viernes, diciembre 07, 2007

Entrevistas TV. Grandes personajes. A Fondo.

Houbo alá polo ano 1976 un programa de TV, A Fondo, chamábase, no que Joaquín Soler Serrano entrevistaba aos "grandes" das letras, das artes e das ciencias. Eran outros tempos, políticamente aínda moi sinistros e escuros malia as bondades que hoxendía se cantan da sacrosanta transición. Malia todo, eu boto de menos aquela TV con moita menos tecnoloxía pero moitísima máis humanidade. As entrevistas de A Fondo, son unha delicia xa non só pola altura dos personaxes entrevistados, senón simplemente porque mentres uns falan outros escoitan, e esto xa no é pouco pedir. Os presentadores non eran os showmans afectados de hoxe, e deixaban falar ao verdadeiro protagonista, que son os que teñen tanto que dicir. A serie está editada en DVD, consta de 35 entrevistas entre as que se contan Borger, Antonio Saura, Carpentier, Octavio Paz, Torrente Ballester, Cunqueiro, etc. Eu comecei coa entrevista de Maruja Mallo, a nosa pintora máis vangardista. Estaría escoitándoa durante horas e días enteiros. Podedes atopar este material aquí.

15 comentarios:

Anónimo dijo...

Boas!

Para mín, a Novela non é outra que Los gozos y las sombras, polo que devoro todo canto teña que ver co torrentismo (non o de Santiago Segura, senón o de verdade). Na colección de DVD que editou RTVE con toda a serie aparece tamén como extra a entrevista con Torrente Ballester, e na que se pon de manifesto o profundo coñecemento dos perfís humanos que facía gala o grandísimo ferrolán. Dando por suposto que o resto das entrevistas son igual de interesantes, non podo deixar de felicitarte pola mención.

Ana Bande dijo...

Torrente era un monstro, aínda que non fun quen de dixerir a Saga fuga de JB (de momento) rin ben a gusto co hostal dos deuses amables. Unha imaxinación desbordante. Tamén vin a de Cunqueiro, outro dos grandes, aínda que Maruxa, e punto e aparte. Unha auténtica sibila, como lle chamaban os seus amigos.

Anónimo dijo...

A extraordinaria serie A Fondo, de Joaquín Soler Serrano, emitiuse entre 1976 e 1981.

E permítame dicirlle, amiga Ana, que aqueles anos non foron nin sinistros nin escuros, senón esperanzados, sobre todo esperanzados: a todos os efectos.

Só quen non viviu -por non se atrever ou por non ter suficiente idade- a fondo aqueles anos, conquistando parcelas de liberdade individual e colectiva, pode, desde a posteridade, adoptar unha postura displicente respecto daquela época.

Nin sacralización nin visión edulcorada da Transición. Con todas as súas sombras, as luces brillaron moito, moitísimo máis naqueles anos.

Vostede, amiga Ana, non se pode facer unha idea do que foi realmente aquilo.

Unha aperta.

Ana Bande dijo...

Mellor diga "reconquintando parcelas de liberdade"¿ou é que non houbo un extraordinario período de esperanza na segunda república? Que ganas de esquecer períodos auténticamente progresistas, poucos, pero os temos, para poder agarrarnos e turrar para adiante. Lembre vostede a eses mestres que tan ben describe J.Aldecoa en Historia dunha mestra (e outros) para ver que houbo outra vida antes do longo período de pedra. Non rexeito a transición e non me gusta que me digan o que son quen ou non de sentir ou facer. A transición foi boa, claro, porque había demasiado lixo que limpar e moi poucos os afoutados que collían a vasoira, os grandes homes e as grandes mulleres aínda estaban no exilio. Como historiador que penso que é vostede, penso que debería apostar máis por unha visión máis crítica, agora que xa pasou un cuarto de século. Se non somos quen de ver os erros e os silencios ominosos que agachan tantos mortos e tantos odios non sei como imos atopar unha explicación axeitada a un odioso período histórico para que non se volva a repetir. Contrariamente ao que queren moitos, hai que furgar moito, moito, no pasado para dixerilo e logo esquecelo. O esquecemento así, por comodidade só é un mal enterro. ¡veña outro grolo de té!

Anónimo dijo...

Non se trata de esquecer nada e menos aínda a Segunda República. Inferir iso das miñas palabras é unha conclusión precipitada e errónea pola súa parte, amiga Ana. E tampouco sei ben de onde pode deducir que eu teña unha visión pouco ou nada crítica coa transición. Non me parece correcto que diga iso sen ter suficientes elementos de enxuizamento.

Porque do que se trata é de avaliar, na súa xusta dimensión, cada época en función do seu propio contexto, e non en función de ideais ou de idealizacións persoais. As mistificacións, sexan nun nun sentido ou noutro, deben ficar fóra dunha visión o máis precisa posible dos cambios políticos.

Neste sentido, a expresión “reconquistando…”, que vostede usa, pode conducir a determinados erros. Porque a imensa maioría dos que participaron na eclosión social e política que acompañou á Transición eran novas cohortes xeracionais que o único pasado que coñeceran era a oprobiosa e ominosa ditadura de Franco, e non homes que procedesen da República (coa excepción de Carillo e poucos máis).

Daquela, non se reconquistaba un pasado republicano que vivencialmente se descoñecía por remoto, senón que se conquistaba por primeira vez a liberdade. Por outra banda, se ben en termos estritamente políticos e institutucionais a Transición foi unha cousa (nada desprezable, por certo), cómpre non esquecer o que tamén significou nos planos da evolución social, cultural e económica.

En calquera caso, non se trata de comparar épocas que son irredutibles unha á outra para deducir de aí posibles eivas da Transición. As que houbo hai que explicalas en función do qué pasou e de cómo pasou, non de cómo a un lle gustaría que tivese pasado.

Non mo tome a mal, amiga Ana, pero semella que vostede ten unha visión excesivamente estereotipada e unilateral, tanto da Segunda República como da Transición. A primeira sería absolutamente marabillosa e perfecta, e a segunda pacata, alicurta e timorata. Pois nin tanto nin tampouco.

Explicar hoxe o franquismo en todas as súas dimensións é perfectamente posible e necesario, e eu, amiga Ana, non sosteño o contrario, como inxustamente me atribúe. E iso pódese facer porque houbo unha previa Transición á democracia. Non hai ningunha pexa que o impida, e por iso se está facendo cada día con maior precisión e exactitude: a bibliografía é aplastante neste sentido.

A idea de que hai unha lousa de esquecemento é algo que non se sostén hoxe en día, agás que queiramos seguir predicando unha visión vitimista que non se corresponde en absoluto coa realidade das cousas.

O pasado hai que coñecelo sine ira et studio, como dicía Tácito ao falar da historia de Roma.

En todo caso, o tema daría para moito falar, pero eu xa cansei de perorar.

(E agora non tomo té, senón un pouco de Johnny Walker etiqueta verde en vaso curto. Que pase unha boa fin de semana)

Anónimo dijo...

Que me desculpe don Santiago CaRRillo, por apelidalo Carillo.

Anónimo dijo...

Johnnie..., of course. En efecto, xa me fixo efecto.

R.R. dijo...

Apártome a un lado e fago un comentario sobre a serie de deuveleses ou deuvedeses (que das dúas formas pode e debe dicirse): o de Cortázar. Vexa o de Cortázar e xa me contará cal é o momento culminante da imperdible entrevista.

Saúde e sigan debatindo, por dios, non quería interrumpir.

cave canem dijo...

O dóce encanto do branco e negro.
Eu nunca fun quen de ver novamente aquela serie de episodios na que se narraban a aventuras do valeroso soldado Shweik, non sei se lembrades. Lástima. (Xa sei que me escapo do 'A fondo', pero as asociacións de ideas son así).

Ana Bande dijo...

¡parabéns Api! Vexo que o troco do té polo Johnny Walker non afecta nin o máis mínimo á súa extraordinaria capacidade discursiva. Sinto ter tirado conclusións erróneas das súas verbas, pero este medio de comunicación sempre nos deixa un pouco "a medias" neste intento de debatir temas tan transcendentais a distancia. Pero o mesmo lle ocorre a vostede cando di "pero semella que vostede ten unha visión excesivamente estereotipada e unilateral, tanto da Segunda República como da Transición". Eso tamén é, ao meu xuizo, tirar conclusións precipitadas.
Eu valoro motísimo a Transición, sei que en poucos anos botamos unha carreira que nos levou dende un período negro ata case a vangarda nos eidos político, social, económico e cultural. Malia todo deberíamos ser moito máis ambiciosos na procura de acadar sistemas de convivencia que garantan aos cidadáns esperanzas de futuro, e iso, penso eu, só se acada reflexionando moito sobre os erros do pasado, repasando continuamente as causas que levaron a períodos de empobrecemento cultural que inevitablemente rematan en tiranías, corrupcións, dictaduras e de alí a pouco a xenocidios.
Reconquistar un período de esplendor, logo dunha época escura, fixérono tódolos pobos e civilizacións. Sin ir máis lonxe, e por poñer un exemplo claro, no Renacemento os homes miraron ao lonxano pasado da antigüidade clásica para retomar as grandes obras das que hoxe nos sentimos tan fachendosos e esquecer os séculos escuros da Idade Media, na as estruturas de poder (igrexa, nobleza...) fixeron esquecer aos homes o seu poder para pensar e mudar as cousas.
Por iso, que os protagonistas da Transición (mire que a poño con maiúscula)non vivisen a IIRep. non os redime de esquecela de xeito tan contundente. Por outra parte, non teño idealizado en absoluto ese período, pero se vemos a patética historia de España do século XIX e comezo do XX, a II Rep. semella o comezo dun período de recuperación espectacular que as vellas glorias das nosas institucións máis desgarradores (igrexa, exército) non foron que deixar sobrevivir.
Ao final, estou convencida, tódolos problemas teñen moito que ver coa nosa cultura xudeo-cristiá que non deixa de eivar calquera intento de camiñar cara adiante.
Corto e pecho que penso que o estou a cansar de tanta perorata...aínda que da tanto gusto "falar" con vostede...

RR: Verei o de Cortázar e xa lle contarei.

CaveCanen: Estupenda a serie do soldado Sweik (ou como se escriba) ei de voltar a vela. Grazas pola lembranza.

Bah, Ana, defráudame.

E eu que pensaba, iluso, que me ía ofrecer unha botella de Johnnie Walker etiqueta azul!

(Nin vermella, nin negra, nin verde: etiqueta azul of course!)

Ana Bande dijo...

Amigo Api,xa vexo que ten o gusto moi refinado nesto das libacións, estea atento ao próximo pasatempo para contestar o primeiro e volva ao té para estar ben espelido porque penso que nin o gúgel o vai poder axudar.

Anónimo dijo...

Agardarei, pois, ansioso polo novo pasatempo (moito me temo que vou levar un carallazo que vou ter que volver´a escola primaria...).

Anónimo dijo...

eu vi no youtube um vídeo com suas pinturas

http://es.youtube.com/watch?v=I1g8Fg2YgCc

eu gostei muito dele, não sei vocês