O convite na Pousada de Soutomaior non puido estar mellor aliñado. Agradecín a frescura con que nos acolle e pedra na primeira canícula do ano e o eterno sorriso de Fran. O padal xa debecía por un viño acorde coa solemnidade do acto e a temperatura ambiente, e malia todas as presentacións obrigadas, impúxose a lóxica da hora e sentamos pronto a xantar. Sorprendeume, coma sempre, atopar persoas que aseguran coñecerme por seguirme no bló. Ata que estas felices coincidencias ocorren sempre crin que as entradas que se rexistran nas estatísticas eran en realidade cronopios ou famas que se repartían polo mundo ao chou e dos que nunca sabería nada. Alégrome pois ter coñecido a unha seareira tan real como a profa, e ademais, sen dúbida algunha a raíña da nosa mesa. Ela foi a que nos sacou dunha interesante conversa sobre o tema común que nos enleaba a todxs para levarnos ao descoñecido. Coido que aínda non remataramos aquel exquisito polbo do introito cando a conversa xirou de repente e sen decatármonos cunha manobra que me deixou completamente fóra de xogo. Nestas ocasións adoito ollar disimuladamente ao resto dos comensais para ver se son a única que estou perdida e mesmo na procura dalgún comentario que me permita recuperar o fío. Houbo sorte, a rapaza loira fronte a min confirmoume tamén a súa posición fora do campo e só a gargallada de Manuel ollando o panorama deulle sentido a todo aquilo. De socato aí estabamos, falando de Bisbal, Bustamente e outras estrelas patrias como teloneiros da flamante Orquestra Panorama, aí estaba tamén polo medio da conversa o Holding de Espectáculos Lito e as súas rendibles operacións. E xa sen vergoña pido aclaración a miña compañeira-seareira sobre a existencia real de toda esa macroemporio orquesteiro galega que seica ten clubs de fans que xa quixera algunha peña futbolera. Para a miña tranquilidade, non foi cousa do Alvariño. A ollada discreta de Sonia confirma a existencia deste outro peregrinar alternativo na nosa terra e a importancia destas manifestacións festivo culturais no noso país. A espectacular e exótica ensalada con módena e vieira reclamou logo case toda a nosa atención pero coa tenrura da carne richada volvemos ao rego festivo e deixamos nas mans do boss de todo aquilo a responsabilidade da pitada final de partido.
Un saúdo a César, Paz, Belén, Pilar, Fran, Manuel, Bieito, Celia....
4 comentarios:
U-la Panorama esta fin de semana?
Que saiba que siareiros seus, sómoslle tamén festeiros, e tamén olladores das outras sonadas da dura competensia, París, Olimpus, Philadelphia...
Ah, e tamén a de Dacowich.Unha indiscrea, a Profa é unha encarramanada súa que tamén anda no Feis ?.
Touna eu vendo de resaca, contra o cancro, en diferido, na Galega...
Publicar un comentario