skip to main |
skip to sidebar
A lectura non sempre é só un pracer. Nin a escritura. Moitas veces, coma no caso do Libro da filla, de Inma López Silva, é tamén un compromiso ético. Ocorre con novelas como 2666 de Bolaño. Son relatos sobre un tipo específico de mal, o exercido contra a muller. Lembrei a Bolaño porque atopei na escrita de Inma certa lembranza a aquel rexistro pericial-literario que nos mergullaba nunha lectura que obriga e ollar de frente os excesos de violencia cuxa existencia adoitamos rexeitar, ou cando menos esquivar de xeito cotián. Cicais porque a violencia específica contra a muller, sexan feminicidion case institucionalizados coma o de Ciudade Juárez, entre tantos, ou as violacións de nenas polos seus pais ou familiares, son temas dos que todavía non se pode falar moi alto. O feito de que sexa o amor o tema de fondo sobre o que se artella a desgraza do Libro da filla, fai moito máis arrepiante o encontro co mal. Ademais, o mal extremo atorde. Hannah Arendt, que afondou no tema en milleiros de páxinas, falou da banalidade do mal a xeito de explicación de feitos tan absolutamente dolorosos como o exterminio masivo nos campos de concentraicón. Non atopo moita diferencia entre os procesos históricos de aniquilación case industrializada de determinados grupos de persoas pola súa pertenza a un determinado grupo relixioso, político, étnico ou cultural, cos fenónemos diversos de violencia contra a muller. Non penso que Arendt se referise co concepto de banalización ao carácter do mal como cousa común, pero o certo é que eses fenómenos teñen ese carácter de vulgares, insustanciais e ordinarios. Consideralos feitos como extraordinarios significaría arroupalos cunha certa auréola de admiración ou, cando menos, como algo moi esporádico e irremediable contra o que nada se pode facer. Coma se se tratrase dun furacán ou do impacto dun meteorito. É evidente que dende esa posición desartéllase toda posibilidade de loita de rehabilitación social. Considerar como algo extraordinario os asasinatos de mulleres ou as violacións de nenas dentro do ámbito familiar convida a aceptar de xeito pasivo un feito contra o que nada se pode facer porque forma parte da idiosincrasia do home. Bolaño, Arendt, Inma, e tantas outras, contribúen a erguer o veo protector que agocha ao mal para deixar ao descuberto a súa desacougante ordinariez. Dende a ficción, os extensos parágrafos de informes periciais de 2666 de Bolaño, ou a pormenorizada análise e comportamento emocional dos personaxes do Libro da filla, de Inma, actúan de xeito completamente equivalente á argumentación do ensaio de Arendt. Escoitar a indiferencia e frialdade das respostas de Eichmann ao xuiz (hai documentaión audiovisual) alegando coa cortesía e amabilidade dun velliño indefenso que el o único que fixera fora levar os trens ao seu destino, causa a mesma parálise e estupor no lector como a rutina e vulgar descripción das esceas do crimen de Bolaño ou o devir cara comportamentos totalmente abxectos dos personaxes emocionalmente sanos, polo menos en apariencia, e de moral irreprochábel do Libro da filla de Inma. Unha novela valente que nos enfronta de xeito moi eficaz non só á posibilidade de formar parte deses individuos que cometen actos horrendos, senón de coadxuvar no mantemento dos mesmos se os seguimos ollando como cousa extraña a nós mesmos.