domingo, diciembre 29, 2013

12 años de esclavitud

Fonte

Non atopo unha mala crítica desta película. Claro que procurar reflexións interesantes na rede é como o da agulla no palleiro. Aos dez minutos xa me proía máis o erro na elección da película que o baleiro infrinxido ao meu xa enxoito moedeiro. Mais sempre se tiran conclusión interesantes, sobre todo se falamos dun producto cultural (aquí non hai oxímoron) destinado a un consumo masivo. Tanta gabanza a un filme previsible e totalmente desprovisto de orixinalidade compréndese perfectamente neste contexto. Poñerlle pegas á esta película semella unha pose un tanto elitista pero se queremos ser medianamente serios, temos que sobrepoñernos á comodidade intelectual e descartala incluso como recomendable. É verdade que hai temas que resultan especialmente difíciles cando xa foron tratados de xeito tan repetido. Mais os bos traballos recoñécense precisamente pola valentía e orixinalidade do punto de vista do creador. Dende as primeiras esceas unha decátase de que está ante un déjà vu e dun tratamento indisimuladamente masculino da temática. A violencia do esclavista como consecuencia da sumisión patolóxica á súa muller é un engadido tan gratuido como eficaz. Os latigazos son femininos. ¡o que nos faltaba por ver!. Pero pregúntome ¿alguén se percatou desta deliberada e revirada interpretación?. Non, aparentemente. Velaí a eficacia do subliminal. Facer que semelle o contrario é condición básica para engadir un efecto dramático solvente. Non creo que precisemos ler o texto original de Salomon N. para decatármonos de que as relacións entre esclavistas e esclavos non se verbalizaban neste fraseo melodramático e impostado. Os comentaristas da película resaltan o tratamento fiderigno da crueldade porque se "escoitan os latigazos". A min dame que a crueldade e a violencia exércese sen necesidade de tanto énfase. Os episodios históricos nos que se infrinxiu a maior violencia estaban exentos de tanto balbordo. As vítimas, se por algo se caracterizan e porque non teñen voz. É o primeiro que lles quitan. Redúcense a obxectos con que non é preciso intercambiar pareceres. Latigazos sí. E todas as crueldades que se nos ocorran, pero no silencio da rutina. A banalidade no mal, lembrade. Ao mellor é que o director non sabe expresar a violencia sen unha poderosa banda sonora. Penso no que faría Haneke, por exemplo. Non lle farían falta nin tantos minutos, nin tanto color, nin tanta verborrea, nin, por suposto, tanto estereotipo. Mais case ata o final agardo o xiro que de sentidoá película. E xusto entón, cando xa estaba pensando no trabucada que eu andaba vai e aparece Brad Pitt subido a un poleiro arengando a prol da liberdade. Non hai voltas que darlle. Só me faltou o "insert coin" para acabar de non crer o que viña de ver. 

2 comentarios:

Luis dijo...

Excelente crítica, felicidades.

Iago dijo...

Gustoume a crítica. PERO O MOTIVO NON É ESE SE NON QUE TEÑO UN NOVO ARTICULO PARA A MIÑA SECCIÓN DO BLOG . MANDOCHO AGORA