martes, mayo 05, 2009

falamos

falamos de atravesar fronteiras e quebrantar arrogancias milenarias que enferruxaron sentidos con sentenzas de viño acedo, porfiamos polo colapso dun tempo antolladizo que non entende de necesidades básicas, procuramos escusas para disimular esa nosa teima de espreitar na vida, arrincamos rigorosamente tódalas letras que nos tatuaron coa violencia dos rituais, saímos ao centro do campo de batalla coa afouteza dos nihilistas máis puros e devecemos polo recoñecemento da nosa covardía, rexeitamos a loita porque xa o dixen, somos covardes e non renunciamos ao lecer do cotián, e trabucámonos decote en cada promesa que sela unha renuncia, seguimos sen aturar os espellos malia o que aforraríamos en fármacos e diletantes especialistas do baleiro, e somos tan deliciosamente inocentes...

2 comentarios:

setesoles dijo...

É que ... ;))

Se cadra podiamos botarnos ao centro do campo de batalla e mesmo bater no inimigo, se damos del, porque quen sabe onde raio se mete o inimigo. Vende Citroens, edita La Voz, financia a extrema-unción... ou anda no Feisbú, vai na misa, xa non sae da casa, fai textos literarios, vende cebolas, compra trebellos de fitnesssss, manda aos críos á catequese...

Maxina que logo de telo tumbado ven todo ese monte de merda acugulada, que dí o Ferreiro por aí enriba, e se bota enriba de nós, e protestan porque eles querían máis merda.
Non sei se non será millor a realidade virtual...
Esto é un esbardallar por esbardallar. Tes razón. Somos noxentamente inocentes.

Un pracer lerte.

Ana Bande dijo...

Grazas setesoles, meterte nesta maraña de post e seres que de atopar un fío anímame a seguir disfrutando deste meu camiño cara ningures. ¡bicazo!