A película de Haneke pilloume lendo Éloge de la désobeissance, un ensaio sobre o xuizo de Eichmann e Terras Baixas de Herta Müller. Non queda outra que recuncar co tema da maldade. Vaia por diante a miña admiración por este director, un dos poucos, xunto con Von Trier, (a mesma sensación de claustrofobia que en Dogville) cineastas-filósofos que gustan mergullarse no esotérico mundo do noso eu máis escuro. Hai unha tendencia, moda, corrección política que evita o tratamento obxectivo dos comportamentos máis perversos do ser humano. Claro que haberá que facer un enorme esforzo de...¿resemantización? e tratar de imaxinar outros significados para verbas como culpabilidade, perversión, mal, etc. envelenadas dende séculos polas continuas violacións das igrexas que, a xeito de cancerbeiros de moralidades alleas foron delimitando coidadosamente o territorio polo que podiamos transitar "libremente". Haneke non pensa, e eu tampouco, que sexamos seres fundamentalmente malos e perversos. Todo o contrario. Ao meu/noso redor só vexo xente completamente entregada á causa de amar por riba de todo. O director recoñece que a súa pulsión non é o tratamento morboso da cara escura do ser humano, mais esa parte está aí e cando aflora adoita causar tanto sufrimento que non deixa de ser unha obriga poñer todo o noso esforzo en lembrarnos a nós mesmos as atrocidades que somos quen de cometer. Nese sentido, a cinta blanca, é unha contribución valiosísima, non hai dúbida, pero cinematográficamente non a defendería como unha obra mestra, o que por outra parte non lle quita nada de mérito, pois nin eu son quen para poñer ou quitar medallas a ninguén e ademais considero que tal calificación non é sinón a tradución á arte do totalitarismo que precisamente tratamos de combater. Haneke mesmo, como demiurgo indiscutible da súa obra, agradecería críticas cunha deliberada dose de maldade, estou segura de que son as únicas que recortaría e gardaría se fixera tal cousa (to be continued)
(1) Creo que se podería traducir como "día de acción de grazas". É unha ilustración horrible, seino, pero está moi relacionada coa estética que persegue e ¿consegue? Haneke. O blanco/negro da fotografía non é unha cuestión baladí, nin a ausencia de música, nin esas facianas anxelicais. Pero eu, que adoito complicarme deliberadamente me pregunto se ese mal que castigaba o pastor era un enemigo coñecido...bueno, seguiremos falando disto.
2 comentarios:
Vive vostede rodeada de xente completamente entregada a amar? Meu Deus, qué escandalo! Pero, con qué clase de personas se relaciona vostede últimamente?
wellcome to machine again :)
quero vela, A cinta branca, está ata o xoves vindeiro, como non ande lixeira ...
Tamén vela a vostede, ainda que a prosma para quedar son eu, pero a ver se si.
un bico
Publicar un comentario