domingo, abril 03, 2011

Santa Gastronomía



A foto non conta verdade, conste. Na carpa de Arcade non cabía un alfinete, non sei moi ben se por mor das de Ardebullo ou polo delicioso molusco ao que hoxe se lle rendía culto na vila de Arcade. Os santiños van ter que espabilar un pouco e facer algún milagre para a galería se non queren sucumbir perante o auxe da variadísima gastronomía galega que dende hai unhs anos ven pisando forte. Andrómenas aparte, o certo é que á xente tanto lle ten que San Froilán non probara o polbo na súa vida. Os lucenses van seguir bailando durante unha semana seguida todos os anos polo mes de outubro. Tampouco importa que ningunha das centovintemil unidades de ostrea edulis que seica se paparon hoxe en Arcade sexa autóctona (din as malas linguas). O caso é pasalo ben. Que mais da se é a conta da Virxe das Cabezas en Armenteira ou do Ourizo de Mougás. O pobo quere festa e punto. O retrogusto gastronómico tan de moda tenche cousas curiosas, case estou por pensar que vai camiño de ser toda unha ideoloxía. Atentos, que aínda veremos o día no que teñamos que elixir entre o millo corvo de Bueu ou a parrocha de Bembrive.


P.D. Pero mellor que as ostras, que o albariño, que o licorcafé e que as de ardebullo foi atoparme coa amiga Rosa Fotógrafa Veiga, á que seguirei dende hoxe en Galicia Gastronómica.

No hay comentarios: