martes, diciembre 29, 2020

Contra el odio, Carolin Emcke

  

    O odio, como a ira, ou o resentimento, forman parte das emocións tristes que asolagan o noso presente e que cando acadan un nivel de ola a presión estouran de mil maneiras, pero sempre producindo un dano e un sufriminto as máis das veces irremediábel. O odio, ademais de desencadear todo tipo de calamidades e dor, ten a perversa cualidade de separar e afastar aos seres humanos uns dos outros, coma se fose unha sustancia repelente que inhibe calquera pulsión de piedade, empatía, solidariedade ou simplemente respecto pola vida. 
    Hai tempo que os anaqueis das nosas librarías acollen monografías que tratan de entender esta paixón velenosa e persistente. Cicais a historia e a filosofía sexan os mellores cumios dende os que albiscar a orixe deste antipático sentimento. A arqueoloxía amosa que a tecnoloxía de case todas as civilizacións coñecidas produciu sobre todo ferramentas cuxa finalidade é case sempre defensiva, o que indica que a xenreira ou aversión ao outro, foi unha constante no tempo. 
    Dende a filosofía, o fenómeno da ira foi o estímulo que animou a pensar, a intentar comprender o mundo. Esta teima por odiar, a ira, a cólera, cicais foi un bo motivo para que os antigos poetas, os aedos, deixasen pegada por escrito destes feitos. Lembrade que a primeira palabra da Ilíada, nada menos que a primeira manifestación escrita da nosa literatura é precisamente esa palabra: μῆνιρ, menis. Manía, depresión (1).
    O libro de Carolin Emcke, é unha chamada de urxencia que nos obriga a pensar, primeiro paso para a actuación imprescindible se queremos deter esta deriva de odio global na que xa non hai que intuir o final, porque o estamos vivindo dun xeito tamén global. A frase que incorpora a capa do libro "non quero que o novo pracer de odiar libremente se normalice", resume moi ben a situación. Todos coñecemos a solución da actual ecuación, redes sociais máis anonimato dividido por capacidade crítica. O odio. Velaí está o fenómeno hater, por falar cun vocábulo de moda nesas mesmas redes. Todos, todas, fomos, somos ou seremos susceptibles de ser haters ou de padecelos. Pero Emcke non fala dunha moda das redes sociais, fenómeno que, coma todo o que toca, deforma unha realidade na que a xente sofre de verdade. O que interesa á autora e saber como se combate o odio. Para iso hai que entendelo, analizalo, pensalo, ou sexa, facer todo o que non fai precisamente o que odia. O odio, só pode combaterse rexeitando o convite ao contaxio. Só se consegue se atendemos constantemente ao matiz, se observamos atentamente e nos cuestionamos a realidade. Perecería pouca cousa, di a autora, pero abondaría con que os que aplauden e os indiferentes frente a situacións de odio se conteñan e duden de sí mesmos. Abondaría con que dende as institucións se respectase ás persoas que traballan polo ben común. Actuar contra as manifestacións de odio pode ser cousa do goberno, pero, segundo Emcke, somos cada una de nós, as persoas da sociedade civil, as que podemos impedir que os que odian fabriquen os seus obxectos a medida. 
    Emcke analiza diferentes contextos no que o odio pode atopar un ecosistema favorable. É interesante, por exemplo o tema da invisibilidade. Coa referencia á obra de Ralph Ellison, "O home invisible", a autora amosa como se pode chegar a considerar invisible, e polo tanto inexistente, a unha persoa ou colectividade, e polo tanto considerado como prescindible. 
    Tamén na relación amorosa é interesante a reflexión sobre a importancia de manter unha mirada activa, unha mirada propia. Aquí o exemplo é Lanzadeira, un personaxe de Shakespeare que por efecto dunha poción máxica se enamora da primeira persoa que ve, aínda que sexa alguén que ten cabeza de asno. A esperanza -a última das calamidades que contiña a caixa de Pandora- pode funcionar tamén como unha trampa, porque nos fai apartar a mirada de todo canto estorbe ou contradiga as nosas suposicións optimistas. Fronte a unha realidade desagradable, a esperanza pode ser, se non estamos atentos, unha falsa caricia, que impida a mirada activa que se precisa para non contaxiarse do odio. A preocupación da cidadanía, que se presenta hoxendía como o principal fundamento da acción política, é outro xeito de malinterpretación dos problemas sociais reais. Os problemas deben debaterse de xeito público e abordarse dende perspectivas críticas e racionais, pero os políticos adoitan empregar este concepto de "preocupación da cidadanía" a xeito de escudo discursivo, di Emcke, para evitar ou incluso impedir a búsqueda de motivos racionais que xustifiquen os motivos reais de inquietude. A cidadanía debería estar disposta a diferenciar entre as súas inquietudes e o que Marta Nussbaum denomina asco proxectivo, mediante o cal algunhas persoas estiman que outro grupo de persoas son repugnantes.        Recurre tamén a filósofa a Didier Eribon para cuestionarse que tipo de antefaces ideolóxicos impiden recoñecer o mal que xenera a desigualdade social. A sensación de impotencia da cidadanía fronte á realidade fai que as persoas non se identifiquen de xeito activo cunha idea, por iso os fanáticos non abordan as cuestións que realmente xeran malestar político.  Emcke analiza en detalle un feito concreto de odio, as agresións racistas de grupos de cidadáns de Alemania contra os refuxiados que se dirixían en autobús a un centro de acollida da cidade de Clausnitz. Só tras unha análise detallada das imaxes podemos ter a certeza de que as persoas que acorralan ao autobús non están animadas polo medo ni por ningunha preocupación real. Se fose así, di a autora, non buscarían estar cerca dos refuxiados,  porque o medo trata de poñer distancia. O que esas persoan senten é odio, por iso precisan ter o o seu obxectivo á vista, canto máis cerca mellor, para poder aniquilalo. Lembra a autora a máxima de Adorno e Horkheimer de que o furor sempre se desafoga sobre os que aparecen como máis indefensos. Pero todavía hai algo máis importante que temos que saber para non contaxiarnos desta paixón destructora, e é que o odio non emerxe da nada, sempre hai un contexto específico que o explica e grazas ao cal se instala doadamente. A capacidade de causar dano e tan alta no ser humano porque é inversamente proporcional á que temos para facernos unha imaxe adecuada dos demais. Sen imaxinación non hai empatía. Se non somos quen de imaxinar cada musulmán, xitano, transexual ou muller, en singular, tampouco recoñecermos a súa vulnerabilidade. Só nos construiremos unha imaxe prefabricada na que o odio pode xerminar doadamente. 
    A partires de aquí, Emcke avisa da facilidade coa que determinados políticos ou medios de comunicación e corporacións poden mercadear co medo. O fenómeno das reivindicacións contra o racismo que tiveron lugar hai pouco son manifestacións multitudinarias de atentados que ocorren masivamente. Entre 1980 e 2014 máis de 260.000 afroamericanos foros asasinados nos Estados Unidos. Na guerra de Vietnan, que provocou unha indignación sen precedentes, as vítimas foran 58.220. Remitíndose a Coates Ta-Nehisi, Emcke lembra que non se precisa sequera maldade; abonda con ter unha herdanza segundo a cal os afroamericanos puideron sufrir humillacións de xeito impune. Hannah Arendt, cuxas reflexións son, nestes tempos, absolutamente vitais, lembrounos que unha persoa só se pode defender pola misma causa pola que foi atacada. Se un é atacado como xudeo, só pode defenderse como xudeo, non como ser humano. Se expresamos o noso malestar pódesenos acusar de ser persoas indignadas sen motivo aparente. Hoxendía, simplemente coa acusación de carecer de sentido de humor arrebátaselle a moitas vítimas de acoso a súa capacidade de resistencia. Estas e outras reflexións en detalle fan do libro de Carolin Emcke un manual de urxencia e de boas prácticas para comprender a complexidade da realidade actual e evitar caer nas redes do odio. Imprescindible para construir unha comunidade onde me mire polo ben común. 

(1) Bespaloff, Rachel. De la Ilíada, posfacio de Hermann Broch, trad. de R. Rius Gatell, minúscula, Barcelona, 2009.

1 comentario:

Xela dijo...

Teño que lerte máis, teño moito por ler. Que pequeniña me sinto pero á vez aínda me cabe unha enorme curiosidade!
Estou reaprendendo o necesario que é o camiño dos sentimentos cara o coñecemento. Tamén a ira, sobre todo a ira feminina( enténdeme), aprender a manexala como instrumento...( diría Chemaly?).
Non quero metela no saco do odio, agora que nos estamos dando a oportunidade de escoitarnos para entender e progresar...
Que ganiñas de abrazarte 8 segundos!!!☺️