miércoles, abril 13, 2011

nendeusnenpatrianenrei, lembrazanza republicana

Maruja Mallo, Dúas mulleres na praia, 1926


A Paco Espino, por supuesto.

A primeira exposición celebrada en Galicia dedicada exclusivamente a pintoras celebrouse na Coruña no ano 1934. Na mostra participaron entre outras Elvira Santiso, Elena Olmos, María Corredoira, Dolores Díaz Baliño e María del Pilar e María del Carmen Sotomayor. ¿cantos de estes nomes nos soan xa non digo á maioría senón @s que fixemos estudos relacionados coa arte? Nunha ocasión na que eu lle recriminaba a un escritor que non falara máis que de putas e bruxas cando se refería á mulleres do século dezasete díxome que lamentablemente non atopara exemplos de mulleres escritoras. Seica non había. Case me convence. Menos mal que sempre desconfiei das persoas que fan afirmacións rotundas. Á dificultade que para unha muller de antes de onte lle supoñía ter calquera preocupación que traspasase o límite da lareira engadiríase cunha eficacia de catecismo a ocultación e invisibilidade das afoutas que quixeron e souberon escribir, pintar e ata filosofar pola súa conta. No día da república era bo que fixésemos algunha acción reparadora. A mellor, dende logo, sería esquecer un pouco o bruido ensordecedor da guerra civil e deixar falar a aqueles avanzados anos trinta. Á moitísima xente lles sorpendería saber da existencia en España dun período no que case case se volve a enganchar a Europa. Uns anos nos que houbo moito máis sentido común e proxectos de progreso que en toda a historia posterior, tendo en conta, sobre todo a paupérrima capacidade política dos gobernos do século XIX. Apunta moi ben Julián Casanova o que pudo ser e non foi e por que pasou. Só temos que turrar de calquera libriño ben escrito, que hai moitos, das nosas bibliotecas para saber (non se pode lembrar o que nunca se soubo) que naqueles lonxanos anos trinta houbo dereitos coma o voto feminino e divorcio, ou que en España non había relixión oficial. Case da grima pensar que haxa que voltar un século atrás para atopar os alicerces do que aínda no se rematou de acadar. A historia certamente, é moi pesada. Empéñase en turrar para atrás. Atopámonos agora nun deses períodos de milagreiro e aparente progreso, semellamos aqueles flemáticos cidadás da Viena de antes da Grande Guerra incapaces de albiscar o perigo e a brutalidade que se lles viña enriba. Non era mala cousa querer saber o que pasou, se non para deter o irremediable sí para poñer unas cantas pedras baixo as rodas da implacable mediocridade que nos goberna.

No hay comentarios: