miércoles, diciembre 16, 2020

La edad de la ira, Pankaj Mishra (actualizada)

 Biografía.

Pankaj Mishra (Jhansi, Uttar Pradezh, India, 1969) é un ensaísta, escritor de viaxes e novelista. Graduado na Universidade de Allahabad, vive entre Nova Deli e Shimla. Doutorado en Literatura Inglesa na Universidade Jawaharlal Nehru de Nova Deli, publica e colabora en The New Yorker, The New York Review of Books, The New York Times Book Review, New Statesman, Granta, Times Literary Suplplement e The Guardian.

 O seu traballo amplía a nosa comprensión do encontro entre o mundo occidental e o non occidental, converténdose nun referente das novas realidades dos países asiáticos. Ademais da súa novela, The Romantics, publicou catro obras de non ficción: Butter Chicken in Ludhiana, Travels in Small Town India, O fin do sufrimento, o Buda no mundo, Tentacións de Occidente, Cómo ser moderno na India, Paquistán, o Tíbet e máis aló e Das ruínas do Imperio: os intelectuais que refixeron Asia. Das Ruínas do Imperio (Galaxia Gutemberg, 2014), é un intento de revisión da xeopolítica de finais do século XIX e XX dende múltiples perspectivas asiáticas, co que gañou o premio Crossword for Best Non fiction en 2013. No ano seguinte converteuse no primeiro libro dun autor non occidental en gañar o prestixioso premio alemán Leipzig Book Award for European Understanding.

    Pankaj Mishra escribiu este libro entre 2014 e 2016 pola necesidade de reflexionar ante as experiencias desconcertantes, e decotío dolorosas que tiñan dividido ao mundo actual. Fenómenos como a chegada ao poder do nacionalismo hindú, a atracción que o terrorismo do Estado islámico exercía sobre moitos xóvenes das democracias europeas, o Brexit ou a elección de Trump coma presidente dos Estados Unidos, foron as faíscas que prenderon o misto que ilustra a capa da edición española do libro.

     Uns meses despois desta lectura abondaron para que o mundo xa non sexa o que era no mes de xaneiro de 2020, cando escribín a primeira resención deste libro.  Os alarmantes sucesos que provocaron as reflexións deste ensaio semellan terse desenvolvido a unha anormal velocidade de vertixe ata provocar a actual calamidade pandémica global.  Mishra recoñecía no seu texto a existencia dun pánico ubicuo, que non se parece ao medo centralizado que emana do poder despótico, senón que se trata máis ben, dun sentimento xerado polos medios de información e amplificado polas redes sociais, de que pode pasar calquera cousa, en calquera lugar, a calquera persoa e en calquera momento. A sensación, recoñece o autor, de que o mundo xira sen control, está agravada pola realidade do cambio climático, que fai que o noso planeta semelle asediado por nós mesmos. E aquí, estamos, precisamente, no total descontrol.

     Só a unha poboación alienada ou relegada ás marxes do pensamiento se lle pode escapar que a actual pandemia non ten que ver coa historia do noso presente. Todas e todos podemos entender que a globalización é unha realidade tan rotunda como suxire a propia palabra, e que o que significa esa contundente expresión, é a vontade de impoñer en todo o mundo un idéntico xeito de vida, que é o que dicta o réxime económico, xerador dunha desigualdade que ningún sistema democrático –precisamente baseado nos principios contrarios- pode aturar.  

     O sistema de maximización da ganancia a calquera prezo, en beneficio duns pouquísimos individuos ou corporacións é o que ten levado a unha diseminación masiva de conflictos, fanatismos e comportamientos depredadores que teñen afectado ao ecosistema global ata levarnos ao abismo. Manterse preguizosamente na teima de desprezar o coñecemento do pasado máis inmediato, ou da historia do presente que o texto de Mishra nos ofrece, é premer o acelerador cara a extinción. Este xeito de vida absolutamente desmemoriado e hedonista impide que tomen a palabra as persoas e institucións que tradicionalmente termaron do logos, é dicir, da capacidade de comprender, que é imprescindible para vivir. A verdade é precisamente alétheia, non-esquecemento, en alusión ao mítico río Letes. 

Julio Aróstegui
     En España foi o historiador Julio Aróstegui un dos teóricos que aportou máis investigación ao estudo e interese pola historia do presente. Puiden asistir ás súas clases sobre a historia da violencia cando despuntaba a disciplina. Eran os primeiros tempos da historia do presente e lembro o extraordinario que me pareceu a posibilidade de reflexionar sobre a actualidade dende un punto de vista histórico. Ata ese momento, a historia era unha investigación case exclusivamente relacionada co pasado e se querías entender a complexa situación actual tiñas que acudir ao periodismo ou a socioloxía.  O coñecemento do mundo actual, coa axuda de metodoloxías científicas que permitisen análises rigorosas e poucos sesgadas da historia actual facíase dende os departamentos de Historia Contemporánea. Pero as persoas que estudamos nas facultades de historia dos oitenta descoñeciamos que esa "contemporaneidade" non era tal, porque o que alí se estudaba non eran os problemas do mundo actual, senón os dunha época que a academia mantiña pechados na rigorosa marxe temporal que ía dende a Revolución Francesa aos nosos días.

     Pero dos nosos días non tiñamos proxecto de investigación por ningures; simplemente non existía a historia do presente como parte da Historia con maiúscula. Non axudou que a recién inaugurada Historia do presente coincidise co declive das humanidades en xeral, e da historia en particular. Non é este o sitio para analizar as causas deste desleixo intelectual, pero dado que a situación actual está radicalmente cinguida a este despiste xeneralizado, é forzoso retomar o fío da historia cando forzosamente hai que ir cara atrás para desandar os vieiros fallidos que son os que temos elixido e que nos teñen levado a esta calamidade.

    Cómpre decatarse do dano ocasionado pola desconfianza cara a Historia dende un discurso postmoderno que se amosaba implacable contra todo relato pola súa suposta e irremediable condición de nesgado. Se a esto lle engadimos as presións  ideológixas e políticas precisas neste país para pasar rápidamente á páxina da nosa historia recente, entenderemos que non foi doado dende a Historia, defenderse dun ataque que invalidaba precisamente o xeito convencional de exposición dos seus resultados de investigación, é dicir, a narración, que é o mesmo que dicir a palabra, que é xusto dicir, o logos, ou sexa, a base do noso sistema de coñecemento. Paradoxalmente, o resultado deste desprezo foi a aparición de toda clase de produtos indisimuladamente falsos e ficticios que, adobiados cos requisitos da ficción máis comercialmente productiva e intelectualmente degradante se fixeron e se fan pasar aínda por Historia, con maiúscula.

     O coñecemento do pasado non é garantía abondo para o artellamento de políticas de éxito no futuro, pero podemos ter a seguridade de que facer o contrario é a deriva máis eficaz contra a confusión que nos leva a situacións de abismo e incerteza como na que nos atopamos.

Niall Ferguson
            Niall Ferguson, adoita insistir nas carencias dos docentes de historia no ensino de metodoloxías de comparación entre períodos como causa fundamental da falta de comprensión da actualidade en relación co pasado. Pankaj Mishra, pola contra, fai unha escrupulosa defensa da relación dos confictos violentos actuais cos extravagantes atentados do finais de século XIX e comezo do XX protagonizados por nihilistas, nacionalistas, anarquistas ou terroristas. 

Julián Casanova
    No que hai consenso é na existencia e desenvolvemento continuo dunha violencia extrema como consecuencia do racismo, a misoxinia, o desarraigo e a desigualdade, entre outros factores. 
    O historiador Julián Casanova, no seu último libro, “Unha violencia indómita” presenta tamén a violencia como denominador común a un estado de cousas que inclúe por primeira vez o estudo da violencia sexual como factor de desestabilización mundial. Mishra tamén apunta á exclusión da metade da poboación como motor de inestabilidade. Dende o feminismo hai tempo que se derrubaron tabúes que facían imposible investigacións empeñadas en agochar datos. 

Rosi Braidotti
    Mesmo dende o feminismo se achegan propostas que malia toda a dor e marxinación da muller, son quen de evitar o resentemento que é o caldo de cultivo da violencia, como a política afirmativa de Rosi Braidotti, por exemplo. E todo esto baixo o medo de sabérmonos nunha terra vizosa de vinganza subterránea, inagotable, insaciable de exabruptos, segundo recoñecía Nietzsche na súa Xenealoxía da moral.

José Manuel Sanchez Ron
        No caso español, e seguindo coa análise do declive no interese polo pasado, non hai que esquecer as desastrosas consecuencias que tivo o expolio científico provocado polo exilio, como recoñece José Manuel Sanchez Ron no seu derradeiro libro El país de los sueños perdidos. Perdemos non só o mellor do noso acervo intelectual por mor do exilio, senón que seguimos sufrindo unha masiva fuga de cerebros pola nosa desatención á ciencia e á cultura en xeral. Tamén habería que apuntar a deliberada marxinación do estudo da historia recente de España nas aulas e a ausencia de debate como consecuencia directa do medo constante a desatar vellas xenreiras que, sen dúbida, persistiron precisamente pola ausencia de explicación e de investigación sobre o pernicioso tabú da reconciliación nacional. Un círculo vicioso que non desaparecerá milagrosamente, senón coa comprensión, intelectualmente falando, dos fenómenos históricos. 

     Neste contexto, A idade da ira é de interese porque aporta a visión dun investigador formado en contextos culturais tan diferentes como a India e Estados Unidos. O abundante e solvente corpus bibliográfico fai que sexa un libro de varios usos, porque cada capítulo é un convite a unha reflexión continua sobre os innúmeros extremismos que configuran unha paisaxe mundial de desigualdade, radicalización política, fanatismos relixiosos, competitividade extrema,  individualismo a ultranza,  violencia de xénero,  xenofobia,  ataque ao medio ambiente,  terrorismo, etc. Elementos, todos eles, que configuran un estado de ira xeneralizada para cuxa explicación propón o autor una revisión histórica que pasa por cuestionar os piares nos que se sustenta a superioridade intelectual de Europa como paladín do progreso que ten que guiar ao resto do mundo. Unha crítica, outra máis, ao eurocentrismo, ou á versión única da explicación do mundo que impón un Occidente que agora mesmo, en decembro de 2020 semella un xigante a punto de se derrubar. Unha crítica que segue sendo necesaria precisamente para non deixar perder o patrimonio de ideas que deron pulo á ciencia e a xeitos de organización social que, aínda que eivados hoxendía pola insaciabilidade do capital, son a garantía que temos nesta parte do mundo de acadar posibilidades de futuros dignos. Pero á forza ten que ser un discurso apracible e inclusivo, aínda que poida parecer un oxímoron. Precisamos outras visións, precisamos respectar outros mitos e culturas. Porque seguramente todas conteñen explicacións de conflictos que son comúns ao xénero humano. 


Minna Salami
        Minna Salami, no seu recente libro "O outro da montaña. Así verías o mundo se non cho  contase, contén moitas reflexións aparentemente sinxelas e que son o cerne de violencias que se levan producindo en todo o mundo dende milenios.

     Mishra, en todo o libro, plantexa a mesma preguntas: ¿onde reside a explicación de tanta barbarie? ¿cal é a orixe desta ira que non cesa e que nos mantén nun estado continuo de medo e perplexidade, e cuxa intensidade ameaza con perpetuarse?. Unha das claves estaría no resentimento, un estado emocional tóxico e global que afecta a unha cidadanía que xa ten sufrido por demasiado tempo a frustración nas súas esperanzas de acadar as metas que aseguraba a política supostamente máis respectuosa co ser humano nacida coa Ilustración. 

     O resentimento global de hoxe produce os mesmos monstros que os da primeira onda de globalización de finais do XIX.  A política de retórica e xestos extravagantes, di o autor, é a mesma hoxendía que a de aquel poeta italiano de comezos do pasado século, o inventor do saúdo nazi, Gabriele D´Annuncio, cando ocupa a cidade de Fiume. A política xenófoba actual é a mesma que levou a cidadáns franceses a masacrar a traballadores inmigrantes italianos en 1893, ou a que xusfiticou o supremacismo de Estados Unidos contra os chineses, ou a de Austria-Hungría cando fixeron dos xudeos o chivo expiatorio por antonomasia. O terrorismo actual tería moito máis que ver cunha crise global do capitalismo que co trillado paradigma do choque de civilizacións, un mantra que só pola súa extrema simpleza é tan doadamente asimilable polo conxunto dunha poboación moi poco preparada para a autocrítica.  Hoxe, coma en 1916, vivimos nunha atmósfera densa e velenosa de sospeita, cobiza e pánico mundiais  (R. Tagore). A ultradereita en expansión en Europa e Estados Unidos non ten unha visión moi diferente da que presentaba o Manifiesto futurista de Filippo Marinetti, admirador de D´Annunzio, cando dicía: queremos glorificar la guerra -única higiene del mundo-, el militarismo, el patriotismo, el ademán destructor de los anarquistas, las bellas ideas por las cuales se muere y el desprecio a la mujer. Queremos destruir los museos, las bibliotecas, las academias e todo tipo.

     A recente violencia salvaxe semella, en palabras de Mishra a máis longa e estraña das guerras mundiais: unha guerra que semella, pola súa ubicuidade, unha guerra civil global. E, acaso non estamos hoxe, no medio desta pandemia, padecendo unha situación de guerra global?

     Para Mishra hai certezas que non podemos desbotar. Unha delas é que a sobreactuación das potencias mundiais, encabezadas por Estados Unidos, falando sen parar da superioridade dos valores propios, non van a aportar solución, senón máis resentimento, e polo tanto máis violencia. O movemento Black Lives Matter que ten lugar nos Estados Unidos e noutras moitas partes do mundo como consecuencia do racismo, non deixa lugar a dúbidas sobre unha posible situación de non retorno no que á tolerancia da violencia institucionalizada se refire.

     Non hai dúbida de que a sociedade comercial universal de individuos racionais que procuran o seu propio interese, defendida orixinariamente no século XVIII, por pensadores da Ilustración como Montesquieu, Adam Smith, Voltaire e Kant, non nos trouxo a prometida civilización universal coa súa harmoniosa mestura de sufraxio universal, oportunidades educativas, crecemento económico sostido, iniciativa privada e progreso persoal.

Hanna Arendt
    Ademais, a globalización, segundo Mishra, ao debilitar anteriores modelos de autoridade, xerou novos e imprevisibles actores internacionais, xestando un status xa prognosticado en 1968 por Hanna Arendt cando advertía que por primeira vez na historia, semellaba que todos os pobos da terra tiñan un presente común. Non son profecías as advertencias de Arendt, son reflexións produto dun rigoroso pensamento que pode achegar conclusións tan acaídas logo dunha atenta análise dos feitos. Grazas á pandemia, temos a posibilidade de experimentar verdadeiramente o que é ese presente común, así que a atención á filosofía anterior á “postverdade”, ou sexa, á mentira, preséntasenos como unha necesidade vital.

     Segundo Mishra, as bondades dun mundo interdependente e globalizado, pola contra, sí que teñen sido empregadas polos individuos do Daesh e os demagogos e líderes autoritarios de todas as cores, nun contexto de políticas reactivas antidemocráticas en Francia, Estados Unidos e Reino Unido, pero tamén en Tailandia, Filipinas, India ou Israel. E ante este mundo de imaxes nos medios de comunicación de irados políticos insultando aos outros, principalmente aos inmigrantes, pero tamén menospreciando os dereitos da muller e das confesións e culturas subalternas, provoca unha caída no umbral de atrocidades permitidas que teñen a consecuencia directa de aumentar por todas partes o resentimento que será o xérmolo dos novos e repetitivos ciclos de violencia, e sobre todo seguirá xerando confianza en líderes autoritarios e sen escrúpulos.

     A estas alturas resulta evidente que o enfrentamento Islam-Occidente non explica a  violencia  actual, polo que deberiamos abandonar xa esta obsesión e centrármonos nas  causas desa ira global que transcende fronteiras nacionais, relixiosas e raciais.

      É evidente que a global desigualdade na distribución da riqueza ten erguido muros humillantes e que as comunicación dixitais, que nos achegan a todos, aumentan a capacidade de establecer comparacións envexosas nun ambiente de “solidariedade negativa”, expresión que Hanna Arendt emprega con precisión para definir unha realidade cada vez máis claustrofóbica. Arendt atopa que a orixe dos totalitarismos está directamente vinculada cunha solidariedade negativa que emerxe como consecuencia dunha experiencia de fracaso, tanto individual como colectiva. Unha sociedade masa na que este vocábulo aplícase só cando nos estamos a referir a persoas que, ben polo seu puro número ou ben pola súa indiferencia, ou ámbalas dúas cousas a un tempo, non poden ser integrados en ningunha organización baseada no ben común.

Max Scheler
      Hai que ter en conta, ademáis que, no pasado, as situacións de crise e desigualdade extrema eran amortiguadas por institucións como a familia, a comunidade ou o estado, hoxe moito menos activas. De xeito que temos que prestar atención ás proféticas reflexións da filósofa cando advirte dun futuro marcado por un espantoso odio mutuo e unha irritabilidade universal de todos contra os demais. Non está de máis, baixo o meu punto de vista, atender ao xa esquecido filósofo Max Scheler, sobre todo nas súas aportacións relativas á fenomenoloxía do resentimento e á súa reflexión sobre a conexión que procura o amor como raíz do espíritu persoal e da comunidade de persoal, porque só á luz do amor aparécesenos a faciana do outro que non somos nós na súa cara máis nobre.

2 comentarios:

crispavon dijo...

Ana, sempre das gana
de ler
cousa de agradecer
(ou non, que xa a pila faise moi grande :)
(noooon, nunca é demasiado)
bicos!!

Ana Bande dijo...

Grazas Cris, imos quedando soas por aquí, e iso que este es un espazo libre de virus, ou non?