jueves, mayo 28, 2009

Para S (II)


Gústame ver a M. fronte ao espello, repasando xeometrías sempre inéditas, preparando a súa pel para outra reescritura que tampouco será a definitiva e facendolle chiscadellas a esa muller que conta o espello que...

Cada noite esperta enchoupada na suor, cos cabelos revoltos e coas sabas enguedelladas nas súas pernas, toda a paixón desbotada polo día, rexeitada pola perentoriedade da mera supervivencia, multiplícase nos seus soños. Érguese, olla cara min e xa non me fai acenos graciosos, ten olleiras e a cara descomposta pola anguria. Frega a cara coas mans e debúxolle unha espantosa aparición que rexeita baténdome fortísimo. Quizo esnaquizarme centos de veces pero centos de mañás aloumiño o seu rostro coa promesa dunha nova xeira. Eternamente bela M., bos días meu amor, abre a fiestra e deixate querer polo ar. E M. ofrécese ao tempo e á ausencia. Benquerida ausencia compartida. Sen verbas, baleira, sen promesas e sen adxectivos. Gústame ollala mentres pon as medias agardando a primeira conexión do día. Primeira verbas lixo, muxicas que en segundos serán folerpas cun clic nunha resposta automatizada. E agora paseniño, volve cara min e deixa os seus beizos no meu/seu rostro.

4 comentarios:

SurOeste dijo...

Fermoso texto. Canto terá esta Ana gardado no caixón dos soños!

Anónimo dijo...

Para meu gusto, mellor ainda ca I.

Larvós dijo...

Moi logrado o texto, aínda que no meu caso, e non sei se será cousa do meu PC, que anda últimamente retorno, non consigo ver a imaxe que o acompaña. Outro día volvo, a ver se así.

Saúdos.

susanamoo dijo...

Esperto enchoupada na suor, cos cabelos revoltos e coas sabas enguedelladas nas miñas pernas, toda a paixón desbotada polo día, rexeitada pola perentoriedade da mera supervivencia, multiplícase nos meus soños ... en forma de pesadelos primitivos que me levan a espertar chorando, porque hai que limpar, moito que limpar.