lunes, enero 24, 2011

malditas yndias (...)

Diríase que a este antiquísimo habitante Paraca sorprendeulle a morte ollando o futuro que lle agardaba a seu pobo. A extirpación das pegadas culturais, afortunadamente, nunca é perfecta e hai individuos que se resisten a voltar a ser po. Diríase tamén que me persegue o feitizo das yndias equivocadas e malditas. De tantas e absurdas mentiras como se escribiron durante cincocentos anos -centenarios conmemorativos e historiadores honoris causa inc.-chama a atención a forza da resistencia das mentiras. O desprezo cara estas latitudes maniféstase nunha abraiante carencia de estudos serios e desmitificadores. Son tantas as mentiras que se foron amoreando en crónicas, libros e mesmo en documentos de arquivo durante estes cincocentos anos que precisaríanse milenios para aclarar un pouco a vista. Esoutro día falando co propietario dunha desas curiosas tendas fillas da globalización que o mesmo teñen actimeles que xaropes de guanábana (ollo, esta froita din que é dezmil veces máis efectiva que a quimioterapia), disfrutei coa paixón con que X. falaba do seu Pirú. Cando falou do malísimos que foran os incas, que ocultaban os segredos das prantas curativas, decateime da efectividade dos discursos tipo "extirpación de idolatrías". Non quixen interromper. Gustoume más deixar que o fixese un paciente cliente totalmente concienciado coa superioridade destoutra beira da charca. Escoitou pacientemente falar da realidade máxica que relataba X. Ollaba logo para nós procurando unha complicidade que non estaba de saldo e recoñecía a súa dificultade para crer. Porque diso se trataba, de crer. Coma sempre. Iso sabíano ben os frades conquistadores, tanto coma as multinacionais farmacéuticas que cicais cren nas propiedades dese xarope a andan fabricando imitacións de laboratorio mentres non dan coa fórmula para patentar árbores. Afortunadamente X. non pedía o sorriso, e cando xa marchábamos logo de pagar o danup e o mate amosounos unha preciosísima reproducción dun manto de Paracas. Non disimulei que sabía que se trataba do calendario incaico. Unha concepción espazo-temporal totalmente alucinante (para nós, claro) e pola que se rexían estas sociedades. Seica a polixinia na que se baseaba o sistema asustou aos puros e castos conquistadores que non deixaron terra sen remover na procura de ídolos que destruir. [foto].
lectura recomendada: El inca y sus curacas

No hay comentarios: