viernes, enero 30, 2009

Cordovani

A primeira vez que vin a Cordovani era unha estatua. De Ollares de Perfil lembro un Cordovani vertical de ollar petrificado e vivísimo que escorrentaba os máis experimentados snobs daquel Santiago que xa ía para metrosexual. O seu Arte Livre leva en Vigo unha chea de anos, xa é unha marca desta cidade. Aquela Compostela iniciática lembrámola moitxs de nós poboada por seres deliciosamente excéntricos. T. lembra un Cordovani de longa e roxa melena tinguindo as rúas do fanco coas cores dunha modernidade exótica que abraiaban a novxs e mozxs. Moitxs poden contar as súas primeiras experiencias teatrais ao seu carón. ¡cantas cousas me perdín entón por non saber procurar! O pasado sábado liquidei unha pequena conta que tiña pendente con aquel tempo e fun ver ao Cordovani extenuante e transformista que é quen de paralizar o tempo. A experiencia deste Dr. Jekyll e Mr. Hyde foi intensa. Cordovani Jekyll, Cordovani travesti, Cordovani Hyde, Cordovani criada, Cordovani Dr.Lanyon, Cordovani Utterson...nun clásico ao que incorpora o seu sinal e o seu mensaxe. Nun momento da obra Cordovani sae das táboas e cun discurso apaixoado lémbranos cousas da vida. T. asegura que estas digresións, incómodas para algúns de nós, son tamén un distintivo seu. Vídeo, son, unha iluminación axeitadísima e vestiario e trucos de escenografía aparentemente complexos cumplen cun traballo dignísimo que dan por ben empregados os cartos que custou o espectáculo. ¡pasen e vexan!

No hay comentarios: