We can do it" é o famoso poster de H.Miller con ocasión de "animar" ás mulleres ao duro traballo nas fábricas de armamento logo da IIGM. O máis curioso, como me lembrou hai pouco A. é que xunto ao que xa ten de repulsivo o aproveitamento da muller que se fai nesta ocasión (aínda está por estudar o papel da muller nas guerras e na reconstrucción así como a violencia contra a mesma a grande escala como vimos na famosa novela "unha muller en Berlín) é a conservación do pano na cabeza. Segue sen poder separarse a imaxe feminina do seu cárcere particular. ¿imaxinades a Obama na súa réplica cun peto e a ferramenta de traballo nos campos de algodón?

Próximamente: "Retóricamente perfecto". "A grande esperanza". "The times they are changing". "¿Obama? ¿a ese que se van cargar dentro de pouco?". "A min qué Obama. Déixate de andrómenas e preocúpate pola túa vida....". "Ana, estamos muy esperanzados aquí, y si...tenemos un presidente muy guapo pero a mi me gusta más Zapatero con sus hermosos ojos azules (A. dende os USA). Lectura obrigada: Obama Victory Speech.

jueves, noviembre 06, 2008

A HISTORIA DO CALVARIO















Un pouco acochado no Calvario, coma todo bar que se precie, no 5 da Rúa Cruz Blanca, Isa e Cris, dous sorrisos con forma de muller, arranxaron un antigo bar para montar a súa HISTORIA. Deliberadamente exquisito sen refinamento algún, todo o anticul que poidas imaxinar. Había unha eternidade que non disfrutaba tanteo dende a pasada fin de semana, foi coma voltar a casa. Os
Miñor Blues e o seu swin movían os pés do público máis variado por metro cadrado que vin nunca. Escolares, tineillers, adultos a medias e septuaxenarias que sorrían picaronas lembrando aquel tempo lonxano no que rían a cachón movendo as cadeiras ao son do Django Reinhart Refírome a aquelas casas nocturnas onde esmorgábamos ben a gusto na Auria Vella. Cris e Isa nos lembraron á Loló e a Leo, dúas sibilas da noite que facían do Bar o do Rataplán lugares máxicos que soaban a gloria, sabían a cuantrós e cheiraban doze, moi doce. Hai mil razóns para celebrar algo este venres...¡boa fin de semana!

miércoles, noviembre 05, 2008

Adiviña quen vai morrer

Non vou falar da muller número 60 que ven de morrer a mans do seu home porque segundo o fillo non había quen a fixera calar. Non, non o vou facer. Vou aproveitar para poñervos unha adiviña moi doada e que ven ao caso. Mentres vía a película miraba de esguello para A. Sempre me sorprendeu a tendencia a solidarizármonos co malo da peli. Coma se ninguén nos tivera explicado que non se mata, que non se rouba, que non se viola e que non se despreza. Pero non, A. segue agasallándome coa claridade e afouteza de recoñecer o mal e desprezalo de xeito contundente. Agardo que non sexa ningunha heroína. Baixemos o telón.

NIVEL I: ¿cómo se titula a película?

NIVEL II: ¿Como rematou a cousa entre eles?

NIVEL APICULTOR: ¿que pasou co Oscar á banda sonora?

lunes, noviembre 03, 2008

El hombre de la navaja barbera, Jaroslav Putík

Tío Pepín falou aquí hai pouco do seu gusto pola literatura checa co gallo dun comentario sobre Hrabal. Os (sem)aforismos do barbeiro J. B., a xulgar polo exemplo do comentarista, resucitaron na miña memoria aquel extraordinario Ignatius J. Reilly e non tardei en facerme co libro. Agora que só me quedan esas dúas páxinas que me nego a ler para non pechar unha novela que non quero que remate nunca e que aínda estou totalmente metida no meu papel de clienta desa barbería universal, veño ao foro para que lle fagades un sitio a esta peza deliciosa da literatura checa.

Os raros, é o que teñen, son marabillosos. De Jaroslav Putík non atopo nada, un pouco é coma Jan B., non sei se o seu alter ego como o era Ignatius de J.K.Toole. Mais son deses seres que pasan pola vida coma personaxes secundarios agochando tanta sabedoría e humanidade que só poden ser desprezados por un entorno que vive nunha eterna "pose" de autosatisfación e autocompracencia defendéndose, eso si, con toda a forza da súa mediocridade deses espíritus curiosos e inquedos que son quen de poñer as notas e as cores nas partituras monocordes e nos lenzos cincentos nos que os eternos idiotas do poder nos queren obrigar a vivir.

viernes, octubre 31, 2008

Tódolos días ao sol...se pode ser


Pola fiestra da biblioteca deserta albíscase un solpor que promete caloriña e tranquilidade para a fin de semana.
A foto é dun verán que veu no seu tempo no que disfrutamos abondo do
"laisser passer, laissez faire"
¡BOA FIN DE SEMANA E PRÓSPERO NOVO LUNS!..e como diría a miña querida V.....SÉxanmE deSORganizadaMENTE felices!!!!

miércoles, octubre 29, 2008

Resposta a Daniel Dominguez

Coa que o tal Daniel Domínguez non conta, pois os medios escritos teñen, aínda, ese privilexio de non ter que agardar resposta. Non se crea debate, diagamos, dos que gostamos os onfalodeprenarcisoides que escribimos nun bló. En fin, que o conto é que veño de ler unha crítica deste D.D. en Tempos Novos que me deixa perplexa. Mea culpa por ler xornais "serios". E non é porque Os mirasoles cegos me pareza unha obra mestra do noso cine, do que estou máis que segura, por certo, é o atrevemento deste periodista para desbotar unha obra e calificala de "película morta" baseándose en criterios totalmente externos á propia película. Quero dicir que nen sequera critica a película, senón erros de adaptación, de elección de metodoloxías de traballo, de localizacións, de guión, de casting...pero meu D.D. ¿vostede no cine vai libretiña en man para tomar nota do maior ou menor grao de adaptación do guión á novela orixinal? Ten que mudar de prácticas, prégollo, ou se nón, non escriba crítica de cine, por favor. As "pelis", coma os libros, coma un cadro ou coma unha composición musical responden, ou deberían responder, a moitas...digamos "maquinacións" do autor, pero nunca a obrigas e lealdades forzadas con textos previos, aínda que sexan de tan enorme calidade coma os relatos de A. Méndez. Querido Daniel, vexa vostede outra vez a película e pense que é vostede un cidadán máis pedrestre (quero dicir dos de a pé) e disfrute con cada escea (si, si, tamén coa da masturbación sacertotal) por exemplo, coa primeira na que o cura maior recolle a arma que entrega Salvador...¿non ve aí nada de nada? ¡non o podo crer! malia todo si que albiscou a impotencia de Javier. Por certo, impotencia...sexual ¿non si?...ah! bueno.

martes, octubre 28, 2008

Un salvoconducto

Houbo un tempo no que se precisaba permiso ata para ir de Orense a la región gallega. Non foi no tempo da guerra dos cen anos mais a miseria non sabe de cronoloxías e lugares. Velaquí tedes un curioso documento que apareceu na carteira. Estou máis preto de coñecer ao seu propietario, aínda que dubido moito que poida devolverlla persoalmente. Terei que pensar na súa descendencia, ao mellor agradecen o detalle. De momento recollo pistas e trato de reconstruir unha pequena historia familiar xuntando os vellos papeis que A. recolleu xa hai anos naquela casa fermosa na auriense de Reza. Paco, xa sei onde foi mercada a carteira. Nun dos seus petiños apareceu este selo da xoiería ¡¡¡ ESPINO !!!...menudo chimpo peguei cando o vin. É o negocio dun grandísimo amigo do que moito teño falado xa. Agora gardarei este papeliño dourado coma un tesouro.
[P.D. Solmisación]

lunes, octubre 27, 2008

Solmisación


Allegro ma non troppo
manancial de tonalidades
intervalo forte fortissimo

contrapunto das idades

troiana contemporánea
labiríntica armonía
blefarite de bágoas