miércoles, diciembre 22, 2010

Tempo suspenso

...xa, xa sei que isto non é o twitter nin o feisbú pero é que teño que sairme da personaxe [si, o horario de nadal e de nove a sete] porque a mañá foi de forges colegas [si, si, ininterrumpido..de nove a sete, só pechamos os festivos] xa dende primeira hora. Primeiro foi a musaraña que non era tal a que alegrou un chisco esta cinsenta mañá fría e de choiva continua [biblioteca bos dias, non, non vou poder, estou soa esta mañá, grazas de todos xeitos]. Pensamos que podía ser o tal Firmín pero o becho, moi ben informado dos seus dereitos e sabedor do perigo de extinción que ameaza á súa liñaxe renunciou a amosar a súa carta de identificación, [¿Zhan Peilin? ok, e cal é o nome, Peilin como a Sara Peilin? do you understand me...ben, si, de acordo Zanpeilin entón] aínda que nos amosou gustosamente un fermoso expediente de limpeza de sangue que confirmaba a súa pertenza á noble caste das ratas de biblioteca Falou do compromiso da universidade coa sociedade en xeral e cos roedores en particular e cuspía de carraxe por mor da desa moda estúpida da tinta electrónica que ía rematar por dexenerar a súa especie. [oes que non me prestaches o libro ese de Eça de Queiroz, cal, O Mandarin, xuraría que si, a ver, ahhh, perdoa, presteillo a outra persoa que acaba de vir hai un pouco, cruce de fíos, síntoo, xa está arranxado, nada oh, veña, feliz nadal] Ata abriu a boca para amosarnos unhas deformidades na súa dentamia que presentaba un aspecto como de porto uesebé que os tiña moi moi mosqueados a todos. En fin, non me resignei a cumprir o procedemento de calidade relativo a este tipo de incidencias e no canto de poñer unha mensaxe na intranet fixen o de toda a vida, chamar polo conserxe. Non sei como rematou a cousa, pero para tranquilidade do respetable direivos que aquí non houbo sangue nin berros e ninguén subido nas mesas. Podo dar fe de que o atípico usuario non sufriu maltrato físico. Agora ben, do psicolóxico non podo falar, a saber o tempo que levaba xa papando todorovs e barthes o pobriño [¿de Emerson? ¿que Emerson? ¿Lake and Palmer? xa, que non lembras o apelido, vale, procura entón por "palabra clave" a ver].

lunes, diciembre 20, 2010

Por bruxerías

entran catro músicos mentres soa unha música intemporal e colócanse dous a dous nos extremos do escenario. Dende a primeira fila disfrutarei dun plano en contrapicado que favorecerá a catarse desta sesión de bruxería á que veño coa fe da máis crédula. Non teño un punto de vista óptimo e non distingo o debuxo do mapa por onde pasea o exégeta, xoglar, bruxo, alquimista e actor. O foco central ilumina á unica figura que vai ocupar espazo e tempo. O actor tuse. Carraspea. Traga. Comeza cos seus movementos ensaiados coma se quecese a musculatura e fala con certa dificultade. Ou parécemo a min. Cando se achega ao bordo do escenario eu afúndome un pouco na butaca. Aínda non entrei en acción e non levo ben que me ollen dende arriba. Comeza o espectáculo do verbo. De vagar vou entrando en calor a medida que desboto preocupacións externas á función. O bruxo sáese do personaxe do evanxelista misterioso ao comprobar os efectos do verbo nun público xa entregado sen remisión. Todos somos agora eivados, mortos dispostos a resucitar, samaritanas exuberantes, cegos, profetas, xudíos, fariseos, soldados e sacerdotes. O poder e a maxia da verba que engaiola e engana. E entón o bruxo, de cando en vez, para, non para coller folgos, senon para facerche unha chiscadela que non está ensaiada. Gustoume participar nesta romaría.

jueves, diciembre 16, 2010

Lecer moche.

Vaso representando un preso, cerámica modelada e pintada.
Ethnologisches Museum, Staatliche Museeen zu Berlin. (300-600)

E moi curioso como se constrúe a historia. O de reconstruir sempre foi unha figura literaria, moi exitosa, iso si, aplicada a esta ingrata tarefa de querer saber o que pasou. Non se poden reconstruir feitos pasados coma se fosen acueductos. Independientemente de escolas e metodoloxías, as ferramentas das que botaron man os creadores do pasado case sempre foron materiais textuais. O que "está escrito" sempre gozou dun privilexio excesivo. O manido "deamo por escrito" dá conta da actualidade desta idolatría. Pero por escrito mentimos máis que do falamos e mentimos con toda a rigorosidade e autoridade que otorgan as máis fermosas fórmulas de validación documental. As lecturas e ópticas dende as que se poden ler as crónicas son tantas coma se queira pero do que ninguén debería dudar e da súa impertinencia na hora de empregalas para esa (re) creación. Non é o mesmo dicir que morreron nove que vinte millóns de indios por mor da crueldade dos conquistadores. Por exemplo. Como tampouco e o mesmo dicir que tal feito tivo lugar na segunda metade de ou contra mediados do dígase tercio, século ou milenio. Un recoñecido profesor que lembramos onte non permitía cronoloxías cun índice de erro de máis de dous anos. Así que cando leo tantas e deliciosas crónicas, que son tan boas para o lecer do espíritu sinto unha profunda desazón ao velas nos pes de páxina de tantos tratados como hai de historias universais. Desas precisamente das que gosta tanto don Rafael. Pero eu ía falar desta peza fermosísima que vos presento. Canta máis información hai no deliberado ¿no si? quen dubida do medo ollando a sinxeleza desta representación. A perfección da obra de arte, se existe, atópase nestas singulares pezas onde non se quixo máis que deixar constancia da irrefrenable propensión ao castigo. Emocióname esta peza, moito máis que as terroríficas máscaras de deuses antropófagos que fixerons mans da mesma tribo, do mesmo pobo. A fraxilidade do material contrasta cun acabado perfecto no equilibrio de formas, simetrias e volumes. Cando canso de tanto conto de Gamboas, Acostas, Freis Toribios, de las Casas, Sahagunes, Oviedos, Alvarado...ollo esta peza e sinto unha profunda sensación de ¿benestar?

martes, diciembre 14, 2010

[et.al]

Forges hoxe
e para comisións adhoc, e para xs que cantaron para facer currículum, e para xs que preguntan o que non saben, e para xs que teñen carné de tribuno vitalicio, e para xs que adoran a nosa señora da calidade e non saben facer unha o cun canuto, para xs fichas que só fichan no bar onde soan o nariz coa mordida de novos convenios, para xs que se autocompulsan e autororrixen, para xs que elixen aos que xs teñen que elixir perpetuando un cursus honorum de seu e de noso que celebramos na praza publica ao son de cincocentas gaitas, mentres os bos e xenerosos marchan un a un en vos de baixo custo para volver só polo nadal, para xs que non precisan saber cantonés, e para os que teñen a sorte de ter por pariente aos curacas da deputación ourensá, en fin, para todos os baltares e vilas e carides e betanzos e garcías e formosos...[et.al.]
Grazas A., para ti unha lembranza do xenio

...este vals con la boca cerrada...
...porque te quiero te quiero amor mio...
gracias por existir E.M.

domingo, diciembre 12, 2010

fossilize

Entre a terra e o corpo hai moreas de extrañísimos seres vivos que combaten por unha fenda que lles permita abrollar e continuar o seu inconsciente ciclo autófago. Non sabe se foi algunha vez consciente da gozosa anmesia coa que sufre esta metabolización deliberada. Tampouco sabe se é a vontade ou un sentimento deficientemente fosilizado o que a obriga a transcribir para ninguén un lapso no que se volve sedimento. Se houbera algúen para preguntar non sabería dicirlle se é especie, xénero ou materia. Cre mais ben que forma parte da inconmensurabilidade, pero cicais esas formigas que entran e saen non o entendan. Diralles entón que é linguaxe, ou soño, para que poidan sintetizar a súa antimateria nos livinglabs ultrasegredos dun futuro proxecto participativo a tope no que deixarán as mesmas pegadas no baleiro que os seus ancestros.
Un bico Flo

viernes, diciembre 10, 2010

Portrecista


Imaxe tomada da páxina do documental

Wilhelm Brasse, un ex-prisioneiro de Auschwitz-Birkenau, fotógrafo, sobreviviu ao horror porque foi obrigado a documentar o que se facía alí dentro e salvalo do lume só por uns segundos no momento da chegada dos rusos. Sempre son estremecedoras ata a náusea estas historias pero quedóuseme na retina e no estómago a foto destas catro nenas as que W.B. tiña que retratar espidas antes de pasar polas mans de Mengele. Tiñan vergonza, cóntanos o retratista, claro, porque non é nada normal ter que estar espidos xunto con outra persoa para que te retraten, tiñan tanto medo ata de min [...] deilles un anaco de pan que gardaba para estas ocasións...Seica W.B., unha vez liberado, non foi quen de volver coller unha cámara. Conta outras historias, todas cun irremediable final tráxico mais que non son quen de agochar a beleza que se atopa ata no peor dos infernos. Como esta nena que aínda conservaba a saúde precisa para quedar así de guapa para a historia. Ollen a terceira fotografía e díganme se non é unha preciosidade esta pequena. E logo estaban aquelas flores que un día prantara sen moitas esperanzas naquel bulleiro. Mandáronlle facer miles de copias para facer as postais que enviaban os oficiais dende o campo. Trátase dun traballo de gran calidade, unha montaxe exemplar da que destaco a calidade musical que engade a compositora Agata Steczkowska. De novo, grazas Asia, pola túa visita e por este agasallo tan especial.

jueves, diciembre 09, 2010

de embaixadores, cables e boitres carroñeiros...

Os embaixadores, Hans Holbein [tomada de elmatenavegante]
Turrando do cable WikiLeaks, no post anterior acabei falando dun feito lutuoso de corrupción a pequena escala que ilustra dun xeito moito máis comprensible para os (ana)lóxicos habitantes do planeta terra que aínda non afogamos de todo no plasma do paradiso virtual globalizado que a xeito de grande país de nunca xamais acolle a todos os senpapeis do mundo sen discriminación de ningún tipo (das subordinacións pedide contas a don Rafael). Total, para ser carburante deste trebello que ten embobado a tontxs e listxs é mellor ser pedestre que presumir de curriculum. Dicía que aquel caso de corrupción en proceso selectivo no que o tribunal deixara na caixa do expediente as notas onde tentara casar as puntuacións axeitadamente para arreglarlle a praza a fulanito lembrabame ao asunto WikiLeaks. Precisamente ese feito de deixar con toda normalidade a proba do delito no lugar do crime é o que me fai pensar nesto que podía chamarse o grao cero da corrupción que xa non é tal. E o berce doutro modus operandi. Aquel no que o agresor, o asasino, o falcatruán, o banqueiro, o corrupto, o timador, o hacker, e non quero pensar no violador e maltratador de oficio, xa non son os malos da película, nin moito menos. Tampouco os heroes, e non por falta de ganas, senón por pura necesidade de sobrevivencia. Converterse en heroes implicaría afogar a milleiros de...chamémoslles "fulanitos"...que xa tomaron posesión coma eses pobres gatiños que a xente afoga con compaixón por falta de recursos. Non, non son heroes, pretenden ser algo máis diabólico xente normal coa que non só temos que convivir senón aos que seica deberíamos imitar para acadar o éxito ao que este novo paradigma de nonvivir nos obriga. Ben, todo entendido ¿non si? (falo comigo, conste). Seguimos co de WikiLeaks, entón. Axs verdadeiramente normais malgré tout, a costa iso si de quedar casi asocializados de motu proprio, non se nos escapa o cheiro a lume de carozo e seguimos co dedo no nariz. Nun contexto de cidadáns tan apocados que non son quen de acceder á información máis vital, literalmente, para eles, como a súa historia clínica, resúltame enormemente inxusto, ademais de ridículo, claro, falar de censura ou de liberdade absoluta, referíndonos a estados e wikiLeaks, respectivamente ou non. O asunto dos cables, na súa aparente complexidade, agocha verdades tan simples coma vergoñentas. Esoutro día nun dos innumerables debates ad hoc, eran os xefes dos principais periódicos do pais -os que non tiñan dereito a cacho, claro, dos cables- os que daban a pista de por onde ía a cousa. Falaban dos chismes como dunha tallada da que todos darían boa conta, así, con esas verbas. Pedestre, o que eu dicía. Entre eles, e aparte, cun discurso ben distinto e tendo tema de que falar, o irmar de José Couso chantábanos cada pouco os pes na terra. Pero os directores dos media seguían a babear a pantalla completa co asunto e a loubar a sorte de El País mentras o representante deste medio tentaba non pavonearse demasiado nun plató cheíño ata arriba de boitres mediáticos. Tiven a medida xusta nese intre da importancia dos supostos segredos oficiais. De socato lembrei as Gripes-As e aquela mañá na que o meu veciño do quinto veu preguntarme cheo de medo que a cantos quilómetros de Vigo quedaba aquel sitio de O Grove onde viñan tantas aves....
(tobecontinued que agora teño que atender o xantar)

viernes, diciembre 03, 2010

Tafures de taberna

O tafur, Hans Holbein, 1578 (tomado de Linea Serpentinata)
Cando pedín o expediente relativo ao concurso de méritos, o primeiro que saiu daquela caixa de cartón foron unhas notas manuscritas en follas arrincadas dun caderno no que aparecían os catro nomes dxs candidatxs nas filas dunha táboa deseñada indecentemente que incluía as diversas puntuacións "ensaiadas" coas súas respectivas sumas. Abondaba unha simple ollada e non moito olfato para detectar a suciedade da operación que se agochaba naqueles cálculos tan inocentes como as contas que a miña filla traía do colexio as tardes daquel ano. De socato deixaba de ter importancia o feito que de puntuase tanto ter sido cantante nun coro había vinte anos para acceder á praza de técnico. Non importaba tampouco que tivesen puntuado aquela serie multicopiada de certificados de asistencia a unhas xornadas de historia local expedidos pola mesma persoa e no mesmo día, a xulgar pola exactitude do papel empregado ao efecto. O mais humillante foi recoller do chan aquelas follas sucias e garabateadas, e pensar na naturalidade coa que a soberana comisión as deixara tranquilamente sobre a mesa logo de remataren a xuntanza para arranxar a praza de Fulanito. Uns anos despois, con todos os puntos acumulados como cantante maior do reino e con só uns ensaios previos para arrincarlle aos castrati o segredo que celosamente reservaban para a actuación final, a cousa estaba feita. Pasaron outro par de anos e a amargura de que alguén lle lembre de cando en vez que nunca tivo voz nin para tararear o miudiño preceptivo de cada troula no tabernáculo dos amigotes resucita a súa maldita úlcera....

¿será posible? quería escribir sobre wikileaks e perdín o cabo...seguiremos turrando do cable...
Proximamente: Os Embaixadores, tamén de Hans Holbein.

miércoles, diciembre 01, 2010

happy birthay Woody!


Prezado Xan, que saibas que toda a culpa é tua
Para compensar a ingratísima lectura da subordinación ferlosiana [vaaaaaaale teño os dedos cruzados] e da que non vou dar conta aquí, de momento, por mor dunha repentina caída no meu nivel de autoestima, cicais provocado por esa insubordinacion excesiva e tan, tan, grata [descrucei os dedos] da que ben se ve, ou mellor dito, ben se le, as pegadas que deixa na miña xa deficiente capacidade discursiva, ben, si, dicía naquela cursiva inicial (os adictos a don rafael entenderán) que para compensar impredecibeis consecuencias do mergullamento ferlosiano (xastá, xamengachei e xanonvoupoderparar) pooooooooooois que botei man de woody, concretamente desta destenillante anniehall coa que aproveito para felicitar ao cultureta máis encantador do celuloide...eso si woody, non te tires que seguro a primeira rosca a papaches o primeiro día que asinaches autógrafos. Podo ver a escea da cola do cine cincocentas veces e seguirei escachando coa risa e...agora que lembro....cando di seguramente se conocieron por un anuncio en alguna revista para intelectuales...academico de treinta años desea conocer a mujer interesada en James Joyce, Mozart y sodomía...como me lembra a un anuncio que vin hai tempo en ANT [r.i.p.]. ¿atoparía aquel home á muller nacionalista interesada nos problemas de galicia?...vaino ter woody máis doado ...mmmm....mozart, joyce e sodomía combinan moito mellor. Ahhhh...o que daríamos tantas veces por un orinal ben cheíño ¿non si? [no no digo euuuuuuuuu que é do Alvin Singer]