Este post adícollo a tódolos que falan por non estar calados. Vostede xa me entende. Hai pouco debatía eu cun convencido nacionalista sobre a situación e desleixo desta nosa cidade pero non hai nada que facer cando non se quere ver a realidade. Asegurábame este meu interlocutor que Vigo non tiña eiva algunha no tocante á infrarestrutura bibliotecaria. Lémbrame a un vello coñecido que, cando o do Prestige, e coas pernas totalmente enchoupadas no chapapote me dicía aquelo de "Petróleo, petróleo, yo no veo petróleo por ninguna parte, manía que le tienen a Rajoy". Semella unha viñeta do mestre ¿non si?
Que Vigo é unha cidade marxinada tamén no tocante a dotación bibliotecaria o saben ben tódolos estudantes que fan cola nas escasas salas de lectura de que dispoñen.
Méndez Ferrín o conta aquí con esa súa fantástica prosa coa que nos agasalla a diario. Pola contra, no Campus da Universidade hai espazo de sobra e as bibliotecas universitarias están moi ben dotadas de todo tipo de recursos (revistas, bases de datos, libros, etc.) e moitas veces infrautilizadas por mor da caída no número de alumnos.
P.D. Tardei tanto en publicar este post que xa saiu a segunda entrega do artigo de Méndez Ferrín mais o comentario sempre atinado de Brétemas. Boa fin de semana a todos.
5 comentarios:
Eu creo que mentres toda a sociedade, é dicir, os políticos que nos gobernan, non comprenda que a cultura é o noso motor e o noso futuro, non haberá mellores bibliotecas, porque son estas as que deberían procurar esa cultura que tanta falta nos fai. En vigo e en toda Galicia.
http://www.trafegandoronseis.blogspot.com/
Homem, nom sei como che anda o das bibliotecas aí em Vigo, mas é bastante freqüente, quando se fala com um político, que este che negue a evidência. Também havia umha concelheira na Corunha que dezia que o do tráfico nom era um problema na cidade
É obvio que o que vostede e Ferrín din é unha verdade coma un templo. Só un cenutrio se negaría a velo.
Agora ben, eu plantexo un paradoxo. De pouco vale ter magníficas infraestruturas bibliotecarias se despois hai unha infrautilización ou un uso non acaído das mesmas.
Vostede sabe ben, amiga Ana, que as bibliotecas universitarias adoitan usarse como lugar de estudo dos apuntamentos en época de exames por parte dos estudantes, pero non para a función para a que foron creadas: a consulta de obras.
Daquela, que fagan cómodos e confortables galpóns, abertos as vintecatro horas do día, para o estudo dos apuntamentos, pero sen ningún libro arredor. Aforraríanse os gastos que supón manter abertas tantas horas as enormes bibliotecas, cartos que poderían ser destinados á súa redimensionalización e á provisión de fondos.
Digo eu...
Ferrín, de todas formas, ten unha visión napoleónica (con perdón) da cultura. Non é nin boa nin mala, pero esa pretensión de crear museos nacionais (obviamente de Galicia) amosa unha concepción moi particular da cultura: centralizadora e creadora de identidade nacional. E non é paradoxo, porque o modelo francés de organización cultural (non territorial nin lingüística, tamén obviamente) sempre foi moi admirado por Ferrín e por moitos da súa xeración.
Engado: que curiosa a loubanza (por pequena que pareza) ao Estado español, con Molina á cabeza, e a diatriba contra a Xunta. Qué curiosa.
Ronsel,
Aos xestores da cousa pública (...) non lles interesa precisamente a cousa cultural, os votos non teñen moito que ver coa cultura...
Tangaranho,
Pois o mesmiño. En Vigo o tráfico, sa xabe, territorio comanche nada máis poñer unha roda na Praza de España...
Apicultor
Si, claro que o sei, e máis, pódolle dicir que ata teño que traballar ás veces na quenda de noite nunha biblioteca universitaria que abre só para os exames. Non se prestan libros, non se atenden dúbidas sobre recursos bibliográficos, non se fai nada relacionado coa miña profesión, só hai que vixiar que non metan bebidas na sala e non falen demasiado alto. Pois así é, efectivamente o que vostede di. Os rapaces precisan sitio para estudar ou o que sexa (xa me entende) e xa ve vostede, a universidade lles presta unha biblioteca da que non precisan nin libros nin bibliotecarios. Pero o tema non ía por aquí, eu falaba das necesidades dunha cidade de trescentos mil habitantes, aquí si que se precisan moitos máis medios, non só materiais. Hai centros cívicos en algún barrio tamén coa biblioteca totalmente esquecida e os libros arrombados contra a parece, ás veces ata sen lle quitar o plástico. É incrible, sin vixiancia nin nada e ninguén os rouba...lamentable.
Amigo Arumes
Os museos son os sucesores dos coleccionistas reais e privados, son un xeito totalmente artificioso de desenvolvemento cultural, as bibliotecas e museos, tamén poden ser un xeito de concibir a cultura dende presupostos centralizadores, pero unha cousa é o inexcusable deber de garantir para a conservación dos restos do pasado e outra empregar estes contenedores (por falar en neolengua) para crear a cultura que lle interese a algúns. E outros modelos como o tan loubado do Guggenhein son eso, xeitos de colonización cultural...as programacións veñen feitas dende USA. Eu aquí falaba de cousas máis sinxelas...bibliotecas, salas de lectura de barrios, que os nenos, estudantes, vellos, homes e mulleres ociosos e superestrasados, pais e nais e fillos e primos, poidan ir buscar un libro, unha peli, un xornal, ter unha mínima programación cultural con sinatura de libros por autores, ciclos de conferencias, actividades sobre temas de interés para tod@s os veciños...
Publicar un comentario