martes, enero 18, 2011

Pa Negre


Fun ver onte Pa Negre. Non ía convencida. A guerra, a posguerra, ese realismo brutal que se esbozaba no tráiler do filme, o descoñecemento de Agustí Villaronga. Parecíame máis do mesmo. Pero L. cando lle preguntei por Pa Negre fixo un aceno especial. ¿que tal esta peli? ¿gustouche? e asentiu cun sorriso de namorada, como se lle preguntase pola música brasileña ou polo Senegal, polas cousas que a emocionan. Así que tarde ou cedo vería a película. E menos mal. Porque estou segura de ter asistido e coñecido unha das historias máis consistentes e ben trabadas do noso cine. Decir que quedei atrapada dende a primeira escea é unha banalidade porque a primeira escea é a chave. Se traspasas esa porta podes participar na emoción brutal que se desprenden de todas as que a continúan. A violencia e a contorna lembran moito ao mellor do cine galego, o daqueles anos que fixo pensar no inicio dun cinema propio..Sempre Xonxa, Continental....a brutalidade do enxebre sometida á maxima potencia por mor da guerra e do odio que sementará para as futuras xeracións. Non hai bandos. Gustoume eso. Brutal. Non hai bos nin malos. Todos malos. Homes, mulleres, adultos, nenos, curas, laicos, mestres, alumnos, ricos, pobres, roxos, pardos, listos, burros....sen descanso, sen solución de continuidade, sin falsa compaixón. Un mundo fabricado con mentiras do que só se salva o neno protagonista ¿salvase? ¿seguro? Un traballo que hai que ver para sentir e crer porque algo así non se fixo nunca. Creo que onte recolleu nonseicantos premios esta película, non é de estrañar. Alguén dixo que traballar con Villaronga "é unha satisfacción alucinante porque se sofre moito, coma se un cirurxián te abrise para cambiarte algo por dentro", pois así é velo tamén.

2 comentarios:

detective crepuscular dijo...

Hai moitos anos, non sabería precisar cuantos, ía eu de paseo polo Montjuïc e perto de La Font del Gat vin que estaban rodando unha película. Pergunteille a un dos axudantes de que película se trataba e quen era o director e respondeume que TRAS EL CRISTAL de Villaronga. Unha película aquela un pouco "estraña" e "abafante". A multipremiada que comentas non a vin, pero despois do teu estupendo comentario é cuestión de días ou como moito de semanas. Fíxenme tan comodón que ir ao cine cústame tanto como ir á perruquería, e iso que para a desguedella que teño non tardan nen 10 minutos en deixarme listo.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Eu, como o grande amigo dc, a quen espero coñecer in person algún día, irei vela xa. A curtar a perrera esperarei tamén algo máis.