martes, octubre 31, 2006

Imos polo bo camiño....

O fenómeno blog segue a medrar e a blogosfera galega está presente no mundo. Hoxe, a Voz de Galicia publica a noticia: Cinco bitácoras galegas optan a ser o mellor blog en español. Os "nosos representantes" son porsilasmoscas.net, periodismoincendiario, Huella Digital, El Blog de Enrique Dans e O Blog de Pedro Jorge. Os periodistas foron os primeiros en tomar posicións. Sería importante que os escritos en galego tiveran máis pulo, pero para iso haberá que contar coa xente que malia ter moito que aportar non se decide a empregar este medio.

domingo, octubre 29, 2006

Documentación científica en acceso aberto.

Hai moitos repositorios institucionais e arquivos abertos de carácter temático distribuidos pola web que acollen nos seus servidores milleiros de documentos científicos e académicos aos que podemos acceder libremente. Procurar e atopar documentos relevantes entre esa morea de material pode resultar unha tarefa penosa se temos, primeiro que buscar, logo atopar e por último interrotar cada un deses repositorios. Para facilitarnos o traballo temos na web servicios que centralizan a busca en todos eses repositorios e arquivos: OAISTER e o novo Scientific Commons


Via Blog Open Access Acceso Abierto a la información científica.
Máis sobre o tema na páxina de Rebiun sobre Open Access

viernes, octubre 27, 2006

Women and Authority in Early Modern Spain de Allyson M. Poska

É a primeira vez que publico unha recomendación dun libro sen lelo antes, pero este é un caso especial porque coñecendo a Allyson M. Poska e o seu traballo ben seguro que paga a pena poñelo nos "favoritos". Women and Authority in Early Modern Spain é unha incursión no pasado da muller galega que nos lembra a súa relevancia social e económica e súa autoridade nunha rexión tan marcada pola emigración do home. É un relato baseado en fontes documentais diversas: inquisitoriais, testamentos, escrituras de dote, causas xudiciais, etc. Sería moi de agradecer unha traducción ao galego deste importante traballo que ademáis ven de recibir nos Estados Unidos o premio ao mellor libro de historia entre os anos 1400 e 1700.

miércoles, octubre 25, 2006

Cantidade e calidade dos artigos científicos.

Xavier Bellés, no artigo "Cantidad y calidad de los artículos científicos" que publica hoxe o diario El País, laméntase do feito de que na investigación se teña máis en conta a cantidade que a calidade no relativo á publicación. A esta conclusión chega o autor logo de analizar os resultados que publica a Institute for Scientific Information (ISI). Non poño en dúbida as eivas que a ciencia ten no noso país; é de sobra coñedido o atraso que da investigación en España, seguramente polo desinterese dos sucesivos gobernos que logo da democracia tiveron que atender a outras materia de "primeira necesidade". O que non podemos é tomar constantemente como referencia unha organización (ISI) da que xa hai tempo que coñecemos a súa parcialidade. O famoso factor de impacto das revistas que analiza o ISI non é moi válido para nós. Primeiro porque ten en conta casi únicamene ás publicacións en inglés (hai escasísima presencia de publicacións en español), e logo pola súa preferencia polas ciencias físico-naturais fronte á rama humanístico-social. Podíamos lembrar ademáis a corrupción dun sistema baseado no famoso "tú me citas, yo te cito". Publicar, publicar, publicar.... unha obsesión irracional que contribúe todavía máis á dificultade cada vez maior para atopar traballos e ideas orixinais e valiosas non mundo da investigación.

lunes, octubre 23, 2006

La mirada Ulises.


Hai agasallos que malia custar pouco ou nada, procuran moita felicidade. É o caso das recomendacións dun bo libro ou dunha película como La Mirada de Ulises. Imaxino que moitos xa a coñecedes, pero para aqueles despistados que coma min non se enteraron no seu momento, aquí vai o recordatorio. Non me atrevo a facer un resumo, nin sequera un comentario. Sería como facelo da Odisea de Homero ou do Ulises de Joyce. Imposible. Son obras que en sí mesmas conteñen toda A Historia. Descubres que esa intuición que tiñas de coñecer xa o fin da película (a da vida) é real e non un pesadelo. Polo que se refire aos aspectos técnicos, só podo dicir que pagaría a pena ampliar cada fotograma e poñelo na parede da túa habitación.
Gracias á miña compañeira Ana Celia pola recomendación, tardarei en atopar unha moeda tan valiosa para agradecerllo.

domingo, octubre 22, 2006

Marca de agua de Joseph Brodsky

"En este lugar puede derramarse una lágrima en distintas ocasiones. Asumiendo que la belleza consiste en la distribución de la luz en la forma que más agrada a la retina, una lágrima es el reconocimiento, tanto de la retina como de la lágrima, de su incapacidad de retener la belleza..."
Xa hai moito que devezo por visitar Venecia, por moitísimas razóns, a principal seguramente sexa o afundimento que a fai víctima do destino da Atlántida. Venecia semella o reloxo do mundo; do mesmo xeito que sabemos do movemento das súas agullas, coñecemos tamén o ata agora irremediable movemento desta cidade, só que neste é moito máis arrepiante porque se trata dunha viaxe sen volta.

Mentres non chega o momento, vou coleccionando sensacións alleas, e neste libriño Joseph Brodsky agasállanos cunha morea delas. Podía telas escrito Thomas Mann, só tiña que mudar de estación na que se desenvolve Muerte en Venecia. A sensación de afogamento que atormentaba a Aschenbach tiña a súa orixe na presión social que lle impedía ceibar os seus sentimentos, sobre todo o seu amor pola beleza, é dicir por Tadzio, pero tamén estaba ese ambiente abafante por mor da peste e a calor. En Marca de Agua Brodsky, autor e personaxe, ven simplemente para estar, para traballar, pero a cidade está sempre aí, con tódalas súas armas, a auga, os reflexos, os perfís, a néboa, as contraventás, a laguna, os commendatori, a acqua alta, as trattorias, os putti, as calellas, a luz do inverno, as máscaras....un exército que parece cinguilo e de cuxo cerco se resistirá sempre a saír.

martes, octubre 17, 2006

Teses de doutoramento na rede a texto completo


Existen na rede recursos para acceder ás teses de doutoramento a texto completo. A base de datos Teseo permite recuperar información das tese doctorais consideradas aptas nas Universidades españolas desde 1976, pero non contempla acceso ao contido. O Servidor TDR (Tesis Doctorales en Red) contén, en formato dixital, as teses lidas nas universidades de Cataluña e outras comunidades autónomas. Permite a consulta remota do texto completo das teses, e tamén facer buscas por autor, título, tema da tese, universidade, etc. Este servicio está xestionado polo Consorci de Biblioteques Universitàries de Catalunya (CBUC) e o Centre de Supercomputació de Catalunya (CESCA), e patrocinado pola Generalitat de Catalunya.
A Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes acolle todas as teses en ou sobre linguas hispánicas defendidas con éxito en calquera país del mundo. A base de datos de teses de DIALNET permite busca teses de varias universidades tamén en acceso aberto. Lamentablemente as universidades galegas carecen, de momento, dun proxecto en común que permita o acceso ás súas teses e cada unha presenta unha situación diferente. No caso da Universidade de Santiago podemos acceder ao texto completo dalgunhas teses dende o mesmo catálogo en liña. A Universidade da Coruña conta cun repositorio tamén en acceso aberto. A Universidade de Vigo, de momento, non proporciona acceso remoto ao texto completo das súas teses, só accesibles a través da consulta do seu catalogo en liña.
Dende aquí podedes acceder a máis recursos sobre este tema.

domingo, octubre 15, 2006

Paleografía e arquivística na blogosfera




















A foto (Vía Arquiveiros) é indicativa do estado no que aínda permanecen algúns arquivos. ¿por que me lembro de Todos os Nomes de Saramago? A blogosfera xa conta con información relativa á especialidade de arquivística e paleografía. Un dos blogs más interesantes que atopo é Cartularios Medievales, esperemos que se animen os profesionais deste sector para facer visible a riqueza que conteñen os arquivos. Recopilei uns cantos enlaces que vos animo a visitar: Archivum, Paleografía y Ecdótica, Archivologo, O arquivista, Mundo Archivístico e Archivística.net (neste último podedes acceder a unha chea de sitios sobre o tema. Hai máis na columna de ligazóns)

jueves, octubre 12, 2006

Os blogs e a literatura en Tempos Novos


No derradeiro número de Tempos Novos Iago Martínez reflexiona en "Blogs e literatura. A ler a outra parte" sobre a relevancia do fenómeno do blog en Galicia e a súa relación co mundo literario. No que atinxe ao aspecto tecnolóxico, os datos, unha vez máis, apuntan ao subdesenvolvemento galego no eido tecnolóxico, a pesares de terse triplicado o acceso á internet nos últimos seis anos. En canto á relación coa edición e a literatura o feito de que o número de bitácoras en galego coincida co de obras publicadas neste idioma (preto de dúas mil) non se debe interpretar, penso, como un sinal de alarma dende o mundo da edición tradicional. Non é cousa de sacralizar o papel, que diría Jaureguizar, pero é que non creo que se poidan facer comparacións entre medios que de momento teñen unhas características e fins completamente diferentes. Como tamén se apunta no artigo, o emprego do blog como soporte literario só constitúe unha parte mínima dentro do xa raquítico mundo da blogosfera galega (de momento, espero), e se miramos para horizontes máis amplos decatámonos de que esta nova ferramente é máis importante como complemento á creación que como soporte da mesma. De momento, as bitácoras con máis visibilidade na rede relacionadas coa literatura son iniciativa de editores, escritores noveis, lectores, etc. Os escritores consagrados que "bloguean" o fan sobre todo para dinfundir a súa obra.

martes, octubre 10, 2006

Foto de Roberto Ribao



Roberto Ribao é un excelente fotógrafo, periodista, escritor e pensador. Para mostra aí vos deixo unha das súas fotos. Das que lle coñezo é unha das que máis me gustan polo que ten de provocador; claro que é unha provocacion de efecto retardado pois non é infrecuente tardar en percibir que a delicada dama non descansa nun diván dun veludo vermello. Nas súas palabras, trátase dunha visión desenfadada e irónica do mundo da arte desde o medio fotográfico. Roberto escribe mensualmente na revista Tempos Novos a sección Postais de Galizia na que reflexiona con ironía e intelixencia sobre os problemas que afectan ao noso país.

lunes, octubre 09, 2006

Vídeo sobre o 11-S

Vía Brétemas veño de coñecer este vídeo. A súa calidade e importancia como documento histórico merecen o seu arquivo neste blog.

domingo, octubre 08, 2006

Sempre Forges


Esta viñeta do xenial Forges consérvoa dende a súa publicación no ano 98. Naquel momento unha irregularidade na selección de persoal da Diputación de Ourense motivou esta viñeta. Hoxe sigue plenamente vixente a xulgar porla continudade das irregularidades que se detectan nestes recunchos da administración local no noso país. Esperemos que cando rematen coa Operación Malaia empezen a limpar o resto dos centos de concellos que agochan estas prácticas clientelares e a corrupción política que tanto nos avergoñan.
Adícolle esta entrada ao amigo Rubén, un dos culpables da continuidade deste blog.