sábado, marzo 21, 2015
A busca da orixe perdida das especies, Cristina Pavón
Dende que tiven o privilexio de ler o manuscrito da súa primeira e grandísima novela, Limiar de Conciencia, e malia a mala conciencia (neste caso a miña) de non ser quen de defender a capa e espada aquel texto para que fora o xusto gañador do Premio Xerais daquel ano, síntome en débeda con Cristina. Pero o meu desacougo durou o pouco tempo que pasou dende que a autora comezou a ser premiada. Ao Premio "Modesto Rodríguez Figueiredo" pola súa obra "Cara a Tiananmen Square", engádese agora o recente Premio Carvalho Calero de Narración por este conxunto de relatos de título tan fermosamente evocador. Eu, de Cristina destacaría o seu degoiro polo coñecemento. A súa curiosidade por atopar a cerna das cuestións fundamentais. As que atinxen ás dúbidas máis transcendentes, que son tamén as que nos plantexamos na máis tenra infancia e que a pesar de todo o que levamos lido e reflexionado non damos resolto con toda a madurez que se supón que unha acada coa idade adulta. Cicais o máis precioso que atopo na súa escrita é precisamente a imposibilidade de acadar certezas nunha idade adulta que inxustificadamente privilexiamos fronte a aquela inocencia involuntaria coa que albiscabamos o mundo na infancia. Por iso a recuperación daquel paradiso perdido é a angueira á que se sacrifica a poesía, esa arqueoloxía sentimental na que procuramos reter, non un tempo pasado que polo simple feito de selo tivese que ser mellor, senón as primeiras impresións que o mundo exterior estampara na nosa conciencia. Aquel bruído, caloriña, insatisfacción ou incertidume sen adobiar por negociación ningunha con unha mesma, porque non tiñamos todavía a sensación de ter que defendérmonos de un mundo exterior nocivo e malvado que logo aprendemos que está aí para conspirar contra nós. O devezo de Cristina por reencontrarse con aquel eu inocente e puro materialízase en textos profundos e sinceiros que debuxan paisaxes das que tamén nós formamos parte. Recoñecerémonos nos intres recuperados por Cristina, fomos a súa irmá afouta, fomos a súa compañeira de cuarto curso da EXB, tamén fomos a meniña que sentou no valado, afastada dos compañeiro de colexio, porque quería facerse preguntas ela soíña. E somos tamén eses adultos despistados que procuramos respostas en máquinas do tempo de feiras e tamén en pílulas que prometen un pouco de calma neste caos de incertidume. Confiamos na ciencia e nos achados de xentes que pasaron a vida resolvendo unha fórmula matemática, pero prestamos tamén toda a atención ás estratexias coas que resolven a vida o común dos mortais, porque a sabedoría pode que sexa unha especie de equilibrio entre o desexo e a necesidade de insatisfacción. A Cristina preocúpalle a memoria, diríase que mesmo a obsesiona o perigo a perder esa especie de aleph que temos ao noso dispor para turrar de solucións xa probadas. É o medo á perder seguridade, esa que non precisabamos na infancia, cando a improvisación era a felicidade. Cicais non tiñamos que porfiar tantísimo en dominar o tempo, deterse fronte ao cabalo e abrazalo coma fixo aquel tolo marabilloso ¿non si?
lunes, marzo 09, 2015
Timbuktú
A violencia sempre é noxenta, pero fáiseme moito máis insoportable cando hai que tragar con ela por ser unha parte seica conxénita do ser humano. A imposibilidade de arredarse dunha mesma para analizar obxectivamente as demoledoras consecuencias do noso ser cicais sexa menos difícil cando temos ocasión de enfrontarnos a documentais como Timbuktú. Custa pouco empatizar con vítimas de alieníxenas que veñen a acabar con nós, pero entender as razóns da autodestrucción do xénero humano resúltame case imposible. Deberiamos desconfiar, cando menos de calquera relixión ou ideoloxía que nos dé seguridade. Porque a seguridade é o berce da disputa. Os que non comparten as nosas ideas pasan a ser enimigos irreconciliables. A partires de aí pouco camiño queda para coller pedras ou deseñar sofisticadas armas de destrucción. Por iso penso que o mellor é instalarse na dúbida permanente. Na incómoda pero inocua salubridade da inseguridade eterna. Se hai un deus que nos xulgue que o faga no máis aló, onde cicais non haxa sangue nin odio. Timbuktú resulta demoledora para o espíritu porque preséntanos unha paisaxe dunha beleza inaudita como contexto dunha estarrecedora realidade de vulgar violencia. A historia amósanos exemplos de que as maiores atrocidades contra nós mesmos ocorren en xeografías e tempos de desenvolvemento cultural. Non temos escusas. Occidente, o fachendoso niño das máis fermosas conquistas é quen de exportar telefonía móbil aos países menos desenvolvidos, mais non é quen de contaxiar unha miga de principio ningún de organización social pacífica. A talibanización non é cousa do outro, é a consecuencia da apatía na que durme o que ten as súas necesidades vitais ben resoltas. O fundamentalismo non é un xeito de pensar, é tan só un xeito de aniquilar ao que non pensa coma min. Unha das esceas máis belas de Timbuktú amosa unha moza interpretando unha fermosísima canción do seu país. Noutra unha peixeira local arríscase a unha pena maior por rexeitar unhas luvas para cubrir as mans. A afouteza das mulleres que se resisten á ignonimia é a única esperanza para unha comunidade ameazada de morte pola brutalidade dunha tradición roubada e traizoada. Timbuktú fíxome ben malia todas as bágoas coas que non disimulei a miña impotente empatía coa razón.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)