miércoles, abril 06, 2011

¿quen opina por nós?

Foto: Ás veces a natureza fala [Blog de José Fariña]

A inflación actual de opinadores -e aquí o masculino non é un xenérico senón unha realidade- desgraciadamente non é sinónimo dunha cidadanía consciente da problemática real da súa comunidade. Pasa como coas novas tecnoloxías. Tendemos a pensar que na actualidade a maioría da poboación desenvólvese axeitadamente coas ferramentas dixitais mais a fenda dixital non é un mito. A pouco que nos relacionemos coa poboación de a pe, a que realmente fai país como tanto lle gusta dicir ao profesional da opinión, decatámonos do exótico que para a maioría son términos como feisbu, tuenti, douspuntocero ou adeeseele. Podemos ler unha morea de artigos diariamente na incontrolable masa de media á que temos acceso para decatármonos na hora do café, na perruquería ou mentras agardamos que nos atenda o médico de cabeceira, de que o común dos mortais vive completamente á marxe das cuestións que aburren nos titulares de xornais e informativos. Si, estou pensando en Z.P.,. A realidade real vai por unha vía diferente da que non inventan descaradamente non digo periodistas, pero si as axencias de fabricación de noticias que traballan cuns parámetros quitados do derradeiro manual de marketing de moda. Os dramáticos acontecementos que sacuden ao planeta hoxendía, enchen unha desorbitada catindade de tempo e espacio nos medios pero logo de rematar a penosa lectura da letra pequena ou de escoitar o farragoso discurso dun opinador televisivo rematamos coa impresion de que o de Fukushima é un problema de turbinas e que o de Libia é algo relacionado co petróleo. Atópome ás veces lendo que o índice de contaminación en tal lugar do Xapón é nonseicantos millóns por riba do normal coa mesma tranquilidade coa que trato de adivinar as oito diferencias do pasatempo. Entón sinto unha especie de culpabilidade e rebusco algunha información sobre ¿a catástrofe? que me forneza dalgunha explicación mínimamente razoable. Tardo días, semanas. Estou farta de Tepco por aquí e reactores por alá, de toneladas de auga contaminada pero que non deben de preocupar a ninguén e incluso farta de plutonio, ¿dixen plutonio?, para, para, le despacio. ¿que o plutonio que atopan os técnicos é o da Segunda Guerra Mundial que o tsunami nunha reviravolta malévola veu depositar na rexión de Fukushima?. Sigo lendo barbaridades, cantas máis leo mais me convenzo do perdidos ou mercados ou enaxenados que andan os opinadores, ata que me paro aqui, quedo uns minutos con Ulrich Beck e recupero folgos, alguén con sentido común pensa por min, por nos. Cicais non todo estea perdido.

No hay comentarios: