A ansiedade turra da miña vontade contra a noitiña, teño que liscar mercar a miña dose como calquera ionqui, por iso non me mete medo a sinistra ruela que me leva cara a máquina expendedora, e non me sinto estraña a carón dos afiliados á última hora. Facianas talladas polo hábito de enviar vascas sen mastigar cando cada minuto deixa a súa coitelada nun corpo cicais demasiado limitado para tanta violencia laboral. Facianas que adoitan conxelarse nun sorriso tan sinceiro como as incongruencias que provoca unha chea por noite. Os corpos non aguantan. Os deles, os que están no bar, á vista está que non. As moedas caen na máquina coa indiscreción das olladas dos subalternos da noite. Sempre o mesmo ritual. Logo cúspeme os cartos á cara, gústalle que lle entren a modiño, quere verme humillada cada día recoñecéndolle meu vicio ben clariño. Agora toca o máis atrevido. Devolver un sorriso a cada un destes atlantes que non terman de si. Ese momento no que a camareira mais eu facémonos chiscadelas de solidariedade nas que nos contamos unhas cantas historias. Onte, as dúas deixamos que Mohamed nos amosase a súa mercadoría e nos falase dos seus pequenos aos que con sorte verá nun ou dous anos. Cantas pulseiras non terá que vender para liscar da súa aldea e volver coas mans baleiras. Desubicados estamos todos. Esta rapaza preciosa, delicadísimamente maquillada, non tiña que estar aquí, agasallando sorrisos de veludo a cambio de indecentes verbas que estouran fóra de tempo e lugar. ¿ou si?. Dan ganas de recolocar as cousas, de baleiralo todo e limpar ben a cidade para logo estender un pano como aqueles que se poñían a clareo. Boa noite e boa fin de semana a todxs.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario