Foto: Leopoldo Novoa
Do lume adoita saír un universo novo...
Seica arde un anaco do noso finesterrae, quedaban só unhas faragullas de paradiso galaico, cicais non daba nin para deixar testemuña para que xeracións futuras deseñen parques temáticos que conteñan a memoria dunha beleza que só existiu para ratificar a Shakespeare...mais ti, que namorado dos teus ollos radiantes/ ese fulgor avivas co sabor da túa esencia / trocando en escaseza uns dons tan abundantes / es cruel e inimigo da propia existencia...e alá imos, coma tantas outras alboradas, a mobilizarnos, sempre coa inxenua e sobranceira enerxía que se desbotará pola enxurrada da impotencia ao asomar as primeiras bandeiras...patriotismo de pacotilla, himnos, berros impostados, e máis bandeiras, siglas e cores que agroman na seca e na estación das choivas, na paz e na guerra, na crise e na burbulla, sempre hai bandeiras para agochar a gañanería de non sabérmonos comportar como cidadáns amolados pola mesmiñas consignas, siglas, bandeiras, gaitas e mal deseñados e peor interpretados símbolos de tribos, clans, citanias ou castella, vai ti saber o que significaba aquel "C" misterioso nunha pedra da nosa leira, eu vou sempre ben mobilizada, disposta a quitarlle voz ao que deixa que se prenda o lume pero vexo tanto, tanto desleixo na manipulación das bandeiras que acabo por marchar caladiña, con outros que viñeran tamén berrar e afogaron ollando a profesionais das manis metidos a políticos que cobran dietas por facer de rebeldes a soldo, pois o dito, ¡lume! ¡lume e incienso nesta semana santa de paixón trabucada! ao mellor as lapas chegan ata algunha colexiata chea de maniqueos sotanáceos dicotiledóneos que tanto lles ten unha hostia consagrada como unha muller confesando non dar aturado ben as palizas dos martes, que les vaya bonito...volvan sacar a bandeira reconquista que non saouberon representar e átenlla a unha monxa afrancesada a ver se despexa a néboa ¿ou é fume? e algúns podemos berrar tranquilos...
1 comentario:
Qué carallo vai arder! Queimámolo, que é parecido pero non igual.
Publicar un comentario