lunes, diciembre 16, 2013

A CIA e a guerra fría cultural, Frances Stonor Saunders

No principio foi Koestler. La lie de la terre, o testamento español, as súas múltiples autobiografías, os textos científicos, o home das infinitas caras, espía, poeta, científico, parapsicólogo, periodista e de paso violador reinventábase a cada segundo. O debate entre seguir rillando nel ou guindalo ao lixo no que se amorea tanto psicópata integrado resolveuse a favor das manualidades e a ficción. Turrando do fío saíron un par de calcetíns, un xersey preciosísimo de voltas yámbicas e trocaicos reveses, pero tamén fun dar a Regent Street, e vivín uns días con Serena Frome, escoitei aos Bee Make Honey e tecleei nunha Remington os informes que delataban a veciños con pinta de veganos. As voltas e puntadas compoñían preciosos parágrafos, e ata o punto bobo creaba texturas finísimas cunha misteriosa literatura (o)culta de fondo. E foi aí onde volveu aparecer Arthur. Deixo a labor a carón do cero e o infinito, e volvo a operación dulce. Non sei coller os puntos que se soltan ¡mágoa!, son consciente das consecuencias na labor pero sigo dándolle á agulla; tamén sei que quedaron cousas na páxina vinte e corenta e cinco que non asimilei nada ben. Serena Frome non existe, papouna a imaxinanción dun personaxe de ficción. E lembro outra vez ao Koestler depredador. Miro a foto da contracapa e o sorriso de McIwan. Ten os anos que o cinismo precisa para medrar na mente dun home. As críticas louvan ao escritor que foi quen de vivir nos miolos dunha moza de vinte anos. E total para que, con este final. Unha amiga, coñeceuno, a McIwan e confirmou as miñas sospeitas, "non che gostaría Ana, é unha persoa fría e desprovista do interese da súa escrita". Ninguén se salva, é cuestión de xénero. Pero hai que lelos, a eles, porque foron e son os arquitectos do que temos. Na arte, na historia, na política e se nos despistamos tamén aquí, no xénero. Eles son os que saben construir discursos eficientes de absolutamente todo, ata nos convencen de cómo criar aos fillos para que os deixemos seguir criando discursos. É así. Pedro de Lisboa recoñécese absolutamente feminista, por eliminación, porque non queda outra. E así, cheguei á CIA e a guerra fría cultural, de Frances Stonor  Saunders; logo souben que foi o libro que inspirou a McIwan. Pola metade do libro, páxina duascentasepico decátome de algo especial e miro a foto da contracapa. Sinto unha sensación de alivio. Estou lendo un enormísimo traballo tecido por unha muller e póñome en plan Serena Frome, a procurar espías. Vou á páxina da CIA e a sua deliberadamente burda crítica do libro confirma as miñas sospeitas. O libro da Stonor é unha obra imprescindible. Volvo á contracapa e reconcíliome, non sei por cantos días, con este apodrecido mundo.

3 comentarios:

crispavon dijo...

Igual se me fas ese gorro que dicías -se son boa- ao poñelo me chega algo deses libros que les entre calcetas :) Molaría, porque o montón que xa teño en espera nunca mingua, só medra. E voulle engadir un máis, este da Stonor.

Ana Bande dijo...

Sihomesi, díjoche que te portes ben e gañas outro premio literario, ti non tes verjonsa!

claro que o gorro molaría, as agullas son en realidad simuladores que transmiten os impulsos eléctricos nas voltas do revés, iso si, o gorro só cuspe datos se fas uns determinados movementos, é como darlle corda á cousa...

Iago dijo...

BOAS NOITES ANA :
Aquí está o teu reporteiro viaxeiro buscando novas . É para mín un honor dicirte que teño novos artículos para poñer no blog.

Hei de dicirche que o que falaches da CIA e os seus efectos é moi interesante