martes, enero 20, 2009

A arte mata...

Podería ser un tratamento da nosa Doutora Seymour contra onfaloscopias persistentes ou contra a Síndrome de Abstinencia Blógica que anda a facer estragos nos 2.0dependentes. As cápsulas da imaxe son parte dunha ¿peza? ¿obra de arte? ¿instalación? do 7+1 Project Rooms programada no Marco. Vou facer un esforzo e non falar do ausencia de discurso na arte de hoxendía. E enriba, o baleiro é precisamente o demiurgo mesiánico que está expertizando os refugallos dunha arte demasiado comprometida que xa non interesa a ninguén. Por moitos Marcel Duchamp Prize e Joseph Beuys Prize que acaden estas "pezas" non me convencen, en absoluto. Agradezo ao Marco, eso sí, ternos ao día nas derradeiras tendencias, que nos gusten ou non xa é outro tema. Por moitos fragmentos de Bataille e Spinoza que pretenda adorar o artista. Aínda concedendo toda a nobleza aos materiais máis pobres. Con cartón, papel transparente e cinta adhesiva tamén se pode crear beleza, certo, pero xa pasou o momento. Que che digan que é Arte Povera. Que as obras do artista enchen salas da Kunstalle e do Centro George Pompidou. Ti sabes que baixo o paraugas totalizador das etiquetas, escolas e estilos hai sempre grandes imposturas para que uns cantos listos se forren mentres ollan moreas de catetos co nariz pegado no cristal de calquera expositor. Pero eu ía falarvos de libros, que despois de todo, é o (pre)texto deste caderno. A miña derradeira descuberta narrativa, ven de Italia. Tonino Benacquista, do que prometo falar abondo, fai unha novela negrísima e deliciosa. Tres cuadrados rojos sobre fondo negro é unha gorentosa e truculenta historia na que conflúen asasinos, marchantes, artistas, gardas de museos e xogadores de billar no que tan pronto nos atopamos seguindo a pegada do asasino como cuestionándonos a idea da beleza ou a arbitrariedade no uso dunha cor. Ollo, que nesta novela a arte mata. A arte, como diría T.Moure, é política. Velaí os xigantes baleiros do efecto Guggenhein que o noso goberno importou con tódalas consecuencias. De coñecer a historia do noso Gaiás, Benacquista non ambientaría a súa historia en París. A arte contemporánea mudou completamente de linguaxe, ¿a quen lle importa o que é o índigo, a cera fría, a punta seca ou o estofado? A neolingua do capital abonda para entendérmonos. Cotización, subasta, valores en alza, falsificación, exportación, expolio...unha pasta de primeira para o xénero negro. A impostura que a cotío inspira a curadores, artistas, galeristas, críticos, revistas especializadas, directores de museos e a todo o que toca a creación artística máis moderna foi xa tema daquela Cabeza de plástico de Vidal Folch. O tema do "todo vale" trócase nun problema a vida ou morte entre aquel todopoderoso director de museo Cees Wagner e o artista-provocador Kasperle. Dúas boas lecturas para decatármonos do que verdadeiramente debería aparecer nos catálogos das exposicións.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

hola ana!

te quería devolver el saludo y decirte que me encanta cómo te ha quedado la cabecera!


un abrazo,

Anónimo dijo...

Vin en directo esas pílulas, e a verdade é que aparte dun sorriso cómplice, a obra en si pareceume recargada de máis para transmitir a mensaxe estarrecedora e de concienciación que pretendía, desordenada sen talento, e sen ese punto inquietante cheo de malas intencións enfiadas con sutileza e intelixencia que, como dicía Oscar Wilde (coido), diferencian o común da arte verdadeira.
Tamén teño que dicirlle que aínda que na consulta na que habitamos a miña paciente e máis eu a arte a deixamos para os artistas(en maiúscula) que de cando en vez traemos e citamos alí, e que aínda que, ¡ por tódolos deuses! (hehehe) nada máis lonxe da nosa intención que caer en algo artístico, aínda así, e como prevención, fixen penitencia e me deixei meter nunha cela experimental polo carcereiro do MARCO. Tocoume cumprir a pena lendo a Tomás Moro. Utopía…

Grazas polo agasallo, Ana Bande, sempre que paso por aquí me levo algún. Libros, a moreas.

Unha aperta.