jueves, febrero 26, 2009

sonoambulando por aí....


Quedei totalmente baleira,a miña pel de porcelana finísima escachaba cando me abanabas. Unha maza de ferro batendo por dentro ata escacharme. Espertei. Agora era unha mestura de fariña e auga entre as túas mans. Afundíasme co teu corpo e o meu encollía a estiraba ao teu gusto. Procuraba versos para escorrentar a dor. Humidade. Fun dous enormes beizos que se chuchaban e se ferían ao pronunciarte. Bico, Vulva. E as contraccións de milenios de evolución concentráronse nun segundo de dor tan intenso que me fixo espertar. Fun texto no borrador dunha conta de gmail, un vertedoiro de paixóns no que se amoreaban verbas que querian morrer co brazo en alto e fun logo un albornoz esfiañado e imprudente que deu conta dunha fidelidade.

miércoles, febrero 25, 2009

Calendario romano

Para P.
Un tal señor Barragán, nonseiqué autoridade de nonseiqué teocracia mediterránea e, por certo, home de singular apelido que non casa moito coas súas castísimas maldicións, di que a revolución sexual, a trivialización do sexo e a separación da procreación do acto sexual, entendido como mero pasatempo, están na orixe da reforma da lei do aborto que nos vai levar a tódolos españoles ao inferno. Creo que preciso confesión urxente porque onde hai incienso eu cheiro xofre, na inocente expresión deste espectacular acólito do noso señor que ilustra o marzo do calendario romano eu só vexo un suxerente aceno que me convida a axeonllarme para suplicar o perdón ao ritmo dunha ladaíña tan eterna como as contas da sotana. Cando as animalias pontifican sobre sexo estouran crucifixos, derrámanse as augas malditas e o balbordo dos milleiros de órganos desafinados espertan meigas e axusticiados de tódolos tempos. E aínda menos mal que probablemente non hai deus...porque se lles ven pedir contas....

lunes, febrero 23, 2009

I Scream, You Scream, We All Scream for Ice Cream

Para Lorena




Down by Law de Jarmusch. Imposible esquecer calquera escea. O trío Benigni, Lurie e Waits, atrapoume dende o comezo...¿como non entrar en trance nese percorrido pola Nova Orleáns en b/n baixo a melodía de Jockey full of Bourbon? ¿que me dis princesa? Tres tipos das marxes que coinciden na cadea. Jack, Zack e Roberto. Os tipos duros contra ese exemplar que hoxe quedaría atrapado baixo o omnívoro frikismo. Roberto Benigni, lembroume a aqueles que o apuntaban todo nunha libretiña que sacaban do peto, unha frase, un debuxo, un pensamento, dos que fuxíamos coma do demo. Velaquí esta miña homenaxe a todos eles. Querida L., non sei como Jarmusch non te chamou a tí para Laurette no canto da Ellen Barkin. En canto veñas polos estados do Sul conxugamos ese complicado scream que case provoca unha revolución. ¡¡¡bicazo e feliz aniversario!!!

domingo, febrero 22, 2009

ABB Photo Prize

Foto: Manuel Ángel García Yanes "Picho"


O bo oficio do fotógrafo non consiste só nunha axeitada sabia combinación de velocidades e aperturas, nen sequera conta, ás veces encuadre, profundidade de campo, enfoque ou a hora do día ou da noite. É cuestión de estar aí nese nano/pico/fempto/atto/zepto/iocto segundo que non se vai repetir nunca, pero no que se van escribir verbas definitivas. Gústanme todas as fotos do antroido pero esta é a raíña do álbum. Como non está miñas mans o Pulitzer velaí queda concedido o ABB Photo Prize para tí, Picho, porque con esta imaxe imposible asinaches dous, tres futuros.

viernes, febrero 20, 2009

Visita de Francisco de Goya y Lucientes á Universidade

Desta guisa apareceu o de Fuendetodos esta mañá na biblioteca de Peritos. Malia o seu atuendo de rapeira un pouco bravú, recoñecemos perfectamente a Doña Adelina de Alba, quen, logo duns cantos groliños nos desvelou o misterio da súa lonxevidade (¡ten exactamente 194 anos!). O mestre viña tamén acompañado polo seu famosísimo can, que respondía polo curioso nome de Bayeu, o que explicaría por fin tanto misterio. Don Francisco fixo gala do seu mal carácter, que segundo el mesmo, é producto da persistente incultura dun pobo que continúa a cultivar as festas e tradicións máis rancias. Ameazou con vir a redecorar a Quinta dos Xordos na nosa cidade se continúa celebrándose esa ridícula festa da Reconquista na que algúns despistados veñen disfrazados de Boabdil. O can tamén asegurou aos medios que se achegaron á biblioteca, que non se explicaba aínda esta celebración porque coa derrota do francés perdeuse a derradeira oportunidade de entrar na modernidade para o noso país. Os cans, xa se sabe...O mestre asegurou que logo de tomar apuntes para próximo caderno de disparates, o que lle levará varios días, voltará a Burdeos para seguir traballando.

¿Faro de Vigo? Non, grazas.

Coa viñeta do señor Quesada do Faro Divino (que diría a amiga R.A.) marco definitivamente este xornal como absolutamente prescindible. É precisamente esa complacencia cos tópicos máis rancios, señores do Faro de Vigo, unha das causas da perpetuación de aptitudes xenófogas, discriminatorias e humillantes para os destinatarios dos seus "chistes". Como muller, agradézolle que de forma tan palmeria amosen os seus prexuizos e falta de sensibilidade. Pura falta de intelixencia, por outra parte, que é tan precisa, para evitar males maiores.
PD. Pero como ninguén do FdV vai ler este bló podedes facerlle chega a vosa opinión directamente aqui: redaccion@farodevigo.es

Pero....non, este non vai ser o post que o venres de carnaval merece.

viernes, febrero 13, 2009

Take it easy

Non...non vos vou deixar con tan mal sabor de boca...esquecede curas violadores, delincuentes high tech e toda a corrupción e mediocridade que nos abafa...¿quen non ten unha copiña de viño e un camisón branco para dar conta de toda a paixón agochada logo dunha semana de traballo? co máis sinxelo constrúense as mensaxes máis excitantes e os momentos inesquecibles ¿probamos?
¡¡¡FELIZ FIN DE SEMANA!!!
Foto: Chema Madoz
Título do post: Grazas a T.C. foi a mellor recomendación do día.

E a ti...¿que é o que che fai vomitar?


Foto: Graffiti nas rúas de Pontevedra
Non atopo unha imaxe máis acaída para explicar o sentimento de absoluto desprezo que me provocan os insultantes rostros de satisfacción do señor Botín ou do portavoz da Conferencia Episcopal cando nos cuspen á cara o ritmo de crecemento das súas contas....e como en tempos de crise aínda hai menos tempo para ser crítico, contan ademais cunha sociedade totalmente apática e indolente que non protesta aínda que lle veña o papa disfrazado de Drácula a fincarlle os dentes no pescozo.

Protocolariamente los obispos reciben el tratamiento de ministros y aunque su salario es de 126.000 pesetas mensuales y pueden jactarse de cobrar menos que un obrero de la construcción, no obstante, disponen de media anual de 7,5 millones de pesetas y bajo la supervisión del vaticano administran en sus diócesis cientos de millones y en algunos casos miles de millones, como ocurre en la Archidiócesis de Madrid. (Fuente: Sánches Soler, Mariano. Las sotanas del PP: El pacto entre la iglesia en la derecha española. Temas de Hoy, 2002, p. 33)

miércoles, febrero 11, 2009

Milena deconstruida

Picasso: Muller deconstruida
Para V. ou C.
Fíxoseme raro que o seu nome non coincidise co que figuraba na súa tarxeta de lectora, é que nunca me atopei cómoda nunha Isabel, claro, Milena é moito máis bonito, imaxino que non o elixiches ao chou, non, claro, foi unha elección difícil que me levou anos, ata que por fin atopei o rastro desa muller nun libro de... ¿Muñoz Molina?, poder ser, en Sefarad fala dalgunhas mulleres que sufriron a violencia dos campos de concentración, Margaret Bauer-Newman e Milena Jesenska, si, pode ser, da gusto falar contigo, semella que tes lido todos os libros da biblioteca, que máis quixera, non, nin moito menos, da sección de cogomelos e peixes de Galicia non teño nin idea. Os seus ollos pequechos deitáronse suavemente nun sorriso tan doce que axiña a imaxinei cando aínda era feliz, se cadra, había vintecinco ou trinta anos. ¿cantas cousas máis terías cambiado ademáis do nome? Eu tamén quixen cambiar o meu nome cando nena, mais os cambios que me permitía non ían máis aló de lixeiras variantes, gustábame sobre todo anuska, e mira que porfiei durante anos en presentarme así, non houbo xeito, tiven que seguir aturando aquel anamaría que sempre me lembrara unha situación de dependencia, unha minoría de edade permanente da que non sería doado saír se non se tiña afouteza abondo para rachar unha porta de aceiro. Afouteza, precisamente, era o que eu non tiña, unha choromicas que adoitaba durmir coas orellas tapadas por... Mudar o teu propio nome ¡que marabilloso acto de rebeldía contra todo! Unha verdadeira toma de conciencia, coller con decisión as rendas da túa propia vida desfacéndose de engadidos alleos. Se unha nena sente na súa infancia esa urxencia de ser ela mesma hai moitas posibilidades de que chegue a ser unha muller segura de si mesma e polo tanto razoadamente feliz. Os ollos de Milena non falaban de ledicia. Agochaban unha tristura engulida nunha soidade demasiado longa. As bágoas compartidas adoitan convivir con sorrisos reparadores mais fora moito tempo amoreando humidade e cumpriría que en adiante os anos só tivesen unha estación para que a caloriña dun aloumiño lentísimo desifixese as bágoas xeadas que lle fincaran cravadas na pel.

jueves, febrero 05, 2009

Ao xeito de Vailima....

Cun nó nas costas que deixaría en ridículo ao propio Gorgias e logo dunha noite de insomnio sádico atópome tan mallada que non teño máis remedio que adiar tódalas citas, promesas e soños pendentes. A imaxe aretina pretende encher un clamoroso baleiro que á forza fai deste post unha pobre imitación da mestra do xénero erótico da sexta feira. Gozade con vicio e fortuna mais...ide con coidado...que tampouco hai que ir por aí cortando cabezas.
Foto: Feria Puro Arte, Vigo 2006
Mellor con música de VETUSTA MORLA....

Bendito el que viene en nombre del señor!

O secretario de Estado da teocracia vaticana veu poñer orde na parroquia ibérica. Seica lle veu explicar ao señor Rouco Varela o que significa realmente ser máis papista que o papa. A Mafia Santa non deixa pasar unha nin dentro nin fora do serrallo (sic) confesionario. Que o fundador dos Lexionario de Cristo abusara dalgún/ha inocente non lles impide vir directemente a confesar aos nosos políticos erectos (sic). De la Vega e Jose Luis axeonlláronse outra vez e con gusto ante os enviados de deus e falaron outra vez por todos nós. Confesaron ter proxectado reformar a lei do aborto, confesaron querer mudar a Lei Orgánica de Liberdade Relixiosa e prometeron non tocar os acordos coa sede santa. Algúns laicos alporizámonos por este anacrónico cesaropapismo que nos fai devecer por antigos imperios mais se pensamos no paripé da confesión católica ¿a quen lle importan os pecados? sabemos que o que realmente importa esta posta en escea continua e avasalladora de cruces, sotanas e ringleiras imposibles de botóns que piden a berros rachar dunha vez por todas con tanta hipocresía.
Imaxe: Feria Puro Arte Vigo 2009
De cando en vez convén revisar a hemeroteca....OLLO! ESTA INFORMACIÓN PODE FERIR A PERSOAS SENSIBLES! (grazas P.)

miércoles, febrero 04, 2009

A ola


Tódolxs profesorxs van empregar este filme nas súas clases. Semella un material extraordinario para explicar o perigoso e doado da manipulación ideológica dun grupo. E un filme salientable non tanto pola súa calidade estética como pola oportunidade do seu contido. Logo da IIGM e dos totalitarismos o cine xa se ocupou abondo de procurar explicacións para achegarse á comprensión de fenómenos tan aterradores coma o holocausto. Sen dúbida hai material abondo para profundar no estudo de dictaduras, corrupcións, xenocidios e en definitiva o angazo da banalidade do mal que extermina e mata sen entender de culturas e/ou desenvolvemento. Desde este ángulo, a autocracia que se examina no filme, é un máis dos modelos dentro du panorama moi variado no que ideoloxías, crenzas, nacionalidades, riqueza só proporcionan matices a un cadro casi idéntico onde se poden recoñecer os mesmos elementos nos que a intransixencia, fruto da incultura máis degradante como da máis sublime das civilizacións, da pé a actuacións que levan sempre ao exterminio do outro. Así pois, semellan casi idénticos cazas de bruxas, autos de fe, inquisicións, holocaustos, o xenocidio armenio, o congoleño, o paraguayo e o actual exterminio que estamos a presenciar en Gaza. As explicacións do terror no pasado goza de moito máis interese que o estudo e análise e ata diría a sensibilización con fenómenos semellantes que ocorren hoxe mesmo. O filme é un material didáctico interesante, sen dúbida, e os docentes que o van destripar nas súas aulas decataránse, para ben, do enorme poder que teñen dende o seu papel de docentes e polo tanto de líderes. Neste punto paréceme máis interesante o debate, nesta toma de conciencia da importancia do seu papel na "dirección da obra".

martes, febrero 03, 2009

Volubilidade

Non quero coñecer a Vila-Matas. Como tampouco a Vargas Llosa. Como ogallá non me tivera tropezado on Benet. O meigallo da súa escrita pode esvaecerse nun segundo. Teño unha cultivada tendencia a namorarme e adoito construir o meu obxecto de veneración empregando unha paleta de cores inexistentes que xeran magníficos retratos. Mais hai que saber que o teu modelo non existe e a beleza pola que perdes a razón só é un ready made que nun momento pode adobiarse outra vez con toda a súa vulgaridade. Mais mentras dura o feitizo e a paixón remexe o teu corpo, esquécete do autor e disfruta da súa obra. Transfórmate en vocal, sílaba ou advervio e déixate tinguir polo negro de fume para mergullarte no aquelarre do parágrafo. Con V.M. adoito pasear por cemiterios espectrais e rúas de cidades que poboaron outros misteriosos debuxantes. Ás veces amólame a súa volubilidade, gustaríame quedar máis tempo escoitando a Van Morrison ou as miñas propias pegadas nun decorado de cartón-pedra que fai de Nova Iorque. Das viaxes cara verbas malditas regresei cun libro de Alejandro Sawa. Dende Pitol ou Borges chegamos a textos rebeldes que permaneceron agochados demasiado tempo, ata case morrer dúas, tres veces. É gracioso V.M. A súa coquetería é deliciosamente voluble. Perdónolle por veces ese postureo impostado que disimula tan mal. Aprecio o seu pragmatismo. Non agardaba esa habilidade súa de atopar a cara máis útil dun mal momento. Estou a lembrar o seu golpe de gracia á propia autoría cando se autoplaxia na rede....

domingo, febrero 01, 2009

Por que cremos en cousas raras

Moito do que leo non é por pracer, senón pura necesidade de supervivencia. Preciso saber por qué me vexo tan rara nun mundo no que malia saber máis cada día vaime sendo tamén máis estraño. Con cada nova descuberta semella que me precipito nun burato negro cada vez máis profundo. Algo falla. E temén observo dende que teño esta necesidade de entender que a maior desenvolvemento e medios de todo tipo a xente non só é cada vez máis estúpida, senón que, e esto é o que me parece máis grave, amósase cómodamente instalada nesa posición de total desleixo intelectual. Debe ser por esa moda (non é tal, sempre foi o mesmo) do políticamente correcto. É mellor facer o parvo e facer que non entendemos por que podo mercar unha camisa a cinco euros...querer ver a outra cara da moeda implicaría enfrontarme conmigo mesmo e poñer en dúbida o noventa por cento das cousas que fago cada día. Podo entender que a miña filla crea máis nunha oferta de vodafone que nese discurso apático e sombrío que lle impoño como guarnición obrigatoria nunha comida familiar. A actual crise económica é unha labazada para moitos dos que esqueceron que estaban só crendo por comodidade. Esqueceron que era un xogo porque de tanto xogar ao mesmo, creron que terían sempre cartos na súa conta, que a hipoteca a cincuenta anos apenas ía requerir quitarse dun café á semana e que as viaxes exóticas e a cita co osteópata, e o club de tenis, e o coche novo cada dous anos, e .....eran distintivos perfectos dun mileurista moderno. Ata fai ben pouco, os máis desgrazados inventaban contos de fadas por pura necesidade, para verse disfrutando da vida, aínda sabendo que era pura ficción. A famosa película de Medvedkin "A felicidade" (recoméndovola intensamente) non tiña outra ambición. Pero esta teima de hoxendía por crer en absolutamente todo é algo verdadeiramente enfermizo. E perigoso. O máis abraiante para min é comprobar que co desenvolvemento científico aumentan en proporción xeométrica os seareiros de todo tipo de aliens. As televisións están cheas de botadores de cartas, de programas de fenónenos paranormais e de tertuliáns de pacotilla. As librerías ateigadas de libros de autoaxuda que prometen a felicidade low cost. Aínda non asimilada convenientemete a teoría da evolución semellamos dispostos a rendirnos fronte a creacionistas que nos falan outra vez de diluvios universais e multiplicación de pan e peixe baseandose en probas científicas. Cando aínda non coñecemos as estarrecedoras consecuencias dos xenocidios e das represións, hai moreas de pseudohistoriadores que negan o holocausto. Por cada historiador que perdeu a vida agochado entre moreas de documentos para reconstruir un pasado que debía ensinar camiños equivocados aparecen charlatáns sen títulos e sen ningún rigor científico que escriben libros que ofrecen verdades a prezo de saldo. ¿non vos preguntastes nunca polas causas desta distopía? Os escépticos non estarán nunca de moda porque sempre poñen en dúbida dogmas e sentenzas. Malia todo cómpre, por pura necesidade de supervivencia atender aos que dende a desconfianza analizan a realidade. Este libro é unha pílula contra o andazo de apatía que ameaza tantos séculos de esforzo científico.
Máis información: Eduard Punset. ¿aínda crendo en cousas raras?